Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Non hai castelo sen pantasma: a democracia en Meirás
No ano 2000, e só un mes despois da primeira exhumación realizada pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, uns activistas pintaron de rosa a estatua de Franco en Ferrol. A súa visibilidade foi insoportable. O alcalde trasladou a mole de bronce coa escusa de facer un aparcadoiro e anos despois a Lei da Memoria Histórica do 2007 deu cobertura ao feito. Dende entón, a retirada dos símbolos franquistas quedou nas mans de alcaldes animosos. Aquela historia demostrou que non era tan difícil romper coa herdanza simbólica do franquismo, pero que, postos a facelo, axudaba unir presión cidadá e marco lexislativo. Pintar aquela estatua fora violento. Non para o cabalo, nin para o ditador, senón para a propia democracia, pois facía visible a súa convivencia cun legado hostil. Só cando, de súpeto, a sombra do franquismo virouse ameazante, as institucións reaccionaron. Os símbolos non mudan por de si. Precisan dun corte no aire, unha gota nun vaso, nun estanque unha pedra. A violencia contra os símbolos non é coma a violencia contra os corpos. Usa martelos e sprays. Non ten fosas, exércitos, bispos, paredóns, nin cárceres. A violencia contra os símbolos desposúe. A violencia contra os corpos funda. No caso de Franco, fundou corenta anos de dominio. E corenta máis de impunidade.
Cómpre lembralo para entender a recuperación do Pazo de Meirás, no seu complexo concurso de poderes e reivindicacións. A esquerda galeguista, apenas legalizada, iniciounas en 1977 e seguíronas por décadas activistas, políticos, veciños, coa complicidade de parte da opinión pública. Do outro lado, tras os muros do pazo -nunha excelente metáfora das continuidades entre ditadura e privilexios- o clan familiar dos Franco recreábase nos seus rituais dinásticos -vodas, bautizos e comuñóns-, como se nada pasase. Pinchar esa burbulla foi obxecto dunha performance reivindicativa en agosto do 2008, que replicaba en clave de entroidada, a natureza pública de Meirás dende a rúa, cunha troula de bispos e purpurados, herdeiros e militares, e a enteira Garda Moura parodiando un matrimonio real que acontecía entrementres. Unha batalla comezara naquel verán despois da designación de Meirás como Ben de Interese Cultural. Iso obrigou ós herdeiros a abrir as portas á cidadanía, sempre mal, sempre tarde, e a repelo. Naquel interludio, ir visitar Meirás convertérase nun acto político. Exerciamos así un dereito cidadán sobre un lugar usurpado en estado de guerra, con “subscricións”, “colectas”, extorsións e expulsión de veciños, nun contexto xeral de asasinatos e roubo. O saqueo de propiedades e bens de persoas e comunidades marcadas como desafectas, ou simplemente como probes, é un capítulo pendente na memoria da represión. Meirás axuda a reabrilo. Porque, toda vez convertido no monumento maior dese espolio, e gracias a confusión estrutural entre o público e o privado que alimentou o franquismo, comezando polos Franco, Meirás deixou de ser un pazo, para se volver paradigma.
The Hall of Fame
A miña primeira visita ao pazo tivo lugar no 2012, nun outono de protestas masivas contra austeridade. Fixemos dela un entrañable plan familiar, ante a mirada reprobatoria do persoal de seguridade, que non compartía a rexouba. Historicamente, dos visitantes aos pazos agárdase entrar intimidados, porque adoito veñen pedir. Esa reacción, corporal -porque a clase social métese no corpo-, avisounos axiña do encerellamento: máis de cinco capas de historicidade escorregan polas ladeiras de pedra e o impoluto céspede. E hailles que levar a conta para non se perder no labirinto.
En Meirás, antes de que Emilia Pardo-Bazán fixera o seu fortín literario, houbera casa fidalga, queimada na Guerra da Independencia, con “granxa” e con capela. Nesta casou a escritora no 1868, ano da Revolución Gloriosa. A granxa funcionaba tamén. Só a partir de 1893, Meirás converteuse no centro político e cultural conservador que hoxe festexamos. A súa idade dourada remata coa morte de Emilia no 1921, pero a súa condición mantense aínda por uns anos. Cando os Franco o repañen, herdan co pazo unha enteira tradición da que non eran alleos. Polo contrario: estaban desexando incorporarse nela. Dende ese momento, Meirás transformarase nunha sorte de Camp David español, por citar a residencia de verán que os presidentes norteamericanos comezaron a habitar naquelas mesmas datas, pero cunha noción menos “fluída” da propiedade pública. Así, cómpre reprender a Núñez Feijóo cando insinuaba que Franco só pasaba en Meirás unhas “semanas de verán”. Non mentía: é certo que unha vida só son sucesivas semanas, pero abonda con ler ao malpocado Salgado-Araujo para saber que os Franco, e a súa corte, trasladábanse a Sada tan cedo no ano como podían. Ademais dun longo verán (o Caudillo non renunciou nunca ás súas vacacións de escolar), o ditador tiña meses con semanas laborais de martes a xoves. E só polas mañás. Polas tardes puña a proba a súa utopía de desenvolvemento autárquico nas hortas de El Pardo ou na Granxa de Meirás, onde no ano de 1957 xa se producía madeira de eucalipto. Exactamente a mesma que inzará os montes de Galicia desde entón. Meirás era así un teatro para que Franco aparecese como o primeiro agricultor do país, o primeiro reforestador, cazador, navigante ou xubileta. Foi así como, por décadas, a historia de Meirás converteuse, ao tempo, nunha parte estrutural da historia dun estado e dun corpo.
Os lugares amosan espacialmente os cambios no seu goberno e así, unha nova orde política exprésase na arquitectura, na decoración, na paisaxe. Entender a historia dun espazo é entender nel as discontinuidades entre as capas que o conforman e os seus donos. Pero a chave das rupturas sempre está nos engarces, na capacidade das elites de sobrevivir as súas crises refundándose, como resposta ante a emerxencia de novos poderes. Estes, na historia de Meirás, sitúanse sempre alén dos seus muros. Dentro, as elites reconstrúense, católicas e monárquicas, tras a Primeira República. E manifestan a súa enemizade coa Segunda. Despois, na guerra civil fan un pacto entre militares e financeiros. E vano desenvolver nas décadas seguintes. Dese pacto aínda hoxe moitos viven. Naquel espazo hai marcas de todo iso. Hainas, para quen saiba ler.
Na miña visita de 2012, acabóusenos a troula cando entramos no pazo e vimos aquela aterradora colección de trofeos. Algúns disecados, pero os máis deles caveiras de chibos e de cabras montesas, cornamentas de cervos e de búfalos, e até colmillos de elefantes. Un verdadeiro Val dos (animais) Caídos onde só faltaba a dorsal do cachalote que Franco ametrallou a bordo do Azor poucos quilómetros ao norte (como conta o seu curmán). Para ascender polas escaleiras de Meirás, é preciso deixar atrás eses cadáveres, permanente recordatorio de que o asasinato é a verdadeira orixe do poder soberano. Ao cabo, para as elites da ditadura, matar só era recordar xa ter matado. Na burbulla de Meirás consérvase o secreto da fórmula base para a decoración franquista: a libre combinación de materiais nobres, restos biolóxicos e tesouro público. O mesmo cóctel que Manuel Fraga soubo replicar como perfume cultural nos primeiros Paradores.
