A semana volve estar cargada de actividade cultural, con moito protagonismo para as artes escénicas, que esta fin de semana contan cunha das citas imprescindibles para os que sempre están atentos ás novas propostas no escenario, o festival Escenas do Cambio que se celebra na Cidade da Cultura e no Salón Teatro de Santiago. Teatro, danza e arte mestúranse nun evento que aposta polo risco e ao que sempre paga a pena achegarse. Na Coruña continúan as actuacións do ciclo TRC Danza, tamén con pezas moi innovadoras. E no apartado de humor, esta fin de semana tamén se celebrarán na capital coruñesa as últimas sesións do Encontro Mundial do Humorismo.
Na música, destaca o concerto de celebración dos 40 anos de Astarot, banda pioneira do heavy galego e un dos grupos que experimentou co chamado rock celta en Galicia. A festa será no Auditorio Municipal de Cangas este vindeiro sábado. En Ourense continúan cos concertos do Festival de Jazz de Primavera, que esta semana nos trae o Bruce Barth Trio. E en Santiago, Andrés Suárez actúa en dous concertos consecutivos co seu novo disco, Viaje de vida y vuelta, que pode consagrar ao cantautor ferrolán como unha das voces máis destacadas da música española.
Escenas do cambio no Gaiás. Santiago. Venres 5 de maio e sábado 6 de maio
As propostas escénicas máis vangardistas volven á Cidade da Cultura de Galicia, como vén sendo habitual cada ano por esta época co festival Escenas do Cambio. Compañías como Matías Daporta ou Alberto Cortés participan nesta IX edición que tamén acollerá o espectáculo Poescénicas, con artistas como Silvia Penas ou Yolanda Castaño. Aquí podes atopar máis información e entradas.
Astarot celebra os seus 40 anos cunha gran festa. Cangas do Morrazo. Sábado 6 de maio
A banda nacida hai 40 anos en Cangas do Morrazo comeza a súa xira de aniversario na súa vila natal cun gran concerto no Auditorio Municipal, onde se esperan moitas sorpresas dos colaboradores do grupo ao longo da súa dilatada traxectoria. Repasarán as cancións clásicas da súa discografía, que tivo o ano pasado o seu último fito con Baixo a luz de Breogán, na que homenaxearon a grandes nomes da literatura galega como Rosalía de Castro ou Celso Emilio Ferreiro. Aquí as entradas.
TRC Dance na Coruña. Teatro Rosalía de Castro. Ata o 13 de maio
O festival TRC Danza continúa a celebrarse no Teatro Rosalía de Castro da Coruña durante toda a semana con pezas innovadoras e arriscadas desta disciplina, interpretadas por compañías como Nuisis Zobop (Portugal) ou Ivona. Aquí as entradas.
Bruce Barth no Festival de Jazz de Ourense. Café Latino. Ata o 1 de xuño
Café Latino acolle estas semanas o Festival de Jazz de Primavera de Ourense con destacadas actuacións nacionais e internacionais. O mércores día 10 chega un dos concertos destacados coa actuación do trío liderado polo famoso pianista estadounidense Bruce Barth, aclamado por crítica e público de todo o mundo. Aquí o programa completo do festival .
Outras propostas:
Andrés Suárez en Santiago: o cantautor ferrolán presenta o seu novo disco con dous concertos consecutivos na sala Capitol de Santiago. Aquí as entradas.
Encontro Mundial do Humorismo: últimos días desta fin de semana do Encontro Mundial do Humorismo na Coruña, con espectáculos como Showriano (venres 5) e La Ruina (sábado 6) no Teatro Colón. Aquí o programa.
Iván Vilela e Pablo Castaño: Vilela, nome de referencia da música instrumental brasileira, e Castaño, representante do novo jazz galego, comparten escenario nun concerto moi especial este sábado no Teatro Principal de Santiago. Aquí as entradas.
Cora Velasco en Vigo: a cantante pontevedresa ofrece un concerto para presentar os seus novos temas en La Fábrica de Chocolate Club de Vigo. Aquí as entradas.