Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Lecturas sobre o declive de Occidente
Existe unha sensación de decadencia de Occidente. Na mente colectiva flota unha atmósfera de asedio que está conectada co xeral desprazamento da opinión pública á dereita. Nas proxecións a cinco anos vista está previsto que os BRICS medren o dobre que o grupo do G7. O Sur global é heteroxéneo pero o seu ascenso marca unha inflexión na historia contemporánea. Sería absurdo negalo ou cego ignoralo. China multiplicou por dez o tamaño da súa economía nas dúas últimas décadas. Estados Unidos representaba o 50% do PIB mundial en 1945, hoxe representa o 15%. En vinte anos a cota da UE no PIB mundial reduciuse á metade. Hoxe anda no 17%. Máis ou menos o mesmo que a chinesa. É unha visión cuantitativa que, por suposto, non lle fai xustiza ao proceso en curso, pero que merece ser tomada en consideración.
Debemos temer as invasións bárbaras, como nas postrimerías do Imperio Romano? En ¿Por qué caen los imperios? Roma, Estados Unidos y el futuro de Occidente (Desperta Ferro) Peter Heather e John Rapley argumentan que a caída de Roma foi consecuencia da incapacidade por parte do Imperio de asumir os seus custes militares e de responder ao pacto social –pan e circo- que fundaba a cidadanía romana. Do mesmo modo, sosteñen os autores, a descolonización que marcou o século XX está privando a Occidente das súas formas de captación de excedentes que servían para manter o pacto social intramuros. Van tres décadas de aumento das desigualdades e de estancamento dos salarios medios reais. A inflación no 2021-2023 foi un paso máis na ruptura da ortodoxia favorable ao mercado e ao consenso de Washington. Curiosamente, esa ruptura provoca o aumento como unha mancha de aceite do extremismo de dereitas que non veu ao mundo precisamente para favorecer a xustiza social.
Algo similar argumenta en La derrota de Occidente (Akal) Emmanuel Todd que, entre outras razóns máis ben espesas, incide nun punto nodal: a desindustrialización de Occidente. Sinala que nos Estados Unidos o talento está ocupado no deletéreo ámbito das redes e as novas tecnoloxías, por non falar de influencers e outros mamarrachos, mentres que os BRICS forman enxeñeiros. A deslocalización a China da industria é un factor obxectivo de debilidade da UE e dos Estados Unidos tan evidente que non hai que insistir nese punto. Galicia, distrito industrial (Galaxia) escrito por un servidor e Daniel Hermosilla sinala un camiño posible de reindustrialización nese contexto planetario. Non con industrias extractivas, senón ligadas ao territorio.
Uns ascenden, outros minguan no seu peso relativo. Non é raro que a trampa de Tucídides sexa debatida nos círculos de poder. A trampa de Tucídides é unha expresión creada polo politólogo Graham T. Allison para referirse ao risco de guerra que xera o medo a perder a hexemonía, “cando un poder en ascenso rivaliza cun poder gobernante, como Atenas desafiou a Esparta na antiga Grecia, ou como Alemaña o fixo con Gran Bretaña hai un século». O conflito entre Estados Unidos, a potencia declinante, e China, o poder en ascenso, é o gran pano de fondo da nosa época. Máis que a terrible guerra na Ucraína e o xenocidio de Gaza. Dende Donald Rumsfeld a grande potencia americana está teorizando o modo de abordar esa curva de descenso. A UE vese obrigada a atopar o seu papel e a exercer a súa autonomía estratéxica. Non é evidente que o consiga. China moderna (Tibidabo) de Xulio Ríos, o sinólogo de referencia en España, e El regreso de China (Mundiediciones) do economista Albino Prada constitúen dúas aportacións de autores galegos absolutamente recomendables.
Para facerse unha idea do mundo que vén, convén atender as voces que dan noticias do exterior. O realismo e unha exacta percepción da relación de forzas poderían constituír unha escola de pensamento útil. Pero o debate nas nosas sociedades tende a ser infantil: moralizante, de pouca base, con pouca ou nula atención á infraestrutura económica e as transformacións sociolóxicas. A guerra cultural, ou a batalla ideolóxica, para dicilo ao antico modo, prefire prescindir de molestas complexidades. Vemos o retorno do nacionalismo branco. As clases medias están abducidas polo consumismo e a banalidade cando non por un resentimento mal dixerido contra non se sabe o que. Medo e ira na procura dun chivo expiatorio. Homes e mulleres ocos. Lecturas, poucas. Reflexión, mínima. Que pode saír mal?