Tras cruzar o Hall de Meirás, e ante a advertencia animal (“mirade o que fixeron connosco”), internámonos nas zonas propiamente pequeno-burguesas do conxunto, alí onde Francisco en realidade era Paco e andaba con batín, zapatilla e palangana. Nelas o rasgo estético principal é a cursilería. Abonda con contrastar nas fotos a decoración recargada do Meirás de Pardo-Bazán coa pretenciosidade de Carme Polo. E ten mérito, porque os Franco usurparon non só o continente de Meirás, senón tamén o seu contido. Ao pazo de dona Emilia engadirán as propias fantasías de cores, tapizados, lámpadas e mobles, nun barroquismo atemporal. Son as ansias pequenoburguesas dos Franco, ocupando un espazo que non senten como propio, o seu síndrome do impostor, esto é, a súa necesidade de conxurar, sen pausa, o temor dun castigo por gozar dun ben roubado, e así chegar a merecelo. Iso quizais lles levase a engadir aínda máis cadeiras Luis XVI de madeira de faia no recibidor, outro cruceiro no xardín, unhas estatuas románicas. Non o sei. Pensamos que as casas son nosas, pero as casas son as que, en verdade, nos posúen. E non hai castelo sen pantasma. Así, mentres dona Carme loita coa decoración, o drama verdadeiro de Meirás sucede no despachito, ante a biblioteca de Emilia, que Franco soñou con cultivar e facer súa. Sabémolo porque mandou tatuar na madeira a súas propias máximas morais: “un libro reconforta na soidade do trato cos homes”. Cito de memoria porque non nos deixaban facer fotos: o primeiro efecto da devolución do Pazo é a transformación de toda aquela privanza política en historia pública, facendo que o que non foi visto poida ser amosado, en internet. Naquela biblioteca, Franco (nos seus ratos libres pintor, cineasta e escritor) imaxínase retirado na compaña de libros, como fixera antes dona Emilia. Un home pretensioso e inseguro como el, que tipo de íntima humillación sentiría ante eses muros misteriosos, co seu mar de letras insondable? Os Franco quedaron co pazo, pero tamén coas súas pantasmas. O muro que os separaba dos Pardo-Bazán só estaba feito de gusto, educación e cultura. De tempo. Como nun capítulo de The Crown, aínda que os plebeos entren no palacio, cada cousa nel vailles recordar que ese non é o seu sitio. Ou polo menos aínda. Esa fascinación pola aristocracia mediará toda a complexa relación dos Franco coa institución monárquica, até o presente.
Unha cuestión de clase
Grazas ao No-Do, dinos Carlos C. Varela, as Torres de Meirás serán un escenario da representación de Franco como soberano. O pazo servía de castelo e refuxio, para un guerreiro que, como os antigos señores da terra, tras trunfar na Reconquista administra con fe e sabedoría a vida dos seus súbditos. Naquel plató nacional, o réxime inscribía a súa visión colonial do universo galego. As súas gafas son, por outra banda, as mesmas coas que Pardo-Bazán contemplaba o cosmos paisano dende a súa biblioteca. Con esas lentes -ás veces case racistas- ao mirar para os labregos, Emilia albiscaba misterios e ameazas de xentes sen historia, nin letra, que eran só natureza, apenas lingua e algo alma. Dos Pazos de Ulloa á Madre naturaleza, Pardo-Bazán non deixa moito máis lugar para o pobo galegofalante. A distancia entre os narradores e os seus personaxes é un muro lingüístico e alfabético, insalvable. Unha barreira antropolóxica. Que diferente da distancia cos Franco, só mediada pola educación e o gusto. Dous ou tres chanzos menos na posición xerárquica. Nada que non se poida cruzar con tempo e cartos. Cunha guerra.
A lexitimidade nobiliaria só precisa do necesario transcorrer temporal para que a orixe dun título se esqueza, e así pareza que sempre estivo no mundo, que non foi gañado con desfalcos ou mortes que aínda alguén lembra. En 1975 creouse o “Señorío de Meirás” e o “Ducado de Franco” con “Grandeza de España”. En 1950 o marquesado de Queipo de Llano. En 1920 o Ducado de Rubí, para o criminal de guerra Valeriano Weyler. É só unha cuestión de distancia temporal entre eses feitos. Pásalle tamén a dona Emilia. Si lle pedimos pedigree, atopamos que o seu título de condesa só existe dende 1871. Foi expedido pola Santa Sede -é, por tanto, a súa era unha pataqueira “nobreza pontificia”- e se lle concedeu ao seu pai como recompensa pola súa oposición á Lei de Liberdade Relixiosa nas cortes constituíntes de 1869. José Pardo-Bazán y Mosquera termara en favor da “unidade relixiosa”, é dicir, do culto único católico, obrigatorio e subvencionado polo estado. En 1908, Alfonso XIII pagoulle os servizos á filla recoñecéndolle o condado como propio. Tras a súa morte, os herdeiros reclamarán á concesión dunha “grandeza de España”. Pardo-Bazán, carlista na súa mocidade, era unha muller decidida. Mentres seu pai loitaba no parlamento en prol da ortodoxia católica, a filla, segundo o seu propio relato, foise de lúa de mel a Inglaterra para mercar fusís cos que armar unha partida tradicionalista na Coruña. Por todo iso, a afirmación, común nestes días, de que o Meirás da Pardo-Bazán representa o contrario do pazo dos Franco é rigorosamente falsa. Só representa a máis natural das súas continuidades. Porque, desde primeiros de século, e antes dos Franco, pasaron por alí mulleres pretensiosas, mozos sedentos de guerra, conspiradores carlistas e voluntarios coloniais. Novas e vellas aristocracias de nova e vella ambición co nome da patria nos labios. Alí, en 1910, estando Emilia aínda viva, casou a súa filla Blanca Quiroga, co futuro xeneral José Cavalcanti, militar na guerra de Cuba e verdadeiro Santiago matamouros no barranco do Lobo. Cavalvanti apoiou todos os golpes de estado posibles, todas as posibles involucións autoritarias. Secundou a Primo de Rivera e, trala proclamación da Segunda República, propúxolle a Alfonso XIII reprimir a sangue e lume o retorno da democracia. Aquel rei débelle a Cavalcanti ter pasado á historia como un pacifista. Un ano despois, o xenro de Pardo-Bazán sumarase ao golpe de Sanjurjo, e, en 1936, ao levantamento de Franco. Pero xa se coñecían dos tempos de Melilla. Falaban nun mesmo idioma.
