Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Concellos e economía
Nos temas dominantes no debate político actual, perdeu forza aquel ataque ao rol do público na economía, que iluminou na época de Aznar todas as rotas das privatizacións. Aquilo era basto, pero a súa persistencia e repetición acabou calando no ideario colectivo en forma de verdade adquirida: o público -dicíase- é ineficaz, custoso, pouco áxil e anticuado. Hoxe os adails do liberalismo non precisan campañas de trazo groso como aquela, xa que os plans responden a unha estratexia de desgaste de feito, mais con resultados mesmo mellores (aos seus fins), que os daquela propaganda. É suficiente non repoñer persoal nos organismos da administración ou dos servizos públicos, para que, sen outra organización recomposta, resulten ineficaces, xerando uns custos engadidos para as actividades privadas. De aí o corolario de que é mellor privatizar case nace de seu.
Por exemplo, en sanidade, xustifícase desde os gobernos do PP que os problemas actuais son debidos á falta de médicos, mais o persoal non desapareceu por consunción. Un administrador debe saber cando e como repoñer persoal para seguir funcionando. O resto do discurso só é unha escusa de mal xestor que coa súa actitude funciona como un obstáculo á vida económica diaria, en lugar dun apoio público. Un só caso pode servir para ilustrar: se os trens de proximidade e o metro (nas cidades que gozan deses servizos) non son pontuais e cumpridores en frecuencia, as cidades non funcionan: entran en caos. A maiores, un bon funcionamento non é só un gasto a asumir polo erario público, senón que pode contar con empresas públicas cunha vida óptima en rendibilidade.
Non obstante, adóitase ollar moi pouco para o papel económico das institucións locais, cando a súa importancia é decisiva, tanto na xestión administrativa da vida diaria de cidadáns privados como na das empresas: en análise económica son observábeis como unha parte do Estado e valorábeis na súa contribución ao crecemento económico e ao benestar dos seus habitantes. Os concellos -adóitase dicer- son o primeiro chanzo e máis próximo á vida dos cidadáns. Certamente, e de funcionaren adecuadamente, poden ser un contributo neto ao desenvolvemento acaído da vida ordinaria dos cidadáns e da das empresas instaladas no seu territorio. O subministro de bens esenciais -auga por exemplo- ou a regulamentación da vida colectiva na urbe ou nas entidades singulares de poboación precisan da actuación eficiente dun concello.
O problema é a inadecuación do funcionamento desta administración ás necesidades dos cidadáns ou das unidades de produción. Engadiremos que levar a cabo as accións da administración fóra dos cambios técnicos e de coñecementos medioambientais actuais constitúe unha traba ao desenvolvemento e ao benestar: captar, distribuír, controlar, reciclar, economizar e volver a distribuír auga potábel non se pode circunscreber ao territorio dun concello -e moito menos coas técnicas e controis do século pasado- por razóns de tamaño, e de feito, por necesidade, non se funciona así.
Igualmente é inconcebíbel, estudando o mercado da construción, que as normas no territorio galego sexan orixinadas nos concellos e que a actividade e cálculo económico das empresas viva pendente dun fío administrativo incerto, cunha demora de meses para permisos e requisitos. Nos catro últimos anos, pandemia á parte, observamos algún cambio de melloría na xestión dos concellos? Dá a impresión nunha primeira ollada de que os maiores problemas da xestión municipal, pendentes desde hai lustros, non foron resoltos e na maioría dos casos, nen sequer abordados. Non atopamos respostas nen accións propositais no campo da xestión municipal na maioría dos concellos galegos, e o máis magoento é que esta ausencia xoga en contra dos intereses económicos da cidadanía galega.
A listaxe de problemas observados afecta en profundidade ao desempeño das actividades dos servizos públicos municipais e ás actividades económicas privadas. O primeiro problema vén dado polo número e tamaño dos concellos; vinculado a este, a operatividade e funcionalidade do sistema de ordenación do territorio. Citamos tamén a atomización e diseminación de competencias cando o territorio é un, e como tal debía ser gobernado: a dispersión administrativa é favorábel ao incremento das diferenzas e mesmo pode resultar foco de inxustiza relativa. As discrepancias nos criterios urbanísticos e no cumprimento das normas sanitarias afecta a todo o territorio e non só aos do mesmo padrón. Así mesmo, os cálculos dos custos empresariais nos investimentos mudan dun concello a outro, ás veces de maneira escandalosa. Ao existir unha superposición de distintas administracións na regulamentación de certas actividades, xéranse tamén trabas burocráticas que impeden de feito un bon fluír das actividades económicas.
En Galiza hai 313 concellos cuns ingresos orzamentados en 2022 de máis de 2.693 millóns de euros. Se descontamos o destinado ás sete cidades, quedan 1.547 millóns para cobrir as necesidades de 306 concellos repartidos por unha superficie territorial ben diferenciada. Coñecida a tendencia ao baleirado dos concellos rurais como realidade, tamén o é que nas sete cidades (é dicer, nos sete concellos das cidades) non vive a maioría da poboación galega: os 306 concellos restantes -da nosa referencia- están poboados por polo 63,6% da poboación total galega. E o feito de observar a realidade da vida dos cidadáns polo seu empadroamento é relevante á hora de coñecer dereitos, servizos e nível de benestar.
A racionalidade administrativa, a adecuación á xestión capaz nos tempos presentes, o coñecemento na utilización de todos os recursos disponíbeis para uso municipal está suxeito -na práctica- a unhas grandes diferenzas dependendo do tamaño municipal, e non son precisamente os pequenos e medianos os máis eficientes. E, á súa vez, os cidadáns, en tanto que usuarios, e os titulares de empresas como demandantes de servizos municipais, viven nun continúo stress administrativo comparándose coas cidades, en tanto gozan de servizos individuais e colectivos de todo tipo. Cal é a proposta de solución deste desaxuste? Pola nosa parte, ben simples: eliminar unha grande parte dos concellos existentes, reunindo en cada cabeceira de comarca a administración local. A dotación en orzamentos e a capacidade de xestión para os servizos prestados por novos entes locais, deseñados ex novo, debería ser o froito dunha reforma administrativa, pendente desde o inicio do século XXI, non só na Galiza, senón en todo o Estado.