entrevista - ensaísta

Antón Baamonde: “Non lembro unha soa idea forza que Feijóo puxese na mesa”

Unha nova Olanda (Galaxia, 2021) busca outra ollada sobre Galicia. Unha que, ao dicir do seu autor, teña en conta a realidade: a dun país maiormente urbano que, se quere ter opcións de futuro, debe asumir a súa continuidade económica, social e cultural con Portugal. A fachada atlántica da Península Ibérica, ao cabo. O ensaísta Antón Baamonde (Vilalba, 1959), colaborador de elDiario.es, avoga por densificar a trama urbana e mellorar as redes de transporte. Nacionalista e partidario do federalismo, crítico coa calidade do debate público e as súas expresións políticas, deposita porén a maior carga da proba no presidente da Xunta de Galicia: “Feijóo en dez anos non propuxo nada. Non lembro unha soa idea forza que puxese sobre a mesa”.

Por que Galicia é un país urbano?

Hai décadas que máis da metade da poboación do país, o 70%, vive en contextos urbanos, tal e como define este criterio a Unión Europea. A cultura, os modos de vida, a sociabilidade, a identidade persoal, o consumo de masas, teñen os trazos dunha sociedade urbana.

Pero a definición de Galicia como sociedade rural aínda ten percorrido.

En Galicia o proceso de desagrarización aconteceu máis tarde que noutros lugares de Europa ou que en Estados Unidos, debido, entre outros factores, ao corte da Guerra Civil. Esa é a especificidade galega: o rural como universo de procedencia dunha parte da poboación está relativamente preto na experiencia de moitas persoas. Por ese motivo hai esa vinculación que, en último grao, ten visos de certa hipocrisía paternalista.

Esta transformación acelerada, e próxima no tempo, tamén foi traumática.

Está claro. De feito, chamoume a atención que Tuco Cerviño, nunha entrevista recente, dixese que, en Galicia, a cultura dominante seguía sendo rural. Paréceme unha cousa sorprendente. Porque hai identidades urbanas que veñen de moi lonxe e están moi establecidas na conciencia popular. A xente, ou xa os seus pais, ten a conciencia de ser dos Castros, na Coruña, ou de Casabranca en Vigo. Pero, por algún motivo, isto non foi obxecto de discusión social. As sensibilidades urbanas, ou mesmo as de barrio, son moi poderosas na Coruña, en Vigo ou noutras cidades e pásanse por alto.

O urbano en Galicia vai máis alá das sete cidades?

Á parte das sete cidades, as dúas zonas con maior poboación son a Ría de Arousa e a costa de Lugo, con moita riqueza económica. As súas formas de vida non son as de Vigo ou A Coruña, cidades que rozan os 300.000 habitantes, pero son tamén basicamente urbanas.

Afirma que “por algún motivo” a Galicia urbana non foi sometida á “discusión social”. Que motivo?

Hai un tipo de reflexión que é xenérica e funciona con parámetros estandarizados. E despois adoita suceder que as reflexións en Galicia e sobre Galicia sexan, como é o meu propio caso, a cargo de galeguistas e nacionalistas. Nese ámbito, estaba asumido que a poboación maioritaria era rural e, por así dicilo, o suxeito político tiña que tomar en consideración ese dato. Na miña opinión, isto era comprensibel antes da guerra e menos comprensibel desde a Transición democrática.

Por que?

Galicia sempre foi politicamente plural. E o galeguismo antes da guerra foi minoritario. Ao repasar os principais nomes do galeguismo, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Cuevillas, Peinador, Cabanillas, Peña Novo... faise obvio que era un movemento mesocrático, de clases medias. Para o contexto galego, mesmo de clases medias altas. Como digo ás veces con certa sorna, Otero Pedrayo posto hoxe aquí sería un pijo de libro. Na xeración da Transición, o imaxinario maoísta -o de labregos, obreiros, mariñeiros, o frente de liberación nacional dirixido por un partido comunista- interactuou co imaxinario agrarista previo. Fíxose aí un convoluto un pouco estraño. Agora publícanse libros sobre historia de Ourense, da Coruña, de Lugo pero, con todo, pensar o feito urbano en Galicia a outro nivel segue sendo extraordinario.

Precisamente unha das teses centrais dunha Nova Olanda é a concepción de Galicia como cidade única. Pero o localismo, adoito funcional ao centralismo español, é aínda un factor activo.

España é un país centralista, onde Madrid quere ser París. Pero Barcelona e Bilbo son tamén polos. Aquí había esa idea de Vigo como a Barcelona do Atlántico, ao meu ver errada. España é un país centralista pero foi historicamente policéntrico: a capital, Madrid, era política, pero a economía era Barcelona, Bilba... E estaban Valencia ou Sevilla.

É unha das grandes disfuncións do Estado español, politicamente centralista pero social, económica ou culturalmente plural.

Agora queren resolvelo implementando economicamente Madrid. O meu modelo máis ben é o holandés. Historicamente Galicia tamén foi policéntrica. Aquí non hai, nin é previsíbel que vaia haber, unha única cidade rectora. E o universo das comunicacións xa é outro. Cantos exemplos hai, empezando por min e a miña familia, de xente que vive na Coruña pero traballa en Santiago, ou vive en Vigo e traballa en Santiago, ou vai de Vigo a Pontevedra...

