Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
La portada de mañana
Acceder
Sánchez rearma la mayoría de Gobierno el día que Feijóo pide una moción de censura
Miguel esprinta para reabrir su inmobiliaria en Catarroja, Nacho cierra su panadería
Opinión - Cada día un Vietnam. Por Esther Palomera
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

A cuestión Moraima

Carteles contra el decreto del plurilingüismo de la Xunta, en una imagen de archivo.
19 de septiembre de 2021 06:00 h

0

A primeira hora da tarde de onte, o cantante Xabier Díaz subía unha foto á súa conta de Instagram. Unha imaxe tomada hai uns días –na presentación de Agnes, a segunda novela de Javier Peña–, pero que sacaba á luz no momento máis oportuno. Xabier posaba cunha nena loura de tres anos á que estes días seguro que todas vistes tentar razoar con ese aparello do demo chamado Siri. “Aquí, coa actriz de moda”. E tanto que o é.

A Moraima coñeciámola de Cuñados, onde o seu “Alabado!” acababa convertido nun auténtico running gag. A pequena encheuse de roubar planos a Xosé Antonio Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez. Quedaba claro que estaba chamada a interpretar axiña un papel protagonista; o que non imaxinamos é que sería un man a man co asistente de Apple.

Cando escribo isto, o vídeo orixinal, compartido en Facebook pola súa nai, Alexandra –xornalista e profesora de Lingua Galega– vai camiño das cen mil reproducións. Pero quen de verdade viralizou a pequena foi o seu pai na ficción, Touri. O seu chío anda xa polas 230.000, pero as copias e a distribución polos grupos de whatsapp permiten intuír que o número real multiplica varias veces esa cifra.

Primeiro, Moraima foi transversal na esquerda. Como mostra, no meu timeline, as primeiras respostas son da vicepresidenta Yolanda Díaz e dous políticos cun pé en Bruxelas: a nacionalista Ana Miranda e o socialista Nicolás González Casares. Pero o fenómeno foi tal que ata o conselleiro de Educación quixo achegar o seu chío: “Non podo prometer que Siri nos vaia axudar algún día a ‘recoller as cousas’, pero coido que máis pronto que tarde falará galego grazas ao #ProxectoNós no que @Xunta e @UniversidadeUSC xa estamos traballando”, escribiu Román Rodríguez.

O pai de Moraima –o real– non tardaba en responder pola mesma vía: “O problema non é só Siri! Gravamos a nosa filla falando en galego porque agora que inicia a súa escolarización deixará de falalo coma lle pasa a todas as crianzas!” –contestaba o arquitecto e concelleiro de Compostela Aberta Jorge Duarte–. “O problema é que faltan políticas que fomenten o uso do galego para que deixe de parecer unha lingua de segundas!”. A isto, de momento, o conselleiro segue sen contestar. Ao chío tampouco respondeu.

E esta é a cuestión clave. Moraima xa era a única galegofalante na súa aula da gardería; tamén é a única cando xoga no parque, “onde miran para ela como unha extraterrestre”. Esta semana, só uns días despois de empezar no colexio, a súa nai descubriuna ensaiando castelán diante do espello: “Lo siento mucho, cariñito mío”, repetía coidadosamente unha e outra vez. “Xa está percibindo o que acontece ao seu redor”, conta resignada Alexandra.

A preocupación dos seus pais está máis que xustificada. Entre 2008 e 2018, o número de rapaces que nunca usa o galego aumentou do 29 ao 44%. Nun informe demoledor, o Consello de Europa concluía que a presenza do idioma propio no sistema educativo de Galicia “é insuficiente, particularmente a nivel preescolar”.

Unha década despois da aprobación do bautizado eufemisticamente como Decreto do Plurilingüismo, os resultados falan por si mesmos. O conselleiro que o asinou, Jesús Vázquez –logo, alcalde de Ourense– abandonaba estes días a actividade pública, vítima do dominio absoluto do baltarismo no seu partido. Agora, diante do seu alumnado da universidade, goza dunha tribuna privilexiada para contemplar o froito da súa obra.

Como futuros pais a piques de saírmos de contas, na casa entendemos perfectamente a Jorge e Alexandra. Motivos de alarma sobran na nosa contorna máis próxima. Só un exemplo: o afillado da miña parella –criado nun ambiente galegofalante– non tardou nin un trimestre de escola en cambiar de idioma. Antes das vacacións de Nadal do seu primeiro curso xa se pasara ao castelán. Non só iso, anoxábase con quen usase a lingua na que el sempre falara ata entón. Seguramente pola influencia do maior, os seus irmáns pequenos nin tan sequera chegaron a usalo nunca.

Máis aló da tenrura e os torrentes de emoticonas con corazóns multicores que hoxe nos provoca Moraima, o seu vídeo ten unha evidente función notarial. Quizais, como di o conselleiro, Siri si entenda galego dentro de pouco. O que temo é que, cando iso pase, nin Moraima nin moitas outras crianzas da súa idade vaian necesitar xa desa función...

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats