Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.

Comeza a lama

Alfonso Rueda durante su visita a la Feira do Cocido de Lalín durante la campaña electoral.

0

Non parece moi estético que Rueda estivera na Feira do Cocido en Lalín xusto cando en Santiago tiña lugar unha manifestación contra o deterioro da sanidade pública. Tiña tanta présa polo cocido? Ou ben, non debería estar preparando o debate do día seguinte? Todos podemos entender o amor polo lacón con grelos pero, tiña que ser ese día?

Pero o PP é así. Ten estas cousas de arrogancia implícita. Que, por outra banda, remiten a unha lóxica de fondo. Por que motivo decidiu o PP convocar as eleccións xusto no Entroido, entre grelos e filloas? Para que fosen un trámite e pasaran todo o desapercibidas posible.

O PP sabe, ou intúe, que se están estreitando a súa base social, a súa credibilidade e a súa lexitimidade. Este dato dunha enquisa preocúpalles: “a modalidade de Goberno preferida entre a poboación xeral é unha coalición entre o BNG, o PSdG e outras forzas de esquerdas (41,6%), seguida dun executivo do PP en solitario (30,7%)”.

A Rueda resúltalle difícil enunciar logro algún do seu goberno. Non é raro. Pero é algo máis: mentres Galicia se fai máis plural, o PP faise máis fusco e agresivo. Máis amigo da bronca, máis Abascal. Pode parecer unha anécdota, pero o vello Baltar ía a todos os enterros da provincia: practicaba unha paisanaxe activa (que será das redes dos Baltar?). Os novos líderes e conselleiros do PP son unha xeración de autómatas sen xeito nin gracia. Aparte de que ninguén os coñece nin sabe se fan algo.

Así que se trataba de non chamar a atención. Menos, claro, Feijóo no papel de Makinavaja sacando a faca hiperbólica en todas as esquinas.

Fora coma fora, veu o CIS e veu o debate. La Voz de Galicia titulou despois da hecatombe de Rueda “Mucha política y poca sociedad”, como forma de descalificar o debate. Un comentarista afirmaba que os debates non cambian o voto contra a evidencia empírica. Outro, que dúas semanas nunha campaña son todo un mundo. Había que salvar ao soldado Rueda. Por certo, o periódico coruñés non fixo a súa usual enquisa acerca de quan gañara o debate.

En fin. Talvez o PP perda. Talvez.

Así que comeza a lama. Hai que evitar esa posibilidade.

Abstéñome de lembrar as baixezas da campaña de 2009. Pero vostede, lector, consulte a hemeroteca ou faga memoria, please!.

Nos próximos días pode que Ana Pontón se vexa acusada -sexamos imaxinativos- de subir a un iate con Amancio Ortega, un dicir, ou de impoñerlle o galego á súa propia filla. No caso de Besteiro podería optarse pola modalidade do luxo asiático atribuído a Touriño: seguro que comprou un coche eléctrico ou un sofá Philip Stark. E Marta Lois, Marta Lois... xa se nos ocorrerá algo.

Por suposto, etarras, separatistas e golpistas, todos. A farlopa nin mentala.

Atentos á pantalla...

Etiquetas
stats