Diario da xornada de reflexión: cousas de persoas normais

0

Rematou a campaña pero eu non dou marchado. Probabelmente teña algo de obsesivo, pero unha vez que empezas a falar das eleccións, ves temas de debate e cheques da Xunta por todas partes. Sexa como for, hoxe é xornada de reflexión, ese parón absurdo entre campaña e eleccións no que os candidatos non poden pedir o voto e teñen que facer cousas de persoa normal, como pasear en bicicleta coa familia rodeados de cámaras ou ir xogar ao dominó á tasca rodeados de cámaras. Como escribo isto o día antes (xa saben, os tempos da prensa escrita), non sei exactamente que escenas entrañábeis estarán despregando as candidatas e candidatos no seu día de descanso, pero podo imaxinalas.

Imaxino, por exemplo, que Alfonso Rueda, pasará o día con esa familia monolingüe que nos presentou a publirreportaxe da TVG cando aínda estabamos na precampaña, parece que hai unha eternidade. Se cadra irán de paseo a un dos magníficos eucaliptais que loou Isabel Díaz Ayuso na súa intervención no mitin do PP de Vigo, porque tendo un motor da economía coma ese en cada parroquia e lugar, quen vai querer pasear por un souto? Ao mellor despois do paseo Rueda vai tomar un moi enxebre pincho de tortilla a ese bar de Pontevedra no que o camareiro comenta que non lle dá reparo sentar na barra xunto a un butaneiro, de darse o caso, e xa saben que non hai meirande índice de humildade que a capacidade de sentar xunto a un obreiro coma se tal cousa, sen asustarnos nin nada.

A Ana Pontón eu facíaa tomando un café na cociña dos seus pais, sobre todo porque tiña gana de ver se Aurita lle volvía roubar protagonismo á filla cun outfit revolucionario como o seu famoso xersei rock & love, pero se teño que facerlle caso á prensa que desde Madrid está tentando rescatar a campaña do PP (non sei se dG) nos últimos días, supoño que a tal altura a candidata estará nun escuro rocho de Etxarri Aranatz tentando poñer en marcha o Comando Chorente.

Coido que Besteiro pasará a xornada de reflexión en Lugo, se cadra de viños cos amigos, como se o único que se xogase fosen un par de euros que lle botou ao Celta - Barça nas apostas, porque se algo descubrín nesta campaña é que o candidato do PSdG é un home que John Ford podería dirixir en calquera western. Iso, e que é o único candidato ao que só chamamos por un nome, como a Cher.

Gustaríame saber como bota o día Marta Lois, de volta na terra, ou Isabel Faraldo, unha candidata descoñecida para min que me cativou no debate da TVG, coa súa vehemencia de sindicalista dos 80.

Cos outros dous partidos da dereita alén do PP, sobre todo ese que lle pode facilitar a maioría cun escano en Ourense, permítanme que faga como a TVG e La Voz de Galicia e finxa que non existen, porque se me acaban os caracteres da columna e aínda me queda moito que reflexionar.

Vostedes reflexionen tamén mentres fan cousas de persoas normais, quer andar en bicicleta ou xogar ao dominó, quer acumular alimentos non perecedoiros e potabilizadores de auga no búnker non vaia ser que se confirmen os medos da dereita. Vémonos do outro lado, e oxalá no seguinte artigo que me toque escribir aquí me poida meter un pouco co novo goberno da Xunta. Xa saben, por amolar.