Galicia Opinión y blogs

Sobre este blog

18F: Inicio dun camiño

0

O 18F foi como o 23X, pero ao revés. Naturalmente, o PP puxo toda a súa inmensa maquinaria para evitar perder as eleccións, pero tamén se deu unha mobilización dos seus votantes. O balbordo da posibilidade de cambio chegou aos seus ouvidos e decidiron acudir ás urnas para evitala.

Aínda que en Galicia hai moito voto do ut des –douche para que me deas-, hai tamén moitísimo voto conservador porque é conservador. A maraña de redes e intereses derivados dos corenta anos que a Xunta foi un feudo popular é mesta. O obsceno e constante partidismo das confrarías de pescadores só é un exemplo. Pero sería necio ignorar que o incremento da participación nos centros urbanos responde a unha auténtica pulsión de dereita. Máis morna ou menos morna.

A campaña do BNG foi magnífica e a do PSdeG, aínda cos resultados e as interpretacións derivadas, non foi mala. A do BNG constituíu un experimento social. Unha candidata apropiada e unha mensaxe que rompeu tópicos lograron que o nacionalismo rompera os seus límites previos. Se o BNG segue camiñando nesa dirección talvez poderá aspirar a articular o país. Non é fácil, de todos os modos.

Pola súa banda, o PSdeG foi sepultado pola avalancha do éxito nacionalista e pola propaganda antisanchista, que ve no actual presidente a encarnación da anti-España. A mentalidade democrática parece ceder ante unha concepción estreita, por identitaria, do que España sexa. Son acentos antigos que regresan, se algunha vez marcharon.

 Sucede, para rematar, que os coñecedores das interioridades do partido aducen que, ademais, moitos alcaldes mostraron pasividade. Non por nada, simplemente non era o seu negocio. Cabe, finalmente, que unha fracción, cuantitativamente pequena pero significativa, doctrinariamente felipista, se sentira incómoda coa posibilidade dunha presidenta nacionalista.

 Pero en conxunto foi unha boa campaña electoral. Houbo partido. Así que, se a campaña estivo ben, ata o punto de inducir o medo no PP e facer que, por un momento, temese perder o control da Xunta, que fallou?

En realidade, podería describirse a situación política en Galicia como de equipotencia con tendencia ao estancamento. Equipotencia porque no promedio das diversas convocatorias electorais apenas o 2 ou o 3% do electorado separa a vantaxe de cada banda do espectro respecto da outra. Depende fundamentalmente do carácter da elección aínda que o momento político inflúa. Estancamento, porque ningún dos bloques consegue obter unha vantaxe decisiva. A dereita tivo unha inflexión á baixa dende o comezo da democracia ata frisar o século XXI, pero dende ese momento conseguiu manterse nese nivel e reter o control da Xunta de Galicia. Non así o de concellos ou deputacións, onde foi quedando fóra de boa parte dos gobernos.

Así que a pregunta é: por que socialistas e nacionalistas non conseguiron que a curva de declive da dereita continuara no ámbito autonómico dende comezos de século?

E a resposta é: o PSdeG necesita ter interese en gañar a Xunta e en desenvolver unha visión consistente de Galicia. Non a ten a día de hoxe. Necesita fraguar como partido consistente e non mera agregación de alcaldes. Non pode seguir sendo incoloro, inodoro e insípido. Pola súa banda, o BNG necesita aggiornamento. Necesita poñerse ao día, rompendo con aspectos da súa cosmovisión que supoñen un límite obxectivo para poder converterse en expresión da maioría social. Os dous partidos son dabondo transversais para encarar esas tarefas. Son verdades incómodas que sabemos todos, dende hai xa moito tempo, pero que os hooligans e os apparatchiks de ambas formacións se empeñan en negar.

Dos dous, o que está en maior perigo, tanto en Galicia como en España, é o PSOE. Depende de como evolucione a situación, pode virse abaixo. Non é unha quimera catastrófica. Véxase o caso francés. Pedro Sánchez sacouno da debacle que supoñería a vitoria interna de Susana Díaz, pero a actual lexislatura está chea de perigos, entre os que a acción política de determinados xuíces non é o menor. O que buscan é tombar o goberno e provocar que o PSOE entre en crise. E, se o PSOE se derruba, aí está Italia para mostrar un camiño. PP e Vox non tardarían en encher o espazo. Sería un desastre para España e para Europa.

Entre 2009 e 2024 o PP practicamente non tivo competencia real en Galicia por incomparecencia dos contrarios. Estas eleccións marcan o inicio dun camiño posible. Iso é o que debería quedar en claro. Repito a Marco Aurelio: “Ninguén che dixo que a batalla fose fácil”.

O 18F foi como o 23X, pero ao revés. Naturalmente, o PP puxo toda a súa inmensa maquinaria para evitar perder as eleccións, pero tamén se deu unha mobilización dos seus votantes. O balbordo da posibilidade de cambio chegou aos seus ouvidos e decidiron acudir ás urnas para evitala.

Aínda que en Galicia hai moito voto do ut des –douche para que me deas-, hai tamén moitísimo voto conservador porque é conservador. A maraña de redes e intereses derivados dos corenta anos que a Xunta foi un feudo popular é mesta. O obsceno e constante partidismo das confrarías de pescadores só é un exemplo. Pero sería necio ignorar que o incremento da participación nos centros urbanos responde a unha auténtica pulsión de dereita. Máis morna ou menos morna.