Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Débeda pública galega: tamaño, evolución e terxiversación
A semana pasada, nas Cortes españolas, no debate de investidura fallido do sr. Núñez Feixoo, foi tachado polo representante do BNG, sr. Rego, de dubidoso xestor no que a economía pública se refere, xa que no seu mandato na Galiza non cesou de medrar o tamaño da débeda pública e isto non foi acompañado de investimentos públicos para exhibir algo de éxito. De maneira recalcitrante, igual que tiña feito no Parlamento galego, a contestación do candidato a formar goberno español, e nun ton de suficiencia que denota má praxe parlamentar, contestou que a débeda pública galega era a que menos tiña medrado de todas as comunidades autónomas. Sendo isto certo, podemos unilo a unha longa restra de aseveracións certas, formalmente, mais de dubidoso contido no debate parlamentar e, por suposto, na análise económica. Algunhas evidencias en economía deberemos inscribilas no apartado de ‘nonadas’. Por exemplo, o PIB per capita medrou nos últimos anos. Si, o PIB per capita nominal. Falta saber a evolución en termos reais e a evolución do denominador: se decreceu a poboación, á forza, o resultado da fracción mellora. Outra: a evolución do salario foi positiva. Si, é case sempre certo, mais, como foi a evolución do salario real e como evoluíu a inflación, é dicer, o significado do poder adquisitivo do salario, e como evoluíu a variábel emprego... E así outras moitas aseveracións sen significado material nengún.
Hai varias formas de se referir á débeda pública, como case a todas as variábeis fluxo: unha é aludindo ao tamaño nun momento do tempo, mesmo na súa evolución en relación ao PIB, outra é o traxecto sobre si mesma, e outra é se referir a ela comparando a súa evolución coa doutras economías, sen ter en conta outras variábeis de significación probada. Mesmo na Galiza o feito de someter a economía a maior presión de débeda pública non é a mellor maneira de xestión, xa que, sen ondas de crecemento económico certo ou previsión de investimento público en actividades directamente produtivas, a garantía de devolución submete o conxunto da economía a tensións extremas. A débeda dunha grande economía solvente e fortemente industrializada, capaz de xerar período a período ingresos fiscais crecentes, non ten o mesmo risco solvente ou tensional que o dunha economía pequena, a nosa, con dificuldades certas, e só cunha modificación leve dos rubros de ingresos.
Así mesmo, non se poden comparar, porque non significa nada, dúas economías disímiles, quer dicer, non homoxéneas. Se se me permite a comparación -xa sei que se me permite, mais é un recurso retórico- esta última modalidade de se referir a ela (comparando a evolución no tempo entre CCAA) é como falar da anemia dun neno póndoa en relación coa dun famento que evoluíu pior. Xusto isto é o que se fai cando se di: a débeda galega é a que menos medrou en comparación coa doutras comunidades autónomas. Dicer isto e nada todo é nun, porque non se sabe o ponto de partida, non se cita o tamaño en termos absolutos da débeda presente, non se cita o peso da débeda sobre o PIB galego, non se sabe canto se debe pagar por servizos da mesma e, finalmente, mais moi importante, non se sabe o uso que se fixo da cantidade pedida a empréstimo.
Examinando, en primeiro lugar, os tenedores da débeda galega entre 2009 e 2022 hai notábeis diferenzas: en 2009, a débeda co Estado era 0; en 2022 debemos 3.435 millóns de euros. Aos bancos españois, en 2009, debiamos 963 millóns de euros e agora 4.502. Cos bancos estranxeiros tíñase contraído un monto de débeda en 2009 de 942 e agora é de 935, e, finalmente, a débeda a través de bonos é menor en 2022 que en 2009. O significado dunha primeira leitura destas cifras é evidente: semella que hai menor capacidade de xestión en lograr fondos en mercados privados moi requeridores de solvencia e manexo financeiro; e semella que sen maior traballo se lle debe ao Estado ao mesmo tempo que a xestión dos ingresos diríamos que é singular.
Comparando con outras comunidades autónomas tamén é preciso engadir outras consideracións: o aumento de débeda en comparación co PIB total. A proporción na Galiza é superior á de Asturias, Canarias, Madrid, Navarra, Euskadi e La Rioja e se comparamos coa débeda per capita tamén nas distintas comunidades, Andalucía, Asturias, Canarias teñen máis baixa que á da CA galega, á vez que é moi semellante en valor á de Extremadura ou Navarra. Este dato é preciso cruzalo coa evolución do PIB per capita das distintas comunidades nese período: en termos nominais, agás as comunidades das Illas Canarias e Balears, o PIB aumenta en todas cun degrau de significación completamente distinto por dúas consideracións: a evolución demográfica e o aumento significativo ou non do PIB.
Na comparación dos gastos financeiros xerados polo aumento do tamaño da débeda, é preciso sinalar o nacemento, a metade de período (2014) do FLA (Fondo de Liquidez Autonómica), porque mudou completamente a conduta fronte á débeda das CCAA. Este mecanismo nacido para facilitar pagmentos das comunidades con dificuldades financeiras, foi creación do Estado. Así, superábase momentaneamente a tardanza en fundar un novo sistema de financiamento autonómico. Ao FLA acoden en tropel as CCAA porque é moi barato (tende a ser cero custo) e suplanta a busca financeira no mercado. Por esta razón, na evolución dos servizos da débeda hai unha quebra na suba producida entre 2009 até 2015, ano en que comezan a baixar en cuantía notábel os gastos financeiros da débeda, mesmo cun movemento contrario do monto total da mesma, que segue en aumento. Non foi pericia na xestión, senón ventos favorábeis das cesións estatais.
Ao tratar de débeda pública restan aínda dous aspectos a considerar neste complexo tema: non é posíbel disipalo cunha chanza máis ou menos ocorrente, mesmo en sede parlamentaria. Hai outros gastos que non se inclúen no capítulo de débeda, mais son compromisos adquiridos de pagamento anuais para lle facer fronte a investimento. En concreto, pola adxudicación de contratos para: AG-56, Vía Rápida VRG-4.1 O Salnés, Vía Rápida do Barbanza VRG-1.1, A-52 Fronteira Portuguesa VAC A-52 Celanova, Autovía Costa da Morte e Concesión Obra Pública Novo Hospital de Vigo. Até 2040 a Xunta debe pagar, en incómodos prazos anuais un total de 2.050,63 millóns de euros. E ao fin, e de maior interese público, cómpre dar contas de como se gastaron os fondos pedidos a empréstimo e como se deseñou a política de ingresos fiscais para garantir tanto o pagamento como a xustiza no reparto da carga.