A poeta ourensá Alba Cid obtén o Premio Nacional de Poesía Moza por 'Atlas'

Daniel Salgado

20 de octubre de 2020 18:11 h

0

En Atlas (Galaxia, 2019) o poema desprégase proteico por tempos e xeografías. O eu non é o centro do mundo, porque o mundo é grande, ás veces terríbel, un mosaico de vidas e a memoria dos obxectos que as conforman. Atlas é o primeiro libro da poeta Alba Cid (Ourense, 1989) e o Ministerio de Cultura acaba de outorgarlle o Premio Nacional de Poesía Moza Miguel Hernández. É a segunda vez que o consegue unha obra en galego, despois de que en 2015 o obtivese Gonzalo Hermo (Rianxo, 1987) por Celebración.

“Constitúe unha reflexión sobre como a literatura elabora mapas da realidade e sobre o valor moral que poida ter a literatura como problematización do mundo”, sinalou o xurado do galardón, dotado con 20.000 euros. O verso longo, por veces debruzado sobre o narrativo, inzado de referencias á culturas canónicas e populares, de Wallace Stevens aos mapas de óso dos inuit, de John Ashbery -unha das súas grandes influencias- aos asmat de Papúa Occidental.

“pequena occidental, / confías na historia das palabras / porque nunca puideches confiar na dos homes”, escribe no poema que abre o volume, Historia apócrifa dos tulipáns ou as alucinacións nos Países Baixos. “É poesía tanto do coñecemento como da emoción, e presenta unha nova cartografía en que se funden o mapa do corpo co do planeta, a memoria e a enigma”, engadiu o xurado.

Atlas é o segundo Premio Nacional que recibe este ano a poesía galega. A semana pasada foi Olga Novo (Vilarmao, A Pobra do Brollón, Lugo, 1975) a que levou o de poesía por Feliz Idade. Antes só Manuel Álvarez Torneiro (A Coruña, 1932-2019) por Os ángulos da brasa en 2013, o citado Gonzalo Hermo -na modalidade moza- e Pilar Pallarés (Culleredo, A Coruña, 1957) por Tempo fósil en 2019 recibiran a distinción.