Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

A praza do Toral

Imagen de archivo de una protesta por la situación de las personas sin hogar

0

Na praza do Toral, en Santiago, hai unha fonte cadrada que sae nun lote de fotos antigas rodeada de augadoras que posan moi serias a carón das súas sellas, e unha estatua de Atlas, o titán condenado a soster as esferas celestes sobre o seu lombo. No Toral hai tamén, segundo a prensa seria, unha forza gravitacional que atrae xente pobre, e que parece operar só segundo quen goberne no pazo de Raxoi.

Leo en La Voz de Galicia que a veciñanza da zona vella compostelá está moi preocupada polas pelexas de “indixentes” no Toral. Hai dous anos que non vivo na zona vella, pero a última vez que asistín a unha xuntanza de veciños, o que nos preocupaba era a desaparición dos comercios, a presión turística e a calidade da conexión a internet. El Correo Gallego tamén lle dá voz esta semana a Os Veciños -que veñen sendo aqueles veciños cuxo criterio aproba a prensa local, sexan residentes, rentistas, ou un que pasaba por alí -, e aviva a polémica co vídeo caseiro dun enfrontamento verbal nun recuncho da praza.

Boto unha ollada rápida á esquina inferior dereita da pantalla do ordenador para asegurarme de que non viaxei atrás no tempo e que seguimos en 2024. A última vez que La Voz e El Correo coincidiron na súa preocupación por Os Veciños, Compostela Aberta gobernaba en solitario en Santiago. A que era naquela altura Valedora do Pobo, Milagros Otero, atopou a súa particular cruzada mercé a dúas queixas de asociacións de comerciantes (xa saben, Os Comerciantes) remitidas á súa oficina, e comezou a mandar requirimentos ao concello para que lle quitasen esa xente de alí. Estaba tan ocupada aliñándose cos editoriais da prensa local nese tema, que apenas tivo tempo de atender os varios milleiros de queixas que cada ano recibía sobre as listas de agarda do Sergas, por exemplo. Estaba tan preocupada pola saúde e o benestar das persoas sen fogar en Santiago, que non dubidou en revelar en sede parlamentaria datos persoais e de carácter médico (os que merecen unha especial protección segundo a LOPD) de tres daquelas persoas. Para bochorno das nosas institucións públicas, o escándalo que acabou propiciando a súa dimisión como Valedora non foi ese.

Cando Goretti Sanmartín recolleu o bastón de mando en Santiago de Compostela, nos círculos afíns sucedéronse os comentarios sobre os temas que estaban practicamente desaparecidos das edicións locais dos diarios e que ían volver ocupar titulares a catro columnas, entre eles aquela fantasía de fotos tomadas con gran angular a ras das fochancas no asfalto e, como non, o tema dos “indixentes”. As persoas sen fogar son decote instrumentalizadas pola Xente de Ben (decidir quen ostenta a súa representación correspóndelle á Prensa Seria, o mesmo que acontece con Os Veciños) e empregadas como medida de presión contra gobernos locais, autonómicos e estatais. Algún xornalista francotirador, despois de escribir virulentas denuncias contra a xente sen fogar, asinou un sentido panexírico o día que morreu o último dos acampados no Toral. El Correo Gallego, que durante o mandato de Martiño Noriega publicou máis fotos e vídeos das persoas sen fogar que paraban no Toral que do propio alcalde, sumouse á homenaxe sen dubidalo.

As persoas que dormen nas nosas rúas son persoas cando morren e molestias mentres están vivas. O mesmo que facían as denuncias da anterior Valedora, centramos a nosa percepción en como nos afecta a nós a súa presenza na rúa, en vez de falar de como lles afecta a elas vivir na rúa. Por moito que volvan os gobernos conservadores a Santiago, ou a calquera outra cidade, e que se enchan as prazas de policía e mobiliario hostil, o senfogarismo non se vai resolver se non falamos das condicións estruturais e moi variadas que o fomentan. O que podemos facer é pechar a fiestra para amortecer o ruído e falarmos doutra cousa, facelo desaparecer dos titulares dos xornais, pero mentres no Toral seguirá a pasear xente que leva as esferas celestes ao lombo.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats