Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
A valente beleza dos 'Poemas realistas' de Daniel Salgado
“A beleza non é un lugar onde van parar os covardes”, escribiu con valentía refulxente Olga Novo. Velaí un pasquín que funda un tempo novo, pensei cando vin ese refulxente cabaliño do demo desprenderse da muda de ninfa e voar con todas as gaiolas detrás.
Ese cabaliño do demo, a beleza valente que refire Olga Novo, podería pousar hoxe, contra toda adversidade, nun lugar indómito chamado Poemas realistas. Escribir sempre compromete, pero a nova obra de Daniel Salgado vai máis alá do compromiso. Xa resulta insólito ese título que invoca a realidade. Franz Kafka preguntou, preguntounos: “Como poderás gozar do mundo se non é refuxiándote nel?”. Esa é a posición onde gozan, é dicir, “traballan e loitan” os Poemas realistas. Porque o refuxio, a realidade, é un lugar a salvar. É como nomear de novo cunha luz estraña, natural e entrañábel, as cachizas dos soños, os mapas fracasados, as cicatrices da linguaxe. No restrollo virtual, ese retrofuturismo, a cuestión é onde pousan os pés do mundo.
Así, no titulado 'Celso', dise “Como os pés do mundo pousan no teu país / e calculan a disposición das horas, o eterno combate do poema contra a erosión”. Esta longa escritura que fecha o libro ficará como unha das máis lúcidas e conmovedoras declaracións dunha “presenza común”, o rescate poético e contemporáneo do que Walter Benjamin formulou a xeito de trabe moral para termar do ceo: “Existe un acordo secreto entre as xeracións pasadas e a nosa”. Velaí, en Poemas realistas, as claves do “acordo secreto”. A conciencia como un ser poético, coas mans urdidoiras de beleza, liberdade e verdade. Ese “acordo secreto” non é unha herdanza ao uso. É un lugar de encontro: “Un fío vermello nos cose aos que foron antes ca nós”.
Máis aló do compromiso, si.
Poemas realistas constitúese todo el como un territorio de des-extinción, mesmo nos sorprendentes detalles limiares. Así a cita inicial de In morte del realismo, de Pier Paolo Pasolini: “(...) o impuro Realismo / marcado co sangue partisano / e as paixóns dos marxistas”. Así, a dedicatoria: “Os Poemas realistas están dedicados a Xosé Luís Méndez Ferrín e a René Char e son, finalmente, para Naima, Celso e Irene”. Así, o colofón: “Poemas realistas saíu do prelo en novembro de 2024, cento setenta e novecanos despois da Situación da clase obreira en Inglaterra, de Friedrich Engels, e nove despois do Deserto, de María do Cebreiro”. Ou ese minúsculo e simpático lepisma tipográfico enxertado nos créditos: “Seguindo as pegadas da primeira edición do Das Kapital de Carl Marx que viu a luz en Hamburgo en 1867, empregáronse na cuberta caracteres Craw Clarendon para o título e caracteres Bodoni para o nome do autor”.
Ese traballo de des-extinción, de rescate, non ten nada de nostalxia acrítica. Hai unha saudade paradoxal que pode sentirse como tristura. O que hai de tristura, pode entenderse como unha especie de honesto activismo da fraxilidade. Ao xeito que conta Mary Oliver en A escrita indómita: “Cando era nova atraíame a tristura. Parecíame interesante. Semellábame unha enerxía que me conduciría a algures (...) E agora entendo que só me entristecen unhas poucas cousas, pero constantemente”.
Nos Poemas realistas de Daniel Salgado hai ese estado de cousas que entristece constantemente. As “poucas” cousas que esmagan a vida da maioría, das persoas e da natureza, como a violencia dos “intercambios desesperados” que impón unha minoría gran posuidora. Ese estado de cousas no que “a economía de mercado” ocupou todo como “sociedade de mercado”. A gran expropiación que atinxe tamén ao sentido das palabras. Por iso, a poesía, coa súa fraxilidade, é unha forte resistencia.
O rescate e des-extinción da linguaxe dáse en Poemas realistas como un sutil contrapunto á tristura e por medio da ironía. A posta en valor poética de conceptos e expresións que semellaban enferruxados, descarrilados ou que foran descabezados. Porque tamén hai foxas comúns das palabras.
Así, a poesía como un medio de produción. E que produce? “Saber da beleza máis alá do que digan manuais e paisaxes de consenso”.
Saber da beleza, si. Da valente beleza.