Galicia Opinión y blogs

Sobre este blog

Proxectos industriais estratéxicos: o caso Altri

0

A arqueoloxía en investigación en ciencia económica herdeira do camiño aberto polo filósofo Michel Foucault permítenos pescudar as orixes do discurso creador dunha realidade política como a xerada arredor do proxecto Gama de Greenfiber de Altri. Comezando polo nome: o proxecto dunha pasteira -coa ilusión de fibra téxtil- en Palas de Rei foi bautizado como proxecto Gama. E a empresa responsábel no noso país de levalo a cabo, Greenfiber: como resultado dunha práctica habitual, en quen precisa lavado ecolóxico, de se denominar, algo verde. O do nome ten importancia no discurso político porque pode mudar a percepción dun feito cuxa existencia real, co nome propiro, é pouco defendíbel. Altri vén precedido dunha má fama en Portugal e consideraron de comenencia que na Galiza fose asociado a un nome verde e novo, e ademais, en inglés, que dá moita prestancia.

A segunda cata desta análise fará referencia á propagación do contido/obxecto da fábrica pretendida. Díxose até a saciedade fábrica de fibra. Non hai tal. É un proxecto dado a coñecer como pasteira con uso de eucalipto para NO FUTURO producir algo de fibra con celulosa. Fibra para, a súa vez, fabricar tecidos destinados á roupa ou calquer outro destino dos tecidos industriais. A integración no tecido produtivo galego empeza no eucalipto e acaba na pasta celulósica. Aquí non hai produción de tecidos: non hai industria téxtil, temos industria de confección que utiliza tecidos importados producidos maioritariamente en China. A industria galega de confección non é sector téxtil. É de confección. Esta é segunda cata desa prospección arqueolóxica: conexión buscada entre fibra e industria existente. E a industria galega de confección non consume fibra: os seus insumos son as teas elaboradas con fibras de todo tipo, non necesariamente lyocell. Teas son para industria de confección, e lyocell é para a industria téxtil que non existe aquí, e a que existe en España non é suficiente para a demanda de confección, que se nutre de importacións.

O terceiro elo da nosa tarefa de escavación na creación do discurso é examinar polo miúdo a declaración de proxecto estratéxico para a fábrica de Altri en Palas de Rei. Visto que este feito ten tamén varias leituras, non desbotaremos como relevante aquel significante simbólico, xa que grazas á declaración política converte o proxecto en interesante, e non á viceversa: sendo interesante, declárase estratéxico.

A definición de empresas estratéxicas no primeiro Plan Estratéxico de Galicia en 2012 definiu a política industrial que orientaría as decisións nesta materia do goberno galego e máis expón a guía para a declaración de proxecto industrial estratéxico. Deixando á parte os discutíbeis eixos definitorios da política industrial axeitada para o crecemento do noso país, constatamos que se asevera en texto legal distinto do Estatuto a competencia exclusiva do goberno galego en política industrial. Por tanto, o corolario inmediato é a responsabilidade asociada a esa competencia, o seu exercicio en totalidade, a colaboración necesaria con outras institucións de goberno -no interior necesaria coas corporacións locais- e no exterior coas coordenacións que foren requeridas para levar adiante o labor de goberno.

A declaración concreta de proxecto estratéxico deberá ser entendida (di a lei) como acción de política industrial nun camiño de planificación rexional [sic] como instrumento da política industrial orientada a favor do desenvolvemento industrial galego, cumprindo os fins de fomentar a creación e desenvolvemento da actividade industrial, mellorar a competitividade da industria galega, estimular a calidade industrial das empresas galegas, atender as necesidades das pequenas e medianas empresas..., e así 10 fins definidos usando 9 veces o suxeito da política industrial como “empresas galegas”. Nada a engadir, salvo receber con entusiasmo o espírito e mais a letra da lei. Estamos autorizados a interpretar que o lexislador se dirixía ao tecido industrial galego, ás empresas galegas e á política industrial necesaria para Galiza. Non se pode imaxinar que con estes preceptos legais o capital estranxeiro tivese máis acollida, tivese amparo, protección especial e privilexios proprios dunha política creada para o ben do país. Porque calquer lexislador sabe que os acordos, colaboración e control do capital estranxeiro sobarda con moito a capacidade e competencia dun poder público dunha CA. Mesmo deberíamos lembrar que dependendo do tamaño da empresa o poder expresado ou potencial dunha grande multinacional dobrega o poder dun Estado. Por tanto, a competencia deseñada, asumida e posíbel ha ser homoxénea en ámbito e capacidade ao poder da empresa suxeita á regulamentación legal.

No artigo 40 dise: serán considerados proxectos industriais estratéxicos aquelas propostas de investimento para implantación ou ampliación dunha ou varias instalacións industriais que teñan como resultado previsíbel unha expansión significativa do tecido industrial galego ou a consolidación deste. E terase en conta a súa importancia tecnolóxica, un volume de investimento mínimo de 50 millóns de euros, un nivel de emprego superior a 250 postos de traballo, a diversificación que se introduza no tecido industrial galego e a demostración de viabilidade económica-financeira do proxecto candidato.

As vantaxes desta declaración supoñen a non suxeción á licenza municipal, a declaración de utilidade pública e de interese social, así como a necesidade e urxencia de ocupación dos bens e dos dereitos afectados dos que o solicitante terá a condición de beneficiario de expropriación. Así mesmo, os titulares do proxecto así beneficiado gozarán de prevalencia sobre outras utilidades públicas, poderán usar solo empresarial promovido polo IGVS ou por empresas públicas participadas, e, finalmente mais non menor, acceso a subvencións.

En resumo: a declaración de proxecto estratéxico para Altri poderíamos dicer que contradí non só a letra da lei senón o contido do espírito que inspirou a norma que, dicíamos máis arriba, naceu para promover o medre do tecido industrial galego e ser motor doutras industrias asociadas. Altri non incorpora innovación ao tecido galego. Ten un proxecto máis contaminante que a maior parte das outras pasteiras que existen no Estado, Ence incluída, é tecnicamente anticuada e faculta pola vía das vantaxes outorgadas, subvencións e privilexios, a creación dunha situación de agravio co capital galego instalado.

Nunca sospeitaríamos que despois de varias páxinas de norma legal escritas arredor da potenciación da industria galega fora usado como instrumento de atracción ao capital foráneo sen vínculo algún co país nen co seu futuro. Parece que a tradición colonial segue en pé: tratar mellor o estranxeiro que o proprio. Penoso.