Galicia Opinión y blogs

Sobre este blog

A vivenda como problema

0

Hai en España máis de 26 millóns de vivendas en total; delas, 3.837.328 baleiras e 2.514.511 de uso esporádico. Na Galiza hai 299.301 vivendas baleiras e máis de 24.000 de uso turístico. E hai pisos para aluguer inalcanzábeis para un asalariado medio.

Que a vivenda é un problema para os non proprietarios é unha obviedade. Que sexa un problema social e político de primeira orde xa non é tan claro. O problema de miles de traballadores mozos e menos mozos que nas zonas turísticas non poden acceder á vivenda non vai ser resolvido coas leis actuais. Os problemas coñecidos de desafiuzamento, tampouco. Os pisos patera para acoller emigrantes de última xeración, tampouco. As infravivendas, mesmo de propietarios de renda baixa, imposibilitados de realizar obras de mellora, tamén non. Mesmo os que teñen a titularidade da vivenda, e en realidade son titulares dunha hipoteca, tampouco teñen asegurada a cobertura en paz da súa necesidade. E a tendencia de acumulación crecente en mans de fondos de capital -mesmo estranxeiros- ou directamente intermediarios financeiros, non se poderá deter por imperativo de funcionamento do mercado.

Así mesmo, cómpre lembrar unha evidencia non admitida en certos segmentos da clase traballadora: dereito á vivenda non é equivalente a dereito á compra de vivenda. Dos posíbeis enfoques para abordar este problema adoptaremos un que denominamos esencial por entender a natureza da vivenda como ben de primeira necesidade e non como un ben creado para o mercado. Se ben nesta economía todos os bens son de mercado por funcionar como mercadorías, aí está o poder do Estado como regulamentador/modulador ou mesmo subministrador dos bens de primeira necesidade. O mercado e as súas leis de funcionamento acaban creando monstros.

Se historicamente se foi avanzando na definición e consideración das necesidades sociais, no caso da vivenda -e nestas latitudes- hai un retraso considerábel no seu trato por parte do Estado. O dereito á educación obrigatoria e universal é relativamente recente na historia española, mais é un dereito e un acceso garantido pola lei. O dereito a unha sanidade universal -e no caso español, gratuíta- é tamén froito dunha conquista e unha decisión política valente. O dereito á vivenda, ben esencial, non está estabelecido na práctica, xa que hai enormes dificuldades para efectivizalo.

Imaxinemos que no caso da sanidade pública existise un sistema de sanidade pública cativo, mal dotado, con diferenzas enormes nas distintas comunidades, cunha carta de servizos non universal e convivendo cuns servizos sanitarios privados, subministradores a prezo de mercado de servizos sanitarios para quen puider pagalos e ser usuario. Esta descrición é adecuada para fotografar o problema da vivenda. Un economista liberal diría que hai desaxustes entre a oferta e a demanda, xa que hai vivendas baleiras. Non obstante, a listaxe de áreas tensionadas que facilita a lei polo Dereito á Vivenda non é ampla nen moito menos exhaustiva (e é de elaboración voluntaria).

Tamén se argumenta que os negocios privados entre proprietarios e candidatos ao aluguer son de mercado e xa se regulan por si mesmos, e, finalmente, de facto, promóvese que a intervención pública se mediatice pola construción privada e a menor intervención directa pública. Cun fondo ideolóxico semellante, máis ou menos, considerando a intervención directa do Estado só de tipo paliativo descrebemos o funcionamento da política pública desde a transición a hoxe. A consideración de ben de primeira necesidade e de cobertura universal podería chegar a solucionar o actual problema.

Mais hai unha grande serie de intereses moi arraigados e entrecruzados que son unha auténtica pexa. Considerada mercadoría, dáse compra e venda libre. Existe dereito de doazón, de herdanza e mesmo de ser ben de capital. Existe dereito de apropriación acumulativa (grandes e xigantescos proprietarios), así como a utilización da mesma en mercados especulativos. E finalmente existe o dereito a mantela baleira, sen uso como ben necesario, abandonala e mesmo abocala á ruína máis absoluta en lugar de permitir o seu uso. Con todos estes dereitos vivos -consecuencia de ser mercadoría- pouco futuro se pode esperar dos paliativos e mecanismos compensatorios da acción pública para abordar os problemas da vivenda.