Se a cara é o espello da alma, a fachada dunha casa éo da aspiracións sociais dos seus moradores. Cando, en 1893, dona Emilia afronta coa súa nai a re-construción da “Granxa de Meirás” reclama unha lexitimidade histórica que non tiña como fidalga, nin como muller separada. No pazo, fabulaba a nobreza que quixo representar, compensando coa arquitectura a falta de sustento social. Son signos do seu tempo: a novela do dezanove -tamén a galega- acontece nas ruínas, en pazos que arden, casas por reconstruír. Alí, as elites vellas rentistas vivencian a súa crise de mundo co pulo do capital industrial dun lado e da revolución social polo outro. E tales ansiedades exprésanse en todo o que crearon. Se cada castelo ten cadansúa pantasma é porque o propio castelo é a pantasma. Neste caso, dunha aristocracia imaxinaria que rompe coas casas grandes da vella fidalguía rural -á que pertencía o marido de Pardo-Bazán- mentres proxecta a súa inseguridade de orixe sobre as formas medievalizantes, neogóticas, dun cristianismo occidental terriblemente reaccionario. É o síndrome de Exin Castillos. A estética de Walt Disney. A fortaleza de Neuschwanstein de Luis II de Baviera e Wagner. Ou, na medida das súas máis modestas posibilidades rurais, a “Torre da Quimera” de Emilia, o seu castelo no aire. A metáfora de Santa Teresa, do cultivo da obra literaria e da alma como morada interior, está no programa alegórico de Meirás. Emilia grava na pedra os nomes dos seus distintos libros para ver dende os xardíns o que fai no seu cuarto.
Esta Pardo-Bazán parécese ben pouco á loitadora incansable pola defensa dos dereitos da muller da que se fala nestes días, sen lela moito. Non teño o gusto de coñecela. As últimas investigacións serias no tema presentan un personaxe menos amable: así, Diego Baena, nun traballo de referencia, demostrou que non é posible abeirar a ideoloxía antidemocrática de Emilia respecto do seu suposto compromiso coa emancipación intelectual das mulleres. En La Tribuna (1883), quizais a súa novela mellor, Pardo-Bazán revisa os episodios revolucionarios do sexenio coa sensibilidade das elites súa xeración, é dicir, co pavor de ver postos en solfa todos os seus privilexios. A protagonista da obra é Amparo, unha rapaza pobre a que, de nena, seus pais alfabetizan. Grazas o acceso á letra, hase de converter na representante política das traballadoras da fábrica de cigarros de Coruña, na súa primeira folga. Coñece a un militar que a seduce, embaraza e abandona. Da súa caída en desgraza, moral e política, a novela fai responsable ás ideas socialistas, federalistas e ateas que circulan en xornais e periódicos, pero tamén á ficción e ó teatro burgueses, que alimentan expectativas de ascenso social e luxo nas desposuídas. Deste xeito, a mesma muller que construíu en Meirás un monumento en pedra á súa gloria literaria, advirte aos seus contemporáneos -de clase- dos perigosos soños da literatura nas mans dos sans-culottes. Emilia pensaba que, para evitar desgrazas maiores, máis valía que os donos dos pazos e dos libros seguisen sendo, fundamentalmente, os mesmos. Así, o suposto feminismo da autora -que desenvolve no seu fascinante (e pouco lido) ensaio en defensa do sacerdote P. Coloma- non sae das paredes da súa Torre da Quimera. É unha ideoloxía intransferible, que non soubo ou quixo reproducir nas súas fillas. Estas non recibiron a sólida educación que a Emilia lle dera seu pai. A súa obra, fascinante, nace precisamente da tensión de acceder a un saber e un mundo que, por muller, estáballe vedado, pero que dominará como case ninguén no seu tempo. Emilia usará o seu acceso imprevisto á cultura para avisar á súa clase de que a democracia, e os seus riscos, nacen precisamente da “perda do control da cultura” por parte da súa clase. De aí vén a importancia da educación católica. Toda vez liberadas desta misión, as fillas de Pardo-Bazán puidéronse entregar -polo menos en aparencia- á principal tarefa dunha nena da elite: garantir a reprodución da estrutura social á que pertence, matrimonio mediante.
Os espazos da memoria
Na discusión sobre o futuro de Meirás cómpre unha conversación de tipo histórico como esta, pero temos que aterrizala nos usos do patrimonio cultural hoxe. Que o Pazo de Meirás se integre na rica rede de pazos e casas de recreo coa que conta a Xunta non parece un proxecto entusiasmante, menos aínda despois das estrañas loas de Feijóo “á lexítima propietaria” do espazo. Pode selo Pardo-Bazán aínda hoxe, despois de ter pagado os seus veciños, e o tesouro público, aos seus herdeiros, peseta a peseta, o prezo do lugar? Cómpre recordar que a patrimonialización dun espazo non garante o seu uso cidadán, aínda que se faga no nome da cultura ou da memoria. Patrimonializar non é sinónimo de democratizar. Menos cando se usa torpemente a literatura como disolvente para borrar as manchas políticas do sangue, co inmediato precedente do campo de concentración franquista da Illa de San Simón onde os trobadores non deixan ver os presos.
Como no conto da pantasma de The Canterville Ghost (1887) de Oscar Wilde, a reescritura do pasado é un combate entre o disolvente do tempo e a nosa capacidade para pintar novamente a violencia que este borra. As institucións hoxe corren o risco de ser un pouco como a familia dos Otis, sacando da maleta o deterxente Pinkerton no labirinto de Meirás, entre pantasmas e espellos. Porque o lugar é un espazo de morte que cómpre encher de vida. Os herdeiros da xente que o mercou baixo subscrición ou ameaza, os represaliados, os expulsados, teñen que poder desfrutar nel o que lles roubaron aos seus. E se hai algo que ameaza o dispositivo político de Meirás é a libre circulación de corpos plebeos no seu ámbito. Hai que facer que nos seus xardín desaparezan as xerarquías de muros e miradas, de criados e señores. Facer un centro da memoria é interesante. É necesario. Pero a museoloxía non pode ser o único modo de participación cidadá no patrimonio. Meirás, ademais dun lugar de traballo e de poder, foi espazo de lecer e recreo. Non podemos castigarnos condenándonos a só usalo para os serios cultos da memoria. O aburrimento non pode ser unha marca de clase. Hai que transformar con urxencia os seus xardíns en espazos de ocio. Cousas doadas como o derribo parcial dos muros, a colocación duns merendeiros, uns columpios, unha zona de xogo para cans, unha cafetería, un espazo para concertos ou cine de verán, e xa non digamos unha piscina pública, abondarían. Son as medidas máis efectivas para vivificalo. Non se me ocorre unha vinganza poética mellor contra os desexos de exclusión e morte que organizan a súa historia, un mellor exorcismo que enchelo de xente nova namorada entre a maleza. Non falo con idealismo, senón con perspectiva histórica: deste mesmo xeito os madrileños fixeron seus a Casa de Campo de Madrid en 1931 e o Parque do Capricho no 1985.
