'Ad maiorem Feijóo gloriam'

0

Que sei eu? Chámenme tolo, pero podería ser natural que nunha campaña electoral o goberno no poder exhibira os seus logros. Non o fixo. Nin propuxo nada para o futuro. Nada.

En Marín o 12 de febreiro Feijóo, o verdadeiro candidato, afirmou, sen que lle tremese a voz: “Chegaron a dicir que agora eu estou de acordo coas amnistías e os indultos”. “Chegaron a dicir”. Que cousas teñen estes xornalistas! Que poucas entendederas! Faltoulle dicir que eran uns burros que o interpretan mal todo.

Nun mitin en Sarria, dous días antes, o público escoitoulle dicir: “Claro que nós estamos a favor da reconciliación e faremos todo o posible para que aqueles que racharon a convivencia se reconcilien co Estado de dereito e coa convivencia do país”. Pero, sen dúbida, os asistentes entenderon mal. Que se pode facer cunha xente que non oe o que debería! 2024 é moito máis complicado que 1984. Naquela distopía de Orwell o Ministerio da Verdade tiña que reescribir a Historia, pero non cada 24 horas.

O caso é que destas cousas tratou a campaña. Non da sanidade nin da creación dunha empresa enerxética pública galega nin, en realidade, de nada en particular. Parece coma se se avergoñaran da súa xestión. Ou non teñen nada bo que dicir dela. Ou non teñen nada que dicir. Talvez sexa certo.

A sanidade. É un feito obxectivo que boa parte da sociedade está descontenta coa súa xestión. Cadrar as contas a base de conxelar o equipo de médicos en atención primaria, colapsar as urxencias ou demorar a atención nas listas de agarda non ten mérito. En 2023, máis do 50% das enfermeiras tiñan prazas temporais. Unha delas denunciaba que, en once anos, acumulara 557 contratos e cotizara cinco e medio: a precarización da atención acada niveis extremos. En realidade, o sistema aguanta polo extraordinario compromiso dos seus profesionais. Os médicos e enfermeiros están sometidosa un auténtico estrés.

Pode tolerar a sociedade galega converterse nunha potencia enerxética a base de muíños eólicos, biomasa, enerxía hidráulica, etcétera, sen que os beneficios revertan nela? Pode tolerar unha visión extractiva dos seus recursos que lle deixe só as faragullas? Sería importante a creación dunha empresa pública para que incidan en Galicia os beneficios da transición enerxética.

Son dúas cousas das que Feijóo e Rueda non falaron, enfrascados nas súas amnistías e indultos. A campaña xirou implicitamente sobre o futuro de Feijóo, que é, para eles, o que realmente se vai dirimir nestas eleccións. Convocáronas ad maiorem Feijóo gloriam.

Feijóo é quen protagoniza a campaña. Quen merece atención e a quen seguen as cámaras. Pobre Alfonso Rueda! O presidente de Galicia, o sucesor designado é pouco máis que un teloneiro de Alberto. El mesmo parece resignado a ese papel de NPC. Traduzo para os que non teñen fillos adolescentes: os NPC son, nos videoxogos, esas persoas que só teñen frases establecidas e que están no mundo para interactuar co personaxe principal, sen aportar nada á acción.

No que se refire a Galicia, quen atinou é Alfonso Aroca, enviado especial de La Vanguardia, que escribía nunha crónica: “O PP trata de persuadir aos seus electores de que o mellor é quedar como están”. Se os conselleiros e os demáis tecnócratas de a patacón pensan de verdade que a xente cre que “Galicia funciona” e que pasa o día na rúa dando chimpos de alegría por ter un goberno que non merecen, é que non saen dos seus despachos nin para tomar café. E así lles vai.