Os californianos Eels actúan en Vigo e A Coruña celebra o Encontro Mundial do Humor

Coa chegada do bo tempo tamén comeza a tempada de festivais musicais ao aire libre que arranca esta fin de semana co FIV de Vilalba, no que actuarán grupos como Lori Meyers, La Casa Azul ou Carlangas. Pero o prato musical da semana será en Vigo coa actuación dos californianos Eels, unha das bandas de rock estadounidense máis destacadas das últimas décadas. O menú musical desta fin de semana está ben cargado de concertos, con Jay Jay Johanson (Vigo), Ataque Escampe (Santiago) e Luar na Lubre (A Coruña).

Máis aló da música, esta semana teremos na Coruña dúas citas moi salientables co World Humor Meeting, con destacadas figuras do xénero, e co inicio do festival TRC Danza, que achegará ao Rosalía de Castro importantes producións de danza contemporánea. No apartado de cine non podemos esquecer que esta fin de semana se celebra a parte final do festival Play-Doc de Tui cunha importante programación internacional.

O FIV de Vilalba inaugura o período dos festivais. Do venres 28 de abril ao domingo 30 de abril

Os que botaban de menos os festivais ao aire libre despois de varios meses de abstinencia teñen esta fin de semana unha boa oportunidade para compensalo co FIV de Vilalba (Lugo), que nos achega un bo cartel de bandas nacionais con nomes como La Casa Azul, Lori Meyers, Sidonie, Sidecars ou o proxecto en solitario de Carlangas (ex-Novedades Carminha). Haberá dous escenarios, o Campo da Feira e a Praza da Constitución, e o domingo pola mañá unha sesión final dedicada aos máis pequenos. Oportunidade de ouro para saborear o ambiente festivo que xa nos anuncia o verán. Aquí o programa completo.

Eels, o mellor rock americano de Vigo. Auditorio Mar de Vigo. Sábado 29 de abril

A banda californiana chega a Galicia nunha minixira española que só os levará a tres cidades. Virán coas cancións do seu último disco Extreme Witchcraft, publicado en 2022, pero tamén lembrarán algunhas das grandes cancións que asinaron ao longo dos 25 anos de historia que os converteron nun dos grupos de indie-rock estadounidense máis importantes das últimas décadas. Apura porque só quedan unhas poucas entradas.

Risas co EMH. A Coruña. Do venres 28 de abril ao domingo 7 de maio

Este venres comeza no Teatro Colón da Coruña unha nova edición do Encontro Mundial do Humor cunha serie de espectáculos que prometen moita diversión ao longo da semana. O prato forte chegará o sábado 29 ao Palacio da Ópera de Coruña con dúas sesións do evento Humoris Causa, que reúne a algúns dos mellores humoristas españois como Eva Hache, Dani Rovira, Javier Cansado ou Touriñán. Entradas aquí. Pero durante toda a semana o Teatro Colón programa espectáculos moi interesantes. Aquí os podes atopar todos para facer o teu programa particular.

Danza contemporánea no TRC da Coruña. Teatro Rosalía de Castro. Ata o 13 de maio

O festival TRC Danza, dedicado a pezas de teatro e danza contemporánea, achega ao Teatro Rosalia de Castro montaxes tan interesantes como Bionic, da compañía Entremans, (venres, 28 de abril) ou Festina Lente, de VACaburra (sábado, 29 de abril). Os espectáculos continuarán durante as próximas dúas semanas. Aquí programa e entradas.

Outras propostas:

Jay Jay Johanson en Vigo: o crooner sueco chega de novo a Galicia e nesta ocasión ofrece un concerto o domingo 30 de abril na sala Masterclub de Vigo. Os seus concertos son unha auténtica delicia. Aquí as entradas.

Luar na Lubre na Coruña: é unha das bandas de folk históricas de Galicia e este domingo día 30 pecharán un acto moi especial, a Noite dos Crutos, que se celebra no Castro de Elviña coa actuación de bandas como Le Gal Carré. Aquí as entradas.

Ataque Escampe en Santiago: a banda compostelá presenta este sábado 29 de abril o seu novo disco, Cabalgata, na sala Capitol da súa cidade. Aquí tedes un artigo de elDiario.es sobre o grupo. E aquí están as entradas.

Final de Play-Doc: o festival internacional de documentais de Tui vive os seus últimos días esta fin de semana (ata o luns 1 de maio) con moito cine e tamén música. Aquí o programa.