Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
A fin do mundo

Semella que sempre estamos a agardar polo meteorito, ou sequera a recalcular a súa probabilidade de impacto na terra, contendo a respiración mentres sube do 1 ao 2%, imaxinando que caerá en Nova York, que é onde caen os meteoritos das películas, despois de desprendérenselles algúns anacos ao entrar na atmosfera, que van dar, invariabelmente, á torre Eiffel e ás pirámides de Gizeh.
Son estraños os chistes, a ansia coa que apremamos ao meteorito desde as nosas redes sociais, o confort que parecemos atopar nunha catástrofe a escala planetaria, como se a resposta a todos os problemas da humanidade pasase por rematar coa humanidade, como ver o partido no campo da casa e torcer polo equipo contrario. Se cadra nos afixemos a torcer polo equipo contrario a base de rirlles as grazas e perdoarlles as miserias aos patróns.
Non sei se é pola sensación permanente de estar á beira do precipicio que impoñen os algoritmos e o scroll infinito, pero teño para min que levamos toda a vida avisando de que isto xa remata, e acabamos por afacernos á vertixe. Despois de todo, todas as épocas son épocas históricas.
Estes días, coa noticia do meteorito e a pregaria nas redes sociais para que “veña pronto”, deume por pensar nas seitas apocalípticas que xurdiron en occidente arredor da Guerra Fría, outro fin de ciclo que nunca foi. Os seus sistemas relixiosos eran tan complicados como os das relixións tradicionais, con xerarquías e ritos, pero a premisa básica sempre era a mesma: a apocalipse é inminente e só uns poucos elixidos a van transcender. Teño que confesar que sempre me atraeron as historias sobre seitas, sempre me provocou curiosidade o carisma deses líderes que eran quen de convencer centos de persoas dos actos máis atroces. Hai pouco estiven a ler sobre a Orde do Templo Solar e a súa ensalada sincrética, que foi atractiva abondo para enredar unha elite mundial formada por médicos, enxeñeiros e xente con estudos superiores que creron todo o que o seu líder lles contou. Os elixidos que ían transcender a fin do mundo eran, curiosamente, os que menos problemas tiñan no mundo pre-apocalíptico.
Cando escoito o home máis rico do mundo falar de colonizar Marte, sei que non está a falar de nós. A súa única preocupación, alén de amasar capital, parece ser fuxir deste mundo, como se fose tan hostil para el como unha cela de Guantánamo.
Como na Orde do Templo Solar, cando o tecnofascismo propón solucións ao cambio climático, non son solucións para ti nin para min, nin desde logo para os milleiros de migrantes que foxen das secas ou da suba do nivel do mar. As IA prometen todas as comodidades do mundo futurista, pero os seus recursos non van saír dos petos dos magnates de Silicon Valley. Cando as clases rentistas teiman en converter o mundo nun xigante Airbnb, imaxina quen vai quedar sen cama.
Para cando chegue o meteorito, posibelmente esta xente tan lista xa teña deseñado o seu plan de escape, e no listado de pasaxeiros non estamos nin ti nin eu, por moito que agora lles riamos as grazas e lles perdoemos as miserias.
O capitalismo é unha seita apocalíptica e nós seguimos a torcer polo equipo que non é.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0