Nada podería recomendar con máis forza que dous libros de David Van Reybrouck: Congo. Una historia épica (Taurus) e Revolución. Indonesia y el nacimiento del mundo moderno (Taurus). Son dous libros fantásticos de historia oral -ao seu autor alguns o describen como o novo Ryszard Kapuściński-, un fresco de dúas ex colonias (unha belga, a outra holandesa) intelixentísimas e cheas de matices para entender os procesos de colonización e de independencia, nada fáciles. A Conferencia de Bandung en 1955, que deu lugar ao Movemento de Países Non Alineados, é situada por Van Reybrouck como o momento de nacemento do mundo moderno. É a súa unha ollada serena. Sen entender que está pasando fóra da burbulla occidental non saberemos orientarnos neste momento en que, así é, estamos máis cerca da Terceira Guerra Mundial ca en ningún momento anterior dende 1945.
William Dalrymple é un dos autores de referencia para entender a India e a dominación británica sobre aquel vasto subcontinente que incluíu Afganistán e Pakistán. El retorno de un rey. Desastre británico en Afganistán 1839-1842 e Anarquía. La Compañía de las Indias Orientales y el expolio de la India son dous libros deliciosos, narrados por un escritor de raza, que, ilustrándonos sobre o pasado, deitan a súa luz sobre o presente. Un pasado, por veces, terrible, como a Gran Fame de 1876-1878 que causou, segundo se calcula, 5,5 millóns de mortos. En todo caso, Dalrymple apórtanos elementos non só para entender o trasfondo da India de hoxe, senón tamén, como suxire o autor, que o feudalismo tecnolóxico de hoxe non difire tanto, mutatis mutandis, daquela compañía que gobernou a India. Google, Amazon e compañía son talvez a reencarnación da Compañía.
De las ruínas de los Imperios: la rebelión contra los imperios y la metamorfosis de Asia (Galaxia Gutenberg) é un libro fascinante de Pankaj Mishra. As elites intelectuais e políticas de Occidente contan con poucos medios para comprender o resto do mundo. Nin tan siquera lles interesa. O que Mishra narra é útil para ese fin. A través de dúas figuras intelectuais, Jamal al-Din al-Afghani (1838-1897) (musulmán, xornalista, activista político, viaxeiro impenitente) e Liang Qichao (1873-1929), acaso o máis importante intelectual chinés, entran e saen outros destacados pensadores da modernidade asiática: o chinés Sun Yat-sen, o indio Rabindranath Tagore, o iraní Alí Shariati e o exipcio Sayyid Qutb.
Occidente: una nueva historia de una vieja idea (Paidós), de Naoíse Mac Sweeney, pode axudarnos a unha comprensión e unha redefinición máis ampla do que Occidente sexa. A idea dunha tradición ininterrompida que parte de Grecia e Roma constitúe un relato homoxéneo que ten o defecto de que tal vez non se axusta á verdade. Occidente como un monolito único foi unha invención tardía.
O Renacemento sentou as bases pero, en realidade, só despois do século XVIII ese ideal comezou a conformar o imaxinario colectivo. A cultura helénica sobreviviu non na convulsa Europa medieval senón en Bizancio e nos reinos indogregos dos actuais Pakistán, Afganistán e India. É dicir, fóra dos territorios que agora se consideran Occidente. É sabido que durante o medioevo o mundo árabe reivindicou a Grecia clásica como base da súa tradición intelectual e cultural, como mostra a historia de Al-Kindi e a Casa da Sabedoría de Bagdad, no século IX, a maior cidade do mundo. Esa historia cóntase en La Casa de la Sabiduría (Turner) de Jonathan Lyons. Na mesma época a biblioteca califal de Córdoba puido albergar arredor de 400.000 volumes e constituía outro centro de saber.
En fin, son lecturas para darlle profundidade á escena e para axudarnos a entender e, se fora posible, contribuír a explicar un mundo en acelerada transformación. É obvio que imos entrar nun período de guerra comercial e de guerra fría, que ameaza con mutar en guerra quente. Oxalá que non suceda, polo ben de todos. Paz na terra aos homes e mulleres de boa vontade.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
1