La portada de mañana
Acceder
Aldama zarandea al PSOE a las puertas de su congreso más descafeinado
Corazonadas en la consulta: “Ves entrar a un paciente y sabes si está bien o mal”
OPINIÓN | Días de ruido y furia, por Enric González

Manuel Rivas, escritor: “A autonomía galega está chea de okupas, xente que entrou nunha casa que despreza”

Zona a defender, o último libro de Manuel Rivas (A Coruña, 1957) é un mapa. “Intentei meterme nunha rosa dos ventos, o punto cero onde medra a cartografía”, explica. Serve para orientarse nun presente continuo en que as palabras xa non significan o que significaban e o deber do escritor é reconstruílas. Obra híbrida entre o ensaio poético, o aforismo descalzo e o xornalismo delicado, o seu núcleo constitúeno ideas como a de decoro e a “común decencia”. Rivas, que conversa con elDiario.es desde Madrid, onde se atopa por traballo, escribe en galego e foi traducido a múltiples linguas. “Desprezar o idioma desta maneira é desprezar os nosos recursos”, afea á dereita galega que volve converter os ataques ao galego en táctica política: “A autonomía galega está chea de okupas, xente que entrou nunha casa que despreza”.

Zona a defender (Xerais, 2020; en castelán en Alfaguara) componse de tres partes. A primeira, A esperanza indócil. Manifesto Mayday, son case 40 páxinas contra a “política do dano”. A segunda recolle artigos publicados en prensa, maiormente en El País Semanal. A terceira clausura o volume cun monllo de aforismos, “como amorodos salvaxes que aparecen no monte”. O fío que as cose, a restauración da linguaxe. “Teño vontade de rescatar palabras soterradas que semellan demodé”, explica, “compromiso, vangarda... Quero que volvan ter vento. Cando reestabeleces a confianza con elas, refulxen de sentido”. E certas preocupacións transversais: o colapso ecolóxico, as liberdades civís, o republicanismo.

Porque se houbo un disparador de Zona a defender, un libro “siamés” de Contra todo isto (Xerais, 2018), foi xustamente a monarquía. “Eu falo da importancia do misto, que o prendes e desencadea as cousas”, sinala, “neste caso foi un suceso máis ben local que activou a común decencia: unha saudade republicana, pero unha saudade do porvir. A monarquía está de máis. O que podía haber de confianza, pactada na Transición, está sabotada, e no alto do edificio institucional está a inmoralidade”. A alternativa de Rivas, unha república das iguais, a “utopía realizábel” de George Orwell, “xa que non existiu ruptura política, que exista unha ruptura coa corrupción, unha corruptura”.

Pero se o escritor concibira o seu anterior Contra todo isto como o seu particular Eu acuso, os obxectivos agora son outros. “Esta vez hai unha pulsión máis erótica, sobre o que queremos defender, unha busca de espazos de respiración. Si, este é un libro máis de Eros, o outro era unha loita contra Tánatos”, argumenta. Por exemplo, austeridade fronte á emerxencia ambiental, pero unha austeridade que, ao fío do último Enrico Berlinguer -secretario xeral do Partido Comunista Italiano-, conduza a novas formas de abundancia, sempre fóra da bulimia do capital. Onde a tradición sexa a “tradición da rebeldía, da heterodoxia, e permita voar”. Ao cabo, lembra Rivas a Castelao, “a tradición nunca traizoa”.

Ao longo das páxinas de Zona a defender respira esa teima do Manuel Rivas intelectual público sobre a necesidade de algo así como un conservadurismo revolucionario. Mesmo a idea de relixión, mais na súa etimoloxía: religar. “Si, non a relixión de 'perdona a tu pueblo señor' e a procesión cos gardas civís”, engade, “senón o diálogo co transcendentalismo. Cómpre relacionarse coa natureza como igual. Non debemos esmagar a vida, os outros seres. Non debemos ir pola vida esmagando”. É necesario que sobrevivan os vagalumes, por empregar a metáfora de Pasolini tan querida polo autor, e así, “reivindicar a idea do sagrado: hai lugares que non se deberían tocar”.

Eloxio do panfleto

Con estes e outros materiais arma un libro que Edicións Xerais coloca na súa colección Crónica e clasifica como xornalismo. Que o é, pero non só. Rivas reflexiona criticamente sobre a súa profesión -ademais de colaborar en xornais, codirixe a revista mensual Luzes canda Xosé Manuel Pereiro- e sitúa o intre en que “se jodió el periodismo” cando o seu carácter de mercadoría se impuxo ao de “ben necesario”. “Eu aínda son dos que abre o xornal cada mañá como quen anda polo bosque á procura dunha cerva, a sentinela”, di, “pero percibo que a prensa convencional está fosilizada. Na televisión, a cháchara campa sobre a información no que un irónico mexicano chama 'a comentocracia'. O xornalismo debía ser un activismo da liberdade, e no entanto vive nos predios do conformismo”.

Zona a defender intúe vías polas que fuxir desa parálise, a través dunha forma de dicir que “non é a do discurso convencional” e que procura incorporar “a ollada libre da poesía”. Non refuga do concepto panfleto, ao contrario. “Cando non hai liberdades, as verdades dinse nos panfletos”, entende o escritor, “aínda que ás veces miro un quiosco e, con pequenas excepcións, penso 'aquí si que hai panfletos'. Pero non contra o poder, senón conformes cos poderes dominantes, que ao mellor non son o Goberno central que temos”. Outra cousa é o que manda na Xunta de Galicia, cuxos últimos discursos sobre a lingua galega irritan e ao tempo entristecen a Rivas, Premio Nacional de Narrartiva en 1996 por Que me queres, amor? (Galaxia) e que traballa na que será a súa primeira novela desde O último día de Terranova (Xerais, 2015).

“Defenden a ignorancia, tan groseira. O trumpismo vai máis alá de Trump”, considera. Refírese á última polémica pola nova lei de educación que retira o adxectivo “vehicular” anexado ao castelán polo ministro do PP José Ignacio Wert en 2013. Os tres partidos da dereita entenden a modificación como “a supresión do español na escola”. Rivas remite a un dos aforismos que o seu libro inclúe baixo o epígrafe da Illa inventada: “No mundo hai catro tipos de dereita: a liberal, a conservadora, a extrema dereita e a española'. E a galega va con ela”.

Máis alá do humor, outro trazo permanente na súa escrita, preocúpalle a “xente que entrou nunha casa que despreza”. Afonda:

-A autonomía galega existe porque existe unha tradición galeguista. Houbo un Estatuto de Autonomía que se aprobou en 1936 en referendo, e así no 78 a Constitución colocou Galicia como nacionalidade histórica. Pero agora este barco está cheo de okupas que nunca creron niso. O pobo galego debe colocar unha alarma contra eses okupas. Desprezar a lingua desta maneira é desprezar os recursos que temos. Sería como desprezar os ríos, como desprezar o vento e os bosques. Somos un dos países no mundo que temos unha lingua, non é tan habitual. Ese noxo contra o galego... Esa xente sabota o futuro do seu país, agora que aparecen mulleres poetas extraordinarias, un cinema que chama. Pero non hai ignorancia que acabe co galego. Eles quedarán como unha mala anécdota e o galego seguirá.