Con 16 anos, a Luís Pardo deixáronlle un micrófono na emisora municipal do seu concello, Radio Culleredo, e xa non quixo soltalo. Antes de incorporarse á redacción galega de elDiario.es, dirixiu durante anos o Hoy por Hoy Santiago de Radio Galicia-Cadena SER. Polo camiño, tras licenciarse en Xornalismo, escribiu teletipos, formou parte do equipo fundador dunha radio e de dúas televisións (as dúas, pechadas), presentou programas de música en directo, percorreu Galicia facendo reportaxes, opinou en 20 Minutos, coordenou a investigación da serie “El Circo de los Muchachos” (o vindeiro ano, en Prime Video) e ata dirixiu unha efémera revista sobre baloncesto. É membro fundador e secretario da Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO), forma parte do comité de redacción da revista Luzes e foi colaborador -e un pouco culpable- do programa “Radio na Biblio” da Rede de Bibliotecas Escolares de Galicia.