Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
O que a rebaixa fiscal de Feijóo oculta
Cando un gobernante acomete unha rebaixa fiscal debe existir algún motivo, máis alá da pura propaganda. O descoñecemento das razóns esgrimidas por Feijóo para alterar a estrutura dos tipos impositivos do IRPF e introducir unha notable bonificación na cota do Imposto de Patrimonio súmase ao insólito déficit de transparencia nos documentos públicos. Busquen vostedes nos tomos dos Orzamentos 2022 da Xunta de Galicia explicacións, cálculos ou simulacións… e non os atoparán. Todo se queda nun lema simple: baixamos os impostos. Baixamos os impostos?
Pois depende -tamén son da Galicia “profunda”, da ría de Muros e Noia. Estimamos para distintos supostos de base liquidable xeral do IRPF o resultado de aplicar os tipos autonómicos en 2021 e 2022 e obtivemos resultados moi ilustrativos: a caída nas obrigas tributarias prodúcese de xeito destacado nas rendas medias altas e altas, seguido dunha penalización crecente para as moi altas.
O desequilibrio é manifesto. Para as rendas baixas ou medias -o 80% dos contribuíntes están por debaixo dos 30.000 de base liquidable xeral-, a incidencia é nula (por debaixo de 14.500 euros de base impoñible os cidadáns non adoitan ter que contribuír) ou o efecto pinta extremadamente limitado. O groso do esforzo do Goberno galego diríxese a ese 5% dos contribuíntes con rendas superiores a 50.000 euros que chegarán a recibir un alivio fiscal perceptible. Teñamos en conta ademais para apreciar o perfil social dos beneficiarios que estamos falando só das bases liquidábeis xerais; as bases liquidábeis do aforro son importantes a partir dese nivel de renda, e súmanse ás que estamos considerando. A base impoñible total dos afortunados será aínda superior. Desde logo, ese segmento social (o 5% máis próspero do total) non pode conceptuarse na categoría de “clase media” sen facer demasiadas contorsións… Certo que un mínimo número de superafortunados (apenas un 0,3% do total dos contribuíntes) terá que contribuír un pouco máis.
Podiamos pensar inxenuamente que Feijóo está considerando facer tributar máis aos perceptores de rendas por riba de 150.000 euros, os únicos perdedores do cambio. Ao redor de 4.000 persoas en Galicia. Podiamos, pero sería demasiado inxenuo.
Xustamente preocupouse de facer o axuste á baixa no Imposto de Patrimonio para que saísen tamén beneficiados. O importe medio da base impoñible en IRPF dos declarantes de Patrimonio en Galicia era de 226.121 euros en 2019. O aforro medio que experimentarán na sua cota estimámolo no entorno dos 3.000 euros, cos datos dese exercicio. Ao final, ese mínimo segmento social será o máis beneficiado polas argucias fiscais de Feijóo. Todo isto para perdoarlle unha cuarta parte das súas obrigas tributarias en Patrimonio a aqueles que declaran bens por importe promedio de 6 millóns de euros? Actuando ademais na cota tributaria para que os máis ricos sexan tamén os que observarán unha maior rebaixa en termos absolutos?
Por tanto, se temos en conta ambos tributos, o groso do esforzo de Feijóo concéntrase en aliviar a carga fiscal do 5% da sociedade con máis riqueza acumulada e con maiores rendas percibidas.
Viviremos nunha sociedade demasiado igualitaria, para o criterio do presidente da Xunta de Galicia? Considera que é imperativo actuar con decisión para evitar que a máquina niveladora anule o esforzo e a creatividade na nosa sociedade? Será que a pandemia prexudicou en exceso as rendas e os patrimonios altos, ou que hai que compensar a suba no salario mínimo e a implantación do Ingreso Mínimo Vital que un Goberno central ilexítimo perpetrou?
Dificilmente pode esgrimir a carta da eficiencia. Hai garantía algunha de que esa inxección nas contas correntes dos nosos cidadáns máis poderosos economicamente reverta en máis investimento produtivo ou mesmo en gasto suntuario no noso territorio? Ensaiouse algún mecanismo para que iso sucedese? Non. Só significará que unha Xunta de Galicia que afronta o desafío estrutural do avellentamento renuncia a recursos equivalentes aos salarios de mais de 1.000 médicos de atención primaria.
O meu resume: pura propaganda con contido social regresivo.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0