Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Galicia en rede

Un tren del eje atlántico ferroviario.

0

O parlamento portugués aprobou quitar as peaxes en distintas autoestradas. Unha delas, a A-28, conecta Porto con Vigo pola costa e ten un gran volume de circulación. Non é a única liberación de peaxe que afecta a Galicia: a A-24 vai dende Viseu polo interior do país veciño ata dar na eurocidade Chaves-Verín. Ese paso constitúe, de feito, un impulso ao eixo Vigo-Porto e, por extensión, á eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

O feito é que, como realidade histórica, política, lingüística e cultural, Galicia talvez non ocupa moito espazo na imaxinación portuguesa. É máis: para eles é problemático entender que o seu idioma naceu entre nós. Pero como ámbito económico e social, é claro que Portugal entende, talvez mellor do que é usual entre nós, que a franxa atlántica é un continuum demográfico e urbano. Por tanto, un mercado compartido que xera novas economías de escala, beneficiosas para todos. Unha vez desaparecidas as fronteiras políticas, é cuestión de tempo que a malla das interrelacións espese. De feito, xa foi o que sucedeu nas últimas décadas. Se teñen curiosidade, poden ver este documental, O diamante galego, feito por AGAL e Nós TV, que intenta dar voz a ese feito.

Nun exemplo que a estas alturas é xa clásico, o aeroporto Sá Carneiro despegou como hub internacional non só sobre a base dos viaxeiros portugueses. Na súa planificación contaron co mercado que podía proceder de Galicia. A día de hoxe, as conexións dos aeroportos galegos son sota, cabalo, rei. Non é o caso do Porto. O día en que o AVE conecte Vigo quedarán aínda menos dúbidas de que ese é o lugar dende o que un pode viaxar a case calquera lugar dende Galicia. Os aeroportos galegos, coa súa falta de miras, puxeron a súa contribución.

Agora ben, que medidas poden tomar os diferentes gobernos no plano das infraestruturas para desenvolver o país? Talvez a máis efectiva sería procurar conectar todas as cidades galegas en anel a través do tren. Iso xa existe da Coruña a Vigo e o éxito do nexo mostrou ás claras a demanda oculta que subxacía. De todos os tramos, o máis relevante é o de Ferrol- A Coruña, que clama ao ceo. A modernización desa liña modificaría substancialmente a ecuación no sentido de promover o que Albalat chamou a Cidade das Rías. Pero unha boa conexión Lugo-A Coruña contribuiría a desenvolver os núcleos urbanos do norte de Galicia. Completar o anel a Ourense e Vigo sería o obxectivo: unha Galicia en rede.

No básico, ese obxectivo, o mesmo que o ramal noroeste do Corredor Atlántico, son competencia do goberno central, actualmente en mans do PSOE, que é, por tanto, quen ten máis responsabilidade. Pero iso non quita que o goberno galego presione e/ou formule alternativas razoables en tempo e forma. O goberno galego ten certa tendencia á propaganda negativa, a obrar como se o seu labor fose só facer oposición ao goberno central e aos gobernos locais. A lavar as mans e non comprometerse a nada, en definitiva. Pero, neste terreo, non se ve por que non serían posibles certos consensos, e forma parte das súas obrigas tecelos. Ademais, o PP de Galicia ten, ou debería ter, influencia na planificación das redes europeas e, antes ou despois, vai ter nas súas mans o Goberno central, así que sería bo que todos tiveramos claras as súas propostas.

No ámbito das redes de proximidade é moito o que se pode facer para mellorar a conexión, especialmente a de Vigo e A Coruña coas súas áreas urbanas, favorecendo a mobilidade dos traballadores que se teñen que desprazar cada día. Ten que haber unha aposta polo ten metropolitano, por un tren con confort, frecuencias apropiadas e prezos apropiados. E cun modelo de multimodalidade que permita que un usuario poida chegar con facilidade aos seus puntos de destino. A Coruña-Betanzos e A Coruña-Carballo son liñas evidentes. O eixo ferroviario entre Vigo e Pontevedra cumpre todos os requisitos para a constitucion dun núcleo dun servizo ferroviario de proximidade. Entre Vigo e Porriño CCOO propuxo un servizo intermodal e transfronteirizo, con apeadeiro no polígono das Gándaras. En moitos casos hai, de feito, alternativas factibles xa estudadas.

O goberno galego pode crear un ente ferroviario, ou Galitren, para promover esas liñas consultando aos gobernos municipais concernidos. O tren é máis sostible e contribúe á descarbonización. Nas últimas décadas, Galicia transformou sensiblemente a súa trama de conexións por estrada. Na conversa pública non se lle deu ao ferrocarril, incluíndo o de proximidade, e talvez o metro de Vigo, prometido nun tempo pasado por Núñez Feijóo, o lugar que merece. Pero o tren é o futuro e debería estar no centro da atención.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats