Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.

O PP entra en modo pánico

Feijóo, Rueda e Rajoy, entre outros dirixentes, no mitin da praza de touros de Pontevedra

0

O eixe da campaña de Feijóo parecía ser a oposición á amnistía e agora leo, cos ollos desorbitados, que o PP non só pensou na amnistía senón que estuda indultar Puigdemont porque “a reconciliación é precisa”. Tantas tardes de furia e ira e resulta que o da ditadura sanchista que aflixe España por estar o PSOE confabulado cos separatistas, os golpistas e os terroristas só era unha serie de Netflix!

Os estrategas de campaña do PP, seguindo a escola de Pablo Iglesias -o outro demo con cornos e rabo, canda o catalán, da política española- parece que conciben as eleccións como unha trama, mais cunha historia de reviravoltas tan intrincadas que ¿están certos de que respectan as leis da verosimilitude?

Se servidor xa se empeza a marear, en que estado de estupefacción catatónica non se atoparán os seus votantes? A campaña do PP parece ter un fío de intelixibilidade feble e máis xiros de guión que Como defender un asasino.

Poida que a chave estea na inquietante frase coa que Aitor Riveiro remata a nova en elDiario.es: “E se algún acontecemento de ámbito nacional irrompe na campaña? As fontes do PP conclúen: 'Se hai algo, xa o xestionaremos”. Cheira a novo xiro. Wait and see...

En fin. No PP están desconcertados. O deseño da súa campaña, até o momento, foi un erro de proporcións cósmicas. Entraron en modo pánico. A campaña comezou como un paseo triunfal e agora converteuse no Corredor do Terror. No Resplandor, Jack Torrance afirmaba: “Iso non me pasará a min”. Estalles pasando. Poden ficar conxelados no labirinto galego. Non leron a enquisa que afirmaba que Galicia era, logo da propia Catalunya, o lugar onde máis xente aprobaba a amnistía?

Unha nova enquisa de 40DB para El País confirma que “o 46,5% dos electores prefire un goberno de coalición entre as formacións de esquerda. Excede claramente o 29% que aposta por que siga o PP en solitario e o 7,5% que desexaría un pacto entre populares e Vox”. Ana Pontón é moi valorada polos propios votantes do PP, e é a primeira opción de voto para os máis mozos. Parece que a líder do BNG encarna o cambio.

Todo depende, a día de hoxe, dunha présa de votos. Por iso advírtese unha forte tendencia ao voto útil no bloque progresista. É un factor que pode darlle maior rendemento ao PSdeG. Tamén entre os xubilados. Os electores máis afectos ao PP son os de maior idade. Porén, entre eles Xosé Ramón Gómez Besteiro ten moito percorrido. Aí é onde araña votos ao PP e onde o BNG entra menos. Coa suba do 0,25 das pensións que propuxo Rajoy perderían polo menos o 10% do valor das pensións. É un argumento imbatíbel.

Pero hai máis. O xornalista Anxo Lugilde salienta que “desde que está en Madrid, a imaxe de Feijóo caeu algo máis dun punto sobre dez. Este dato é chave”. En efecto, Feijóo non é o que era. Perdeu unhas eleccións clave. Perdeu o seu aspecto de moderación: resultou ser unha folla en branco sobre a que escribiron uns borranchos Aznar e Ayuso. Como consecuencia, o seu crédito está decimado: un ano en Madrid e volve en campaña feito un fodechinchos, falando castelán ante públicos maiormente galegofalantes, aboando a súa nova imaxe de líder de patrón capitalino, para desesperación de Rueda. Así non hai quen poida gañar unhas eleccións!

Se Feijóo perde as eleccións -de certo xeito convocounas el e é el quen pode perdelas- será unha nova crise para o PP, logo do asasinato político enb horario de máxima audiencia de Pablo Casado. A referencia inevitábel é o Xulio César de Mankiewicz, aínda que non se sabe que ninguén encarnase Marco Antonio, como o fixo na pantalla Marlon Brando. Na dereita española todos pecharon fileiras con Bruto, o conspirador. Máis ben Bruta.

Porque, insisto, o candidato é malo, non ata, senón sobre todo para os electores do PP. Mais o erro catastrófico de verdade cometérono os estrategas de Feijóo, que confundiron as prazas do Obradoiro, María Pita e a viguesa Porta do Sol -Galicia é así: pequena pero de moitos matices- coa unívoca rotundidade da Praza de Colón.

Etiquetas
stats