E falando de parques e xardíns, naquela excursión de 2012, despois de Meirás, fun coa familia visitar O Pasatempo, en Betanzos. Trátase dun inmenso complexo recreativo feito polos irmáns García Naveira, nas mesmas datas nas que Emilia elevaba o seu templo a si mesma, tan só a dez quilómetros. Republicanos, masóns, filántropos, indianos, os Naveira pensaron no seu parque como unha Wikipedia de cemento dirixida ao pobo, verdadeira contra-cara dos soños clasistas de Meirás. O golpe do 36 organizouse contra o seu mundo e contra as súas ideas. E o seu parque foi convertido nun campo de concentración, antes de ser condenado a destrución e abandono. Moitos veciños sobreviviron vendendo os seus materiais de refugallo. O estado d'O Pasatempo é hoxe crítico, a pesar dos seus defensores, que non atopan os modos, recursos e intereses para salvalo. Trátase dun museo ao aire de arte vangardista de valor único, dun espazo culturalmente máis fascinante que o terrible pastiche historicista de Meirás. Porque debemos preguntarnos cal é o patrimonio que se salva e cal esmorece. O problema da memoria histórica é un problema tamén de formas: das formas gañadoras e das formas perdedoras da historia. Aínda máis cerca, a só cinco quilómetros do pazo, esmorece tamén o Museo Carlos Maside en Sargadelos, pechado ao público e con valiosas obras de arte en condicións criminais. O Maside foi outra construción afillada da memoria e do exilio, nada do compromiso coa democracia avanzada nos anos da transición. Nestas coordenadas non é difícil imaxinar un triángulo cultural, ocioso e memorial que una Sargadelos, Betanzos e Sada, en apenas 15 quilómetros. Porque, a propósito de Meirás, a preservación non pode ser o último servicio que a democracia lle preste a unha memoria que nunca será a súa.
No ano 2000, e só un mes despois da primeira exhumación realizada pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, uns activistas pintaron de rosa a estatua de Franco en Ferrol. A súa visibilidade foi insoportable. O alcalde trasladou a mole de bronce coa escusa de facer un aparcadoiro e anos despois a Lei da Memoria Histórica do 2007 deu cobertura ao feito. Dende entón, a retirada dos símbolos franquistas quedou nas mans de alcaldes animosos. Aquela historia demostrou que non era tan difícil romper coa herdanza simbólica do franquismo, pero que, postos a facelo, axudaba unir presión cidadá e marco lexislativo. Pintar aquela estatua fora violento. Non para o cabalo, nin para o ditador, senón para a propia democracia, pois facía visible a súa convivencia cun legado hostil. Só cando, de súpeto, a sombra do franquismo virouse ameazante, as institucións reaccionaron. Os símbolos non mudan por de si. Precisan dun corte no aire, unha gota nun vaso, nun estanque unha pedra. A violencia contra os símbolos non é coma a violencia contra os corpos. Usa martelos e sprays. Non ten fosas, exércitos, bispos, paredóns, nin cárceres. A violencia contra os símbolos desposúe. A violencia contra os corpos funda. No caso de Franco, fundou corenta anos de dominio. E corenta máis de impunidade.
Cómpre lembralo para entender a recuperación do Pazo de Meirás, no seu complexo concurso de poderes e reivindicacións. A esquerda galeguista, apenas legalizada, iniciounas en 1977 e seguíronas por décadas activistas, políticos, veciños, coa complicidade de parte da opinión pública. Do outro lado, tras os muros do pazo -nunha excelente metáfora das continuidades entre ditadura e privilexios- o clan familiar dos Franco recreábase nos seus rituais dinásticos -vodas, bautizos e comuñóns-, como se nada pasase. Pinchar esa burbulla foi obxecto dunha performance reivindicativa en agosto do 2008, que replicaba en clave de entroidada, a natureza pública de Meirás dende a rúa, cunha troula de bispos e purpurados, herdeiros e militares, e a enteira Garda Moura parodiando un matrimonio real que acontecía entrementres. Unha batalla comezara naquel verán despois da designación de Meirás como Ben de Interese Cultural. Iso obrigou ós herdeiros a abrir as portas á cidadanía, sempre mal, sempre tarde, e a repelo. Naquel interludio, ir visitar Meirás convertérase nun acto político. Exerciamos así un dereito cidadán sobre un lugar usurpado en estado de guerra, con “subscricións”, “colectas”, extorsións e expulsión de veciños, nun contexto xeral de asasinatos e roubo. O saqueo de propiedades e bens de persoas e comunidades marcadas como desafectas, ou simplemente como probes, é un capítulo pendente na memoria da represión. Meirás axuda a reabrilo. Porque, toda vez convertido no monumento maior dese espolio, e gracias a confusión estrutural entre o público e o privado que alimentou o franquismo, comezando polos Franco, Meirás deixou de ser un pazo, para se volver paradigma.