Galicia Opinión y blogs

Sobre este blog

Financiamento autonómico: equidade vs. solidariedade

0

Para avanzar no debate pendente sobre o sistema español de financiamento autonómico propomos unha anovada mirada: é un problema de funcionamento ou é un problema estrutural? Queda liquidado o problema cos acordos conxunturais ou é preciso saír do marco estreito da regulamentación en que nos movemos até agora? A nosa proposta alíñase co deseño dun marco de relacións Estado - Autonomías que parta do recoñecemento institucional de que o Estado unitario actual é inadecuado. Alguén -os partidos políticos estatais- deberían asumir xa que o Estado español é plurinacional e conformar as institucións a esta realidade e non ao revés.

Ao igual que a famosa copla sobre o uso (eufemístico) do amor “que se rachou de tanto usalo”, no asunto do financiamento autonómico podemos chegar a tapar -por falar só de financiamento- os restantes aspectos da relación comunidade autonómica - Estado español e comunidade autónoma - outras comunidades do Estado, que non se substancian exclusivamente co financiamento. Este pode ser examinado como unha relación fluínte entre dúas institucións de goberno: o Estado central e a Comunidade autónoma, que non esgota, nen representa, as restantes relacións entre os dous entes políticos, que son a nación galega e o Estado español, no caso galego.

Nos outros casos, así como nas relacións entre autonomías, debemos admitir a “singularidade” (de ámbito mundial) dunha configuración de Estado, chamado autonómico, na que se mesturan nacións, con autonomías que son rexións, con outras que son provincias, con outra que é a capital do Estado, sen estatuto de capital federal, e, finalmente, con outras dúas cidades en África. Descentralizado non sei se se pode chamar, mais caótico si, ficando fóra de análise as relacións entre as distintas autonomías do Estado.

O máis relevante no debate do financiamento é que só se dá no terreo do pago (financiamento) de gastos e investimentos nas autonomías desde o Estado, e, pola contra, do que o Estado dispón (tanto gastos correntes coma investimentos) non é coñecido nen intervido polas autonomías, máis que a posteriori. Por esa razón o conxunto de servizos ausentes nas autonomías só é suprido polo Estado se o considera factíbel. É unha relación vertical e asimétrica, por iso é moi común, habitual ou permanente a reivindicación por parte de todos de considerar sempre insatisfactoria e insuficiente a distribución de fondos acordada no modelo actual de financiamento.

Imaxinemos un Estado de autonomías rexido con regras legais distintas. Nel poderíase dar a elaboración orzamentaria do Estado coa contribución en termos deliberativos e resolutivos nunha Cámara representativa por autonomías e non por provincias como é o Parlamento actual. Nese caso -en teoría-, os debates tediosos do financiamento autonómico, fóra de sede parlamentar, non terían sentido, salvo reforma constitucional.

Seguindo na senda das propostas alternativas á estrutura do Estado das autonomías convivemos cun sensentido: a existencia zombi das deputacións provinciais. Non é concebíbel, non ten xustificación política nen económica, salvo que conservar os restos de peso morto do Estado franquista anterior sexa necesario. Nunha autonomía como a galega, correspondente a unha das nacións históricas que se integran no Estado, como se entende o rol das deputacións máis que para soportar o peso morto dunha institución suntuaria? A carencia de funcións, agás perpetuar postos de traballo de reparto partidario e contribuír a un gasto irracional (reparto de subsidios e subvencións clientelares) non mellora en nada a racionalidade das competencias institucionais das autonomías.

Unha outra faciana das relacións son os investimentos públicos procedentes dos orzamentos do Estado en todas as formas existentes. Considerando o actual stock de capital público, o seu mantemento, e a tendencia anual observada desde que hai autonomía, non existe equidade, non se respeita este principio, porque estes investimentos incumpren o principio de garantía de acceso en igualdade aos servizos públicos. Así mesmo, non existe transparencia nas decisións que sobre este campo de acción, aquí e nas restantes comunidades autónomas, realiza o Estado (hai explicación das distintas velocidades dos corredores atlántico e mediterráneo? Quen asume que se debe primar o eixo Lisboa Madrid sobre Lisboa-Vigo?). Se se proclama que a sostibilidade do estado de benestar é un principio básico, existe unha contradición de base nas relacións Estado - autonomías, xa que os diferentes pontos de partida de cada unha delas non foron paulatinamente corrixidos para tender a diluír as diferenzas dos distintos servizos públicos.

Se o principio de suficiencia é unha variábel directamente dependente do financiamento necesario para os gastos existentes, nunca se poderán mellorar os servizos sen mudar as existencias. O que non existe non precisa financiamento. Verbigratia: o ferrocarril de Lugo a Santiago non precisa financiamento porque non existe. Os trens de proximidade entre cidades e vilas non precisan financiamento porque non existen. Os tres aeroportos esgotan, grazas á irracionalidade localista, a súa propria existencia cun orzamento que mantén pouco máis que as pistas aínda que non haxa crecemento de viaxeiros nen capacidade organizativa de lograr o medre (é pior: hai servizos porque hai subvencións). A quimera do corredor atlántico pódese unir á que sufrimos coa alta velocidade (AVE) -mellor dito, velocidade alta- que aínda non rematou: só leva 20 anos de retraso. Co corredor atlántico outro tanto: cada período eleitoral vén un ministro anunciar algo con moito futuro e nengún presente.

E así poderíamos percorrer a listaxe de infraestruturas e de dotacións públicas que non nos foron entreguedas. Cada vez que usamos unha circunvalación madrileña ou o transporte público madrileño, lembramos a discusión do financiamento autonómico porque calquer destes dous servizos polo que a infraestruturas se refere son pagas por todos os cidadáns do Estado: é un caso claro de inequidade que os que non dispomos de transporte público axeitado pagamos o da -din- comunidade máis rica do Estado.

Galiza ten participado como autonomía nas comisións para a revisión do modelo de financiamento autonómico. Do documento final (2017) transcrebo literalmente o que figura a continuación. Sabemos que foi subscrito polo experto nomeado pola Xunta, xa que non presentou nengún voto particular: “Á hora de valorar a equidade do reparto territorial dos custos e beneficios do Estado autonómico non hai que se fixar nun determinado imposto ou prestación de maneira illada, senón que, xa que unhas cousas se poden comparar con outras, debe adoptarse unha visión de conxunto que contemple na súa integridade o paquete de servizos, prestacións e tributos que se estabelece en cada territorio e os custos de prestación dos servizos relevantes”.