Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.

Queres axudas? Levas axudas

O candidato do PP á Presidencia da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acariña un can en Ponteareas

1

Día dez da campaña e seguimos a falar do debate da CRTVG. Inda ben que non teñen pensado organizar máis, por moito que a Xunta Electoral insista, porque visto o visto cun só abonda para varios días.

Desde o debate, o PP colleulle gusto ao programa do BNG, e sácano a pasear en canto mitin fan. Seica acaban de descubrir que o Bloque Nacionalista Galego é un bloque de partidos, é nacionalista e non teño claro se o de ser galego tamén os pillou por sorpresa ou iso xa o esperaban. É ben curioso que antes do debate o PP apenas reparase en Ana Pontón. Di o meu amigo Luís Pardo, que está atento a esas cousas, que no primeiro gran mitin da campaña, na praza de touros de Pontevedra, Rueda nin se molestara en mencionar á candidata do BNG polo nome. Agora non a quita da boca, parece que o programa electoral do Bloque, que xa era público e difundido por eles mesmos semanas antes de que a Rueda lle dese por lelo, esconxurou a lei de amnistía, o Falcon e o mesmísimo Pedro Sánchez por arte de maxia.

A outra gran consecuencia do debate foi que, xa entrado febreiro, volveron as rebaixas. Todo comezou cando o Consello da Xunta decidiu adiantar dez meses o pago do complemento das pensións non contributivas, e deberon pensar: “Isto son 37.000 votantes potenciais contentos”, e viñéronse arriba. Desde o debate, o goberno de Alfonso Rueda apurou a aprobar axudas para comprar vivendas, axudas para paliar as zonas de sombra da TDT, axudas para a inmersión lingüística (en inglés, malpensados, xa saben que facela en galego é cousa de terroristas), axudas para placas solares, axudas para contratar xente moza no eido do I+D+I, axudas para comprar electrodomésticos... e estas que menciono son só unhas poucas. Se facemos a suma de todos os galegos e galegas que se poden beneficiar de polo menos unha desas axudas, eu calculo que o total debe estar aí por volta dos 39 escanos, mira ti.

O malo é que con tanto asinar convocatorias de axudas para o DOG, o presidente quedou sen tempo para outras cousas, como debates ou entrevistas. Dicíamos o outro día que rexeitara (pola vía do silencio administrativo) o convite da Ser para debater coa líder da oposición, e tamén o debate que a Televisión Española lles propuxo ás tres forzas parlamentarias. Despois do luns, pensei que se cadra lle collera medo a Ana Pontón, que lle fixo preguntas incómodas sobre a pancarta de Galicia Bilingüe, pero é que tampouco quere falar con Julia Otero, que tamén é galega e moi simpática. Nin con este xornal desde o que escribo. Aínda vai ter razón Xosé Manuel Beiras en que o noso presidente é un medricas e por iso veu Feijóo de Madrid a encirrar o persoal nos mitins mentres el queda nun discreto segundo plano. Ou iso ou que o PP, polo que for, xa non quere que Rueda fale con ninguén até o día 18.

Non sei a vostedes, pero a min resúltame difícil imaxinar outro candidato que a unha semana das eleccións non quere aproveitar todas as oportunidades que se lle presentan para explicar o seu programa. Se cadra, se nas entrevistas lle deixasen explicar o programa do Bloque...

Etiquetas
stats