Nun dos meus episodios preferidos de Buffy the Vampire Slayer, un demo elegante chega á vila de Sunnydale e fai que todos os seus habitantes se poñan a cantar e interpretar números de musical. Non só cantan para as cousas máis cotiás, como tentar zafar dunha multa de tráfico, senón que, canto máis cantan, máis expoñen os seus verdadeiros sentimentos. Até que os sentimentos son tan fortes que os intérpretes morren por combustión espontánea. Buffy, a protagonista, tamén se ve afectada, e en plena arroutada bailarina pídelle ao demo que lle dea algo sobre o que cantar, porque xa non sente nada, pero o demo négase e só agarda a ver a moza envolta en lapas.
Perdóenme esta arrincada de fangirl, pero é que levo todo o día coa canción desa escena (Give me something to sing about) metida na cabeza. Imaxino a Alfonso Rueda dando voltas sobre si mesmo coma unha buxaina, saltando dun extremo ao outro do local do PP en San Lázaro coma un Gene Kelly entolecido, pregándolle a Feijóo, se cadra ese Feijóo de xersei de colo subido para darse un aire de moderno cryptobro, que, por favor, lle dea algo sobre o que cantar.
Hai apenas dez días a letra da canción sabíamola todos: Puigdemont, amnistía e concesións aos nacionalistas (vascos e cataláns), con especial insistencia nos impostos que os bebés de teta teñen que pagar para financiar a amnistía, sempre segundo Alfonso Rueda. Despois do debate na Galega entrou con forza Bildu, a imposición do galego, e todas as pantasmas da campaña de 2009 (coa excepción de que, desta vez, non insinuaron alegremente nos seus medios que un dos seus contrincantes sexa un maltratador, algo é algo...). Visto que ninguén lles fixo moito caso con esas andrómenas, a xulgar pola valoración de Ana Pontón nas enquisas, mesmo entre os votantes do PP, Rueda pide un tema novo sobre o que cantar, algo que lle dure, polo menos, até a xornada de reflexión, á que a este ritmo van chegar con sorpasso do Bloque. E que lle dá Feijóo? Pois a Puigdemont outra vez, pero desta volta con cambio de estrofa: agora os medios amigos céntranse nos desmentidos de Feijóo sobre se lle ofreceu ou non a amnistía ao catalán.
O pobre Rueda, que xa non debía estar moi emocionado coa idea de Feijóo a percorrer o país nunha caravana electoral paralela, acabou pedindo o voto non para si propio, senón para axudar a Feijóo a chegar á Moncloa, porque seica a canción sempre tratara diso. Así que déanlle algo novo sobre o que cantar, porque me dá a sensación de que o seu xefe xa se resignou a velo arder nunha bóla de lume chegado o día 18.