Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Todos somos continxentes

Patricia A. Janeiro

0

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Hai unhas semanas, a escola do meu fillo mandou unha comunicación ás familias para informar de que a titora do seu grupo de primaria ía estar 10 días de baixa e que a consellaría se negara a mandar substituta. As crianzas, dicía a mensaxe, non deixarían de estar atendidas por profesorado de apoio, pero pareceulles importante que soubésemos que estaban sen a súa profesora.

Como docente non me sorprendeu isto, a consellería de educación, por norma, non cubre baixas de menos de quince días, nin adoita cubrilas se comezan un par de semanas antes antes dun período de vacacións. Cando se aliñan todos os astros, é dicir, cando un docente causa baixa polo motivo que for, de máis de quince días iniciais e lonxe do Nadal, Antroido ou Semana Santa, a Esfinxe aínda nos solicita unha proba de fe máis para poder contar cun profesor substituto na aula: a consellaría só chama persoal das listas en martes e venres, así que é habitual que o alumnado pase unha semana enteira sen clase mentres agarda a que todos os engrenaxes da roda da burocracia encaixen no sitio.

Así que a mensaxe de que o meu fillo ía estar polo menos dez días sen titora (leva un mes) non me sorprendeu, aínda que agradecín a comunicación. Como a dirección do seu centro dicía, é importante trasladar esas cousas ás familias. No caso das baixas médicas, a lóxica burocrática entra en terreos pantanosos: a consellaría de sanidade indica que a primeira revisión dunha baixa debe de ser, como moito, á semana, e a de educación que só se substitúen as baixas iniciais de quince días, o que vén sendo unha proposición errada, ou un Catch-22, se son vostedes fans de Joseph Heller. Non falo de escenarios teóricos, este curso o alumnado da miña titoría botou tres semanas lectivas sen varias materias, até que a dirección insistiu para que mandasen alguén. O ano pasado foron case dous meses.