O Día das Letras Galegas recoñecerá en 2026 a narrativa feminista de Begoña Caamaño

Foron apenas dúas novelas, publicadas nos seus últimos cinco anos de vida, e, con todo, a obra de Begoña Caamaño marcou a narrativa galega recente. Circe ou o pracer azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012) descubriron unha autora serodia pero cuxa perspectiva subversiva e feminista volteaba a tradición, en concreto a homérica e mais a artúrica. A Real Academia Galega decidiu este venres que a súa figura protaginizará o Día das Letras de 2026. “Coa súa lembranza”, sinalou a institución que preside Henrique Monteagudo nun comunicado, “as Letras 2026 serán unha festa asomada á contemporaneidade, á pulsión do presente e á ollada feminista que vertebraron o seu pensamento, o seu traballo intelectual e a súa biografía”.
A Circe de Begoña Caamaño é a feiticeira da Odisea pero que na súa historia conquista a Ulises e xuntos quedan a vivir na illa de Eea. Penélope, que agardaba en Ítaca, recibe unha carta da amante do seu home e comeza unha relación epistolar entre ambas as dúas mulleres. Esa correspondencia múdao todo. “A señora de Eea tamén espertara intranquila”, escribe Caamaño, “aínda que o seu corpo permanecía bandonado á molicie do abrazo do heroe, a súa cabeza pensaba no xeito de se desfacer xentilmente do seu amante e procurar tempo e intimidade para ler a nova carta de Penélope”. Ao xeito da Cassandra de Christa Wolf ou The Penelopiad de Margaret Atwood, a autora reescribe un dos textos fundacionais da literatura para lle aplicar unha ollada feminista e radical.
A escritora volvería ao mesmo método na súa segunda e derradeira novela, Morgana en Esmelle, como a anterior publicada pola histórica Editorial Galaxia. Mais desta vez o mundo escollido para reformar desde a escritura foi o artúrico, que na tradición literaria galega apareceu decote nomeado como materia de Bretaña. A Morgana de Caamaño escapa coa súa tía Viviana á lendaria illa de Avalón e ambas as dúas eríxense en protagonistas dese mundo que tamén seduciu a Álvaro Cunqueiro. O libro valeulle o premio da Crítica, o Ánxel Casal e o Losada Diéguez.
O oficio da xornalista
Begoña Caamaño nacera no popular barrio do Calvario de Vigo en 1964. Alí estudou ate se licenciar en Maxisterio. Pero o oficio da súa vida foi o xornalismo, extremo que salientou a Real Academia Galega. “Literatura e xornalismo son na autora instrumentos para o coñecemento, outra forma de reflexión e acción, desde o rigor do saber, o estimulante exercicio da razón e a complicidade da maxia e dos soños”, dicía o texto da candidatura aprobada polo plenario da institución, “a súa figura dialoga cunha parte moi activa da profesión xornalística e literaria […] entrégase á narrativa sen desoír a interrogación da xornalista e a esixencia da lectora”. Como xornalista comezou na emisora viguesa Radio Noroeste, pasou por Radio Popular na mesma cidade e en 1989 incorporouse aos medios públicos, onde dirixiu e presentou Andando a terra, Club Cultura e Expreso de Medianoite, e formou parte do Diario Cultural de Ana Romaní. Tamén colaborou en xornais e revista, entre eles El Sol, A Nosa Terra, Tempos Novos ou Novas da Galiza.
Ademais dos xornalismo e a literatura, a militancia feminista e na esquerda nacionalista marcaron unha existencia que rematou o 27 de outubro de 2014, aos 50 anos, vítima dun cancro.

1