Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Oficina de asuntos autonómicos
Por fin pasou a investidura adiada de Alfonso Rueda sen pena, gloria, nin grandes titulares. Á hora de escribir este artigo aínda non tivo lugar a toma de posesión, pero case lles podo facer xa a crónica, por se o sábado estaban a aproveitar o soliño e non a viron: emoción (contida, que para algo abusamos do lema “sentidiño”), discurso nun galego ortopédico que denota a falta de costume, e a Real Banda de Gaitas de Ourense cumprindo coa cota fraguista do acto.
O que me interesou do debate de investidura, alén da ausencia de debate, foi o anuncio do presidente electo de crear unha Oficina de Asuntos Constitucionais na lexislatura que agora comeza. Cando o escoitei non tiña moi claro para que serviría, a verdade. O nome rimbombante soábame un pouco á linguaxe publicitaria que con tanta habelencia manexa a nosa Xunta para facer como que se fan cousas, xa saben: declaracións de intencións, implementacións e sinerxías varias. Pensei se a tal oficina non ía ser como o teléfono “antiocupacións” (sic) dos milleiros de euros de investimento e a media ducia de chamadas ao ano, ou como a oficina que lle montaran a Toni Cantó para defender o español naquela cidade española da que vostede me fala.
Seica coa creación desta Oficina de Asuntos Constitucionais, Rueda quere defender o interese supremo de Galiza perante os recursos que o Goberno central poida levar ao Tribunal Constitucional por invadirmos competencias que non temos. Eu non podo menos que admirarlle o optimismo de pensar que vai gobernar en cousas que non son da súa competencia, porque hai outras 70 competencias que o goberno do PP na Xunta puido reclamar nos últimos 15 anos e aínda andan a velas vir, pero ninguén morreu por ser precavido, e está ben crear unha oficina específica por se (sen querer, digo eu) fosen exercer algunha das que non nos corresponden.
Seguindo co tema das competencias, Rueda tamén dixo, na sesión do martes, que Galiza ten “o dereito sagrado” a xestionar o seu territorio. A min mesturar o sacro co institucional sóame moi vasco (Jaungoikoa eta lege zaharra e todo iso), que é algo que nunca diría de Alfonso Rueda, pero quen sabe, se cadra o sábado aparece en Bonaval coa biblia na man e á hora na que vostedes len isto xa tiven que comer as miñas palabras acompañadas dun txacolin.
Alén dos intereses supremos e os dereitos sagrados, que agora que o penso parecen frases escritas por alguén que quixese dotar de solemnidade un discurso anódino, Rueda fixo poucos anuncios e máis ben de andar por casa. Tan de andar por casa que o foco mediático de seguida se afastou do Pazo do Hórreo para ir a Ferrol, onde o alcalde do PPdeG anunciou que ían redactar a documentación para tramitar contratos públicos só en castelán “para a simplificación administrativa”.
É curioso que o PPdeG sempre simplifica as cousas polo mesmo lado. Como o anuncio coincidiu, cousas do directo, coa declaración de intencións de Rueda de implementar o peso da política lingüística en prol dunha maior sinerxía do galego e o castelán nesta lexislatura, logo recuou o alcalde de Ferrol. Nunha breve explicación, o Concello declarouse incapaz (en temas lingüísticos) e por iso vaille pedir axuda á Xunta para traducir os contratos públicos a esta lingua arcana que todos temos o dereito de usar.
Se Rueda se ve incapaz co da asunción de novas competencias, se cadra tamén pode crear, poñamos por caso, unha Oficina de Asuntos do Estatuto. E, xa de nos poñer creativos, pode dividila en distintas seccións para que cada unha atenda mellor as competencias relativas a cada sector, como por exemplo a educación ou a sanidade, e facer unha especie de goberno autonómico que traballe, que sei eu, polos intereses supremos de Galiza e para defender o noso dereito sagrado a xestionarnos. Sei que todo isto é moi fantasioso, pero se algún día lle dese por aí, mesmo teño o nome perfecto para a oficina: Xunta de Galiza.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0