Aseverar que habendo vivendas baleiras e demanda das mesmas cómpre eliminar as rixideces para que exista un mercado fluído, é unha formulación que, á parte de inane, non fai máis que incitar a coñecer outros problemas. Por que hai vivendas baleiras sen uso? Por que hai vivendas sen uso en zonas supostamente tensionadas? Como se pode consentir o apiñocamento en infravivendas? Quen coñece a demanda efectiva de vivendas? Hai censo de demandantes? Hai rexisto de disponibilidade efectiva en mans públicas? Hai censo de proprietarios que mellorarían a súa vivenda se tivesen medios? Non parece que se teña intención de resolver o problema sen nen sequer poder dar unha cifra de demandantes con todas as características precisas para tomar decisións de política económica.

O problema da vivenda non está nos asuntos conxunturais que poida padecer unha pequena cidade en épocas determinadas -afluencia de turistas- ou en colectivos de mozos en preparación para o mercado laboral, senón en falta de vivendas a prezo pagábel co salario mínimo ou con dous salarios mínimos. É un escándalo social -máis alá dun problema- que unha vivenda de aluguer con certas condicións de habitabilidade -consideradas estándar hoxe- teña un prezo no mercado libre igual ou superior a un salario mínimo. Esta característica do mercado si que é identificativa da natureza do problema. Ou ben os salarios son moi cativos, ou traballar 40 horas á semana non é suficiente para ter un lugar para viver digno.

Tamén pode ser que a planificación urbanística das cidades non se fixera de acordo coas necesidades de vivenda, de servizos públicos e de adecuación aos centros de traballo masivos. Podería ser tamén que os intereses entrecruzados dos negocios inmobiliarios/construción e bancarios foran historicamente primando sobre unha política de deseño público do uso do espazo de trazado urbano e de construción de vivendas públicas. Deberíamos considerar tamén a laxitude da lexislación española á hora de permitir a concatenación de dous fenómenos: o deterioro (semella á mantenta) dos centros históricos das cidades, o seu baleirado de veciñanza tradicional e a segunda volta en mans de especuladores para vivenda ocasional e/ou de luxo.

E tamén deberíamos considerar como a política fiscal é un actor interesante na consolidación das tendencias á acumulación, á especulación e mesmo á permisividade do mercado negro de vivendas en aluguer. E non se citou o rol decisivo do turismo masificado e sen ordenar que constitúe -en ausencia doutros motores- un tirón fundamental da economía española. Mais neste caso, para ser tratado á parte, pasa como noutros problemas españois: a apropriación do excedente turístico é privado e as deseconomías e mesmo os disparates de custos sociais son para o sector público.

Hai en España máis de 26 millóns de vivendas en total; delas, 3.837.328 baleiras e 2.514.511 de uso esporádico. Na Galiza hai 299.301 vivendas baleiras e máis de 24.000 de uso turístico. E hai pisos para aluguer inalcanzábeis para un asalariado medio.

Que a vivenda é un problema para os non proprietarios é unha obviedade. Que sexa un problema social e político de primeira orde xa non é tan claro. O problema de miles de traballadores mozos e menos mozos que nas zonas turísticas non poden acceder á vivenda non vai ser resolvido coas leis actuais. Os problemas coñecidos de desafiuzamento, tampouco. Os pisos patera para acoller emigrantes de última xeración, tampouco. As infravivendas, mesmo de propietarios de renda baixa, imposibilitados de realizar obras de mellora, tamén non. Mesmo os que teñen a titularidade da vivenda, e en realidade son titulares dunha hipoteca, tampouco teñen asegurada a cobertura en paz da súa necesidade. E a tendencia de acumulación crecente en mans de fondos de capital -mesmo estranxeiros- ou directamente intermediarios financeiros, non se poderá deter por imperativo de funcionamento do mercado.