Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Ir a misa e comungar (con rodas de muíño)
A discusión comezou cando, no grupo de whatsapp da cuadrilla, un amigo compartiu un vídeo da investidura do novo goberno grego, coa mesa do parlamento tomada por varios sacerdotes ortodoxos que estaban a dirixir a toma de posesión dos representantes electos dun país que aínda ten relixión oficial.
En realidade a discusión para min comezara antes, cando cheguei ao instituto novo e comprobei que unha maioría de alumnado escollía a materia de Relixión fronte a un Proxecto Competencial que nin familias nin docentes tiñamos claro en que consistía, porque o cura sempre pon notas altas. Ou no anterior instituto, onde o alumnado de Relixión tiña o privilexio, referendado polo centro, de ir unha semana de vacacións a Roma a final de curso, mentres que os de Valores Éticos quedaban na casa, exercitando a paciencia. Eu sempre facía o chiste de que aquela profesora de Valores era en realidade unha quintacolumnista da Conferencia Episcopal, porque facía que a rapazada traballase arreo nas clases para levar un 5, pero a verdadeira chufa é que aínda teñamos os curas metidos nas escolas, cobrando un soldo público por contarlle á rapazada que o aborto é pecado.
Así que estabamos no grupo de whatsapp comentando “que barbaridade, como están en Grecia, que atraso mi madriña, coidado que aquí imos polo mesmo camiño” e toda esa ladaíña pre-electoral, cando alguén comentou que polo menos aquí a nova alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín (BNG) non vai ir a misa, como xa non fora Martiño Noriega (Compostela Aberta) na lexislatura 2015-2019. O de non ir a misa é unha forma de falar, enténdase, o que quero dicir é que non vai asistir á tradicional ofrenda rexia ao Apóstolo o 25 de xullo na catedral. Insisto no de tradicional porque é un termo moi problemático, parece que se lle chamamos a algo tradicional quere dicir que nalgún momento do noso pasado o dedo xigante de Deus baixou do ceo e sinalou o camiño a seguir en tal ou cal celebración. A tradicional ofrenda en cuestión instaurouse no século XVII para resolver unha disputa sobre o padroado de España, foi suprimida polas Cortes de Cádiz, e retomouse por iniciativa privada e sen contribución económica do Estado até que Franco a restaurou en todo o seu arcaico esplendor no ano 37. Así que xa ven, estamos a discutir a procedencia de asistir a un acto tradicional impulsado polo dedo xigante de Francisco Franco, un xenocida que, como todo o mundo que leu a Forges sabe, é descendente directo de Deus.
Falo da ofrenda ao Apóstolo como podería falar de calquera outro acto relixioso disfrazado de institucional. Hai menos dun mes que se celebrou en Lugo a ofrenda do Antigo Reino de Galiza ao Santísimo, e non sei se polo misticismo das palabras “Antigo Reino” ou polo feito de ser galego, foron os do propio partido da alcaldesa de Santiago os que máis a criticaron no petit comité de Twitter por non asistir á cerimonia relixiosa. E despois din que na Galiza non hai nacionalismo de dereitas, se estamos a dous cubatas de pedirlle á candidata Pontón que se prostre ante Deus humillada como o lehendakari Aguirre.
A discusión do meu grupo de whatsapp non cuestionaba a galeguidade da ofrenda ao Apóstolo, por sorte, pero virou por outras corredoiras que eu xa coñecía, porque como digo en Santiago xa tivemos un alcalde que decidiu non asistir á ofrenda, para refocile de columnistas e apocalípticos varios, que aproveitaron a súa decisión de respectar a aconfesionalidade do Estado e a dignidade do seu cargo para clamar contra o ateísmo bolivariano que estaba a impregnar as institucións, e verter enxurradas de tinta sobre unha suposta vexación ao picheleirismo detodalavida. Precisamente dicía un dos meus amigos (que sei que é fan da alcaldesa) que o de non asistir á ofrenda lle parecía un erro estratéxico porque era darlle munición a todos os medios que, sen dúbida, van condenar a aldraxe de Goretti Sanmartín ao Apóstolo como xa condenaran a de Martiño Noriega. O meu amigo argumentaba que a ofrenda é un acto simbólico e non vai comprometer as crenzas de cadaquén ou o laicismo da alcaldesa.
Lembro a primeira vez que alguén da miña familia decidiu rachar coa tradición e non bautizar os fillos. A reacción dos meus avós, católicos, apostólicos e romanos, foi a esperada, pero o que me sorprendeu foi a reacción da parte agnóstica da familia, que en moitos casos recomendara o bautismo para non ferir a sensibilidade dos vellos porque “total, mal non lle fai á criatura”. Non é casual que neste país a relixión (católica, apostólica e romana) siga a ser a opción por defecto e que cando alguén opta por cortar con eses costumes anacrónicos a asunción xeneralizada sexa que o fai por amolar. No caso do bautismo, a escolla corresponde ao ámbito privado, e alá cadaquén cos seus dramas familiares, pero cando estamos a falar da representación institucional dunha alcaldesa, o conto cambia. Está claro que o feito de ir ou non ir á ofrenda non vai comprometer as crenzas persoais de ninguén, por iso é importante comprender que unha alcaldesa non deixa de ir á ofrenda por defender as súas propias crenzas, senón por defender a laicidade da institución á que representa. Mesmo que sexa simbólico e non dea moito rédito político. Mesmo que os editoriais de La Voz e El Correo se escriban sos. Mesmo que o PP e o PSOE vaian axitar tanto esta pantasma que acabaremos escoitando nos bares a pecadentos que non pisaron unha igrexa desde a comuñón queixándose amargamente porque a súa alcaldesa non representou “a todos” nesa decisión. Precisamente porque todo iso xa o vivimos. O alcalde Noriega normalizou no seu mandato algo que debería ser normal desde 1975, a separación de Igrexa e Estado, e retroceder neste tema como fixo o PSOE de Santiago, con grande pompa, boato e anuncios en prensa, sería incribelmente regresivo, sería asumir que hai cousas que non se tocan e que, tanto ten quen goberne, a Igrexa sempre vai estar metida nas institucións.
E se, despois de ver a investidura do novo goberno grego, despois de ver a golpista Jeanine Áñez axitar a Biblia na súa toma do Parlamento de Bolivia, despois de ver o Tribunal Supremo dos Estados Unidos derrogar o dereito ao aborto por presións do lobby relixioso, e de ver o novo nacional-catolicismo español ameazar dereitos conquistados con outra Biblia na man, non entendemos que non ir a misa é moito máis ca un símbolo, non estamos moito mellor que se baixase do ceo o dedo xigante de Deus e nos dixese o que temos e non temos que facer.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
1