Pero o transporte público non acaba de funcionar como debera.

Galicia non ten unha boa planificación ferroviaria, aínda que agora un pouco mellor que hai dez anos. Cando se puxo o tren máis rápido de Coruña a Vigo resultou que era unha das liñas máis rendíbeis de España.

E máis usadas.

E das máis usadas. Había unha demanda para a que non había oferta. Unha boa comunicación, especialmente por tren, daría máis extesión a algo que xa é un dato real, esa interdependencia entre cidades. A maior parte da poboación vive no eixe atlántico e está unida por autoestrada e polo tren. As cidades galegas son distintas, con especificacións económicas diferentes que crean identidades urbanas distintas. Talvez Coruña é máis o sector servizos, Inditex é a gran marca local. En Vigo é Citroën. Se Galicia é un sitio atractivo e quere evitar perdas de poboación, á parte da paisaxe, o clima ou a alimentación, debe redimensionar o seu fenómeno urbano.

Por que esta realidade urbana e policéntrica acaba derivando a miúdo cara á competición e non cara á cooperación?

A palabra clave é cooperación. Ademais de admitir que o ámbito é Galicia e o norte de Portugal. Do punto de vista da loxística, da distribución... Se che interesa crear un mercado interno, agora que non existe fronteira política con Portugal, é evidente. Porque ves o mapa da Península Ibérica e está clarísimo: o eixe mediterráneo; no centro Madrid; e Galicia e Portugal, de Ferrol a Setúbal. Pero o poder político en Galicia ten que ver coas provincias agrarias. As cidades están gobernadas por binomios progresista e nacionalista.

As cidades e as súas áreas metropolitanas.

Exacto. Pero o poder na Xunta ten que ver con esa poboación que en número é menor e a súa representación política é o PP.

A relación entre Galicia e Portugal é un dos grandes tópicos da política galega. Todo o arco parlamentario asegura defendela. Pero nunca acaba de concretarse nunha estratexia clara, e logo a alta velocidade a Madrid acaba concentrando todo o debate.

De entrada, todos os expertos din que o AVE beneficia á cidade central. Un AVE Galicia-Madrid beneficia a Madrid. Segundo, un dos sentidos do meu libro é apuntarse ao modelo da España en rede. Pero o modelo da España en rede significa ter en conta Portugal e o que propón o seu primeiro ministro: conectar Portugal ao sur con Alxeciras e ao norte con Galicia e o Cantábrico. Se Galicia quere protexer a súa unidade de mercado e o seu aspecto estratéxico -no sentido de por exemplo mellorar o tráfico marítimo ou calquera parámetro- teno que facer con Portugal. Debería ser un eixe da política galega compartida polos tres partidos. A continuidade demográfica, económica e social con Portugal é obvia e evidente.

E cultural.

E cultural, por suposto! Ese lazo é o que pode evitar que Galicia, aínda cun nivel de vida relativamente decente, siga perdendo peso demográfico ou económico.

Por que esta cuestión non se concreta politicamente máis alá da retórica?

Feijóo é un mal xestor e unha persoa sen ideas. O que quería ser de maior, non sei se aínda está a tempo, era líder da dereita española. Todo o aparato institucional da Xunta e o seu organigrama político cultural púxoos ao servizo de non molestar a mentalidade dominante en Madrid. Este é un aspecto do problema. E logo o programa de goberno da oposición debería ser este, implementar as conexións por estrada, por tren, por avión, con Portugal. Non se trata dunha política de esquerdas ou dereitas, senón de puro medre económico e social. Na miña mente está relacionada cunha idea federal e policéntrica, pero tan sequera tes que ser federalista ou partidario dunha España policéntrica para defender este plan, abonda co puro argumento económico.

A crise climática non pode interferir en ideas centrais que expón Unha nova Olanda, por caso no aumento da mobilidade que require o concepto da Galicia urbana?

A mobilidade vai estar determinada polo cambio a unha economía descarbonizada. Do punto de vista climático, en 2050 Madrid pode ter o mesmo clima que Marrakech. O clima en Galicia, pola contra, é fabuloso e sensacional e un futuro atractor de poboación. Do punto de vista da mobilidade sostíbel, trátase do tren. Galicia, como estudou o economista Albino Prada, ten demasiados automóbiles. Porque en vez de promover as cidades densas, facilítase esta cousa libertaria, no sentido norteamericano, de esparexer as casas, cos problemas que iso ten. O problema da pouca sostibilidade xa o ten agora Galicia. Favorecer a trama, a densidade urbana, e a conectividade a través do tren e doutras formas de transporte público daríalle sostibilidade ecolóxica a Galicia.

Esta trama urbana espallada está relacionada coa histórica dispersión da poboación galega?

Cando se ten lástima desa Galicia tan rural, tamén se menospreza esa trama urbana, secular en Galicia, que foron as vilas e que funcionan como núcleos de urbanidade. Eu son un neno vilego, non son un neno de aldea. O meu universo nos anos 60 xa era Massiel [ri]. Cal foi o cambio coa desagrarización? Moitas destas vilas quedaron bloqueadas ou reduciron peso e poboación, como foi o caso de Vilalba.

E agora?

O gran cambio é que a poboación vive na AP-9, nas cidades e as súas contornas, que habería que planificar como un conxunto. As clases populares de antes son as que viven agora nas periferias urbanas. Son o novo suxeito social, que por certo vota case sempre progresista e nacionalista. Outro dos asuntos políticos fundamentais tería que ser mellorar as condicións de vida non só nos centros das cidades senón en áreas urbanas máis amplas. A Galicia urbana ten que deseñarse porque é onde viven os traballadores de hoxe.

Algúns dos problemas estruturais que sinala o libro -a demografía, a desindustrialización, a extinción do sector primario- non son exclusivos de Galicia. Onde reside a súa especificidade?

Manchester ou Liverpool teñen menos peso hoxe en Gran Bretaña que hai trinta anos. Londres ten máis poder. Son fenómenos que non só pasan en Galicia nin en España. Pero en España é específico porque a capital era de funcionarios e militares, non económica nin industrial. Isto quéreo resolver España desde hai 100 anos. Hai unha conversa entre [Juan Antonio] Suanzes, ministro de Industria franquista, e Dionisio Ridruejo no ano 40 ou 41 en que di que hai que promover Madrid como capital industrial para reducir o peso de Catalunya e do País Vasco. Pero nós somos galegos e temos que intentar promover a riqueza e o desenvolvemento do país. Ou a imaxinación social non serve para nada, e polo tanto tampouco a política, ou o problema está en que aquí temos un tipo de industrias condenadas á extinción e a imaxinación social e a política deberían buscar novas alternativas.

Por exemplo?

Unha vez [o historiador Lourenzo] Fernández Prieto explicábame que Inditex sería impensábel sen toda unha trama anterior existente de pequenos talleres de costureiras.

A acumulación orixinaria de Inditex.

Exacto. Ás veces hai saberes sociais, no caso de Vigo ou Ferrol o saber naval, que deben ser redirixidos. Para iso está a imaxinación social e a política non só entendida como os partidos, que tamén, senón as súas contornas intelectuais. Un dos problemas é que a conversa en Galicia é moi reiterativa.

Hai un défice de imaxinación social en Galicia?

Obvio.

E polo tanto de política.

E polo tanto de política. Se falamos de Feijóo paréceme obvio, porque Feijóo en dez anos non propuxo nada. Non lembro unha soa idea forza que puxese sobre a mesa. Galicia en xeral é un país conformista. Tampouco as outras dúas forzas políticas do arco parlamentario estiveron moi preocupadas por elaborar programas ou por xerar laboratorios de ideas que ofrezan ao país opcións de futuro.

A pregunta é de novo a mesma: por que?

Eu intentei sacar ao debate cousas como o das caixas, no seu momento, que para min é un dos grandes fiascos do bipartito: non aprobar unha lei de caixas por covardía. Ou o tema da AP-9.

A AP-9 si está na conversa pública.

Chegou a estar, si. Como é posíbel que pagues un pastón, cos efectos económicos que implica, por ir de Ferrol a Vigo? Como é en cambio posíbel que pareza natural de toda a vida que vaias a Madrid sen pagar un peso? Son debates que revelan a pobreza aspiracional de Galicia. Aquí as clases medias son moi recentes, están contentas, teñen a sensación de que chegaron e o seu nivel de aspiración é escaso. Porque o seu nivel de aspiración real é non empeorar.

Defende a necesidade de incorporar expertos á cousa política. Pero, se tomamos como paradigma a anterior crise do neoliberalismo e a tecnocracia que dirixiu a súa saída, o problema non foi a máis ben a falta de política?

A reacción da Unión Europea en 2008 e a reacción de agora responden nos dous casos á análise de quen manda, Alemaña. O programa de austeridade, co caso particular de Grecia, responde a un traxe feito a medida de Alemaña. Agora tamén. Porque todos sabemos que de non haber os fondos Next Generation, unha fórmula keynesiana entre aspas, a UE podería entrar en crise. Europa é un continente e todo o mundo sabe que o eixe do mundo se esta desprazando cara ao Pacífico. O problema de Estados Unidos é con China e Europa para Estados Unidos é un asunto menor.

No caso galego?

Non son partidario desas palabras un pouco baleiras, innovación, creatividade, pero si creo que falta investigación social, imaxinación social cultivada e non de falabaratos. Ademais, existe unha enorme pobreza conceptual por parte dos partidos. Porque, no fondo, os partidos vívense como epifenómenos do Estado. É dicir, como xestores sen inventiva do Estado. Cal é o tema político en Galicia? O financiamento. É un tema, hai que negocialo, pero, á parte de financiar os servizos básicos, cal é o proxecto? Cal é a idea? Non insisto tanto en que haxa uns tipos súper listos e súper espabilados como en preguntar: “Cal é a idea?”.