Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Ana Pontón e Alfonso Rueda
1. Todo vai moi á presa. Os zurcidos do mundo, neste entretempo, están descoséndose a ollos vista. Os signos multiplícanse por todas partes. Na vida social e política a razón e o xuízo, os fundamentos dunha sociedade civilizada, están sendo arrombados nun recanto. É a era dos falabaratos. Non só a indiferenza, tamén a brutalidade aumenta a ollos vista. Tanto que podemos temer que o mal medre sen que ninguén saiba como contrarrestalo. Escribo isto porque o que diga a continuación pode estar escrito na auga en menos que canta un galo.
2. O máis notable das pasadas elecións galegas de febreiro non foi tanto o éxito de Ana Pontón como o desfondamento do PSdeG. Nun editorial o Faro de Vigo describe así a súa situación: “Trátase dun PSdeG de extrema fraxilidade, case marxinal”. E así é: desdebuxado, sen personalidade propia, o socialismo galego pagou coa derrota as propias culpas, pero tamén a xenreira contra Sánchez. A máquina de demonizar da prensa madrileña