A gran cita do ano co cinema documental en Galicia chega esta semana co inicio o vindeiro mércores do festival Play-Doc de Tui, que nesta ocasión celebra a súa 19 edición con outra gran selección de documentais nacionais e internacionais a concurso. Na Coruña tamén temos esta fin de semana unha inusual oferta cinematográfica en cartelería comercial co Festival Norte Cinema Diverso, que se celebra no Teatro Colón, de temática feminista e LGTBIQ. No apartado musical da semana, o protagonismo recae en Luz Casal, que presenta o seu novo disco nun concerto no Palacio de Congresos de Santiago. Pola súa banda, unha das mellores bandas nacionais que homenaxean a Pink Floyd tamén actuará en Compostela e Cangas esta fin de semana. En canto a exposicións, a Fundación Luis Seoane da Coruña inaugura este venres unha gran mostra retrospectiva dedicada á obra do humorista gráfico Chichi Campos.
Play-Doc, unha cita ineludible co cine documental. Tui. Do mércores 26 de abril ao luns 1 de maio
A gran festa do cine documental en Galicia comeza o mércores día 26 coa XIX edición do festival Play-Doc de Tui, un evento que nos últimos anos se converteu nun referente, mesmo a nivel internacional. Entre os participantes na sección oficial deste ano destacan nomes como o norteamericano John Gianvito, o francés Jean Claude Rousseau ou o chileno Diego Acosta. J de Los Planetas será o protagonista dun concerto no que porá música a secuencias inéditas do director de culto Iván Zulueta. As sesións celébranse no Teatro Municipal e no Seminario Menor de Tui. Aquí o programa completo.
Festival Norte Cinema Diverso. Teatro Colón A Coruña. Venres 21 de abril e sábado 22 de abril
O Teatro Colón da Coruña acolle durante esta fin de semana un festival de cine exprés de temática feminista e LGTBIQ, con varias sesións de curtametraxes e tamén algunhas longametraxes como Tu me manques, unha coprodución boliviano-norteamericana, protagonizada polo actor arxentino Óscar Martínez Oferta insólita en cartelería comercial que agora se pode ver en dúas intensas sesións. Aquí o programa.
A gran Luz Casal presenta un novo disco. Palacio de Congresos de Santiago. Sábado 22 de abril
Las ventanas de mi alma, o primeiro traballo de estudio de Luz Casal despois de cinco anos, será presentado pola artista nun concerto este sábado en Santiago. É un dos seus discos máis íntimos e reflexivos no que a gran cantante galega non perde a oportunidade de tocar temas sociais. Aquí as entradas.
Retrospectiva sobre Chichi Campos. Fundación Luis Seoane. Ata o 1 de outubro
Fotografías, obxectos persoais, debuxos, cómics, guións, libros de artistas e outros materiais conforman a exposición retrospectiva dedicada na Fundación Luis Seoane da Coruña ao humorista gráfico Xesús Chichi Campos, un artista desaparecido prematuramente pero que deixou unha fonda pegad por saber reflectir dun xeito irreverente e moi irónico a Galicia dos anos 70 e 80. Unha exposición que redescubre a un debuxante pouco coñecido a pesar da súa importante obra. Aquí máis información .
Outras propostas:
Tributo to Pink Floyd: Im-pulse, banda tributo á mítica banda británica, ofrecerá dous concertos en Galicia no marco da súa xira por España. O venres 21 estarán no Auditorio de Cangas e o sábado 22 no Capitol de Santiago. Aquí as entradas.
Alsasúa no Rosalía: a obra da compañía La Dramática Errante poderase ver este venres 21 no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Aquí as entradas.
Tercer Cuerpo en Santiago: O Auditorio de Galicia acolle o sábado día 22 esta obra de Claudio Tolcachir, protagonizada por Natalia Verbeke, Carmen Ruiz e Carlos Blanco. Aquí as entradas.
Vera Fauna e Sons of Exodus en Santiago: pop, psicodelia e novo flamenco son algunhas das influencias da banda sevillana Vera Fauna que chega o venres 21 á Sala Sónar de Santiago. O sábado 22 estará na mesma sala a banda galega de folk-metal Sons of Exodus. Aquí as entradas.