La portada de mañana
Acceder
Gobierno y PP reducen a un acuerdo mínimo en vivienda la Conferencia de Presidentes
Incertidumbre en los Altos del Golán mientras las tropas israelíes se adentran en Siria
Opinión - ¡Con los jueces hemos topado! Por Esther Palomera

Pablo López aterra na Coruña, Santiago afronta a recta final da Ascensión e a Festa de Cans despídese con moita festa

Despois dunha semana cargada de actos adicados ao Día das Letras Galegas, entramos noutro que está marcado pola visita a Galicia dun dos cantantes máis destacados do panorama español dos últimos anos, Pablo López, que chega ao Coliseo de A Coruña este sábado dentro da xira que realiza por toda España. Mentres, en Santiago afrontan a recta final das festas da Ascensión, e sobre todo co concerto estrela que se celebra este venres día 19 na Praza da Quintana, con artistas como Carlangas ou Nastasia Zürcher, entre outros. E se tes ganas de festa e vives no sur de Galicia, non podes deixar de botar unha ollada ao Festival de Cans (O Porriño), que vive a súa etapa final durante a fin de semana con actuacións musicais e moito cine.

A Coruña e Vigo tamén reciben estes días a visita dun cantante que está a falar moito nos últimos anos, Travis Birds. Santiago e a capital da Coruña tamén acollerán esta fin de semana o nacemento dun novo e prometedor grupo de jazz, Cuarteto Federal. Seguindo co jazz, o Café Latino de Ourense programa o xoves 25 o grupo liderado polo saxofonista norteamericano Wayne Escoffery, que actuará o sábado 27 en Lugo. En teatro temos no Teatro Rosalía de Castro a peza O porco de pé , baseada no texto de Vicente Risco e dirixida por Quico Cadaval e nas exposicións pódese facer un percorrido pola curiosa exposición Detrás do espello , que se pode ver na Cidade da Cultura de Santiago.

Fogos de artificio final das Festas da Ascensión. Santiago. Ata o domingo 21 de maio

As festas máis emblemáticas de Santiago rematan esta fin de semana cun último espectáculo pirotécnico cheo de concertos para públicos moi diversos. O venres 19 celébrase a Composfest na Praza da Quintana con Carlangas, Ruxe Ruxe e Nastasia Zürcher no cartel. O sábado será a quenda de Nena Daconte no mesmo escenario e o domingo pecharán Ortiga e Pili Pampín. Tres concertos moi atractivos e, ademais, gratuítos. Podes consultar o programa completo aquí.

Pablo López no Coliseum. A Coruña. Sábado 20 de maio

É dende hai uns anos un dos artistas pop nacionais máis seguidos e a súa xira por España fai agora parada no Coliseum da Coruña. Presenta unha nova canción, Qasi, e durante o concerto repasará os éxitos que o levaron a converterse nun ídolo para público de distintas idades. Podes mercar as entradas aquí.

Wayne Escoffery en Ourense e Lugo. Sala Café Latino e Clavicémbalo. Xoves 25 e sábado 27

O gran saxofonista estadounidense Wayne Escoffery, gañador dun Grammy, actúa no Café Latino de Ourense este xoves día 25, dentro do Festival de Jazz de Primavera. Dous días despois actuará no Clavicémbalo de Lugo. As entradas pódense mercar aquí.

Detrás do espello no Gaiás. Santiago. Ata o 25 de xuño

Ver a pegada que Galicia deixou na obra de grandes nomes da cultura universal é o obxectivo da exposición Detrás do espello , que se pode ver na Cidade da Cultura de Galicia. García Márquez, Ernest Hemingway, Miles Davis, Luis Buñuel ou Mike Oldfield son algúns dos grandes nomes das artes que mantiveron algún tipo de relación con Galicia e esta curiosa exposición móstranos de que se trata.

Outras propostas:

Fin de festa en Cans: o gran festival do audiovisual galego chega esta fin de semana ao seu colofón cunha programación chea de música e cine. Los Punsetes (venres 19), The Limboos (sábado 20) e Mr. Kilombo (sábado 20) son algúns dos atractivos.

Travis Birds na Coruña e Vigo: o cantautor madrileño fai unha minixira por Galicia con paradas no pub Garufa de Coruña (sábado 20) e na Fábrica de Chocolate de Vigo (domingo 21).

O porco de pé na Coruña: a obra de Vicente Risco chega o venres 19 ao Teatro Rosalía de Castro da Coruña, nunha versión de Pepe Sendón e Quico Cadaval, dirixida por este último. Podes mercar as entradas aquí.

Presentación de Cuarteto Federal: catro músicos de jazz de distintas procedencias (entre eles o galego Xacobe Martínez Antelo) únense neste proxecto que se presentará o venres 19 en Santiago (Casa das Crechas) e o sábado 20 na Coruña (Teatro Colón). Podes mercar as entradas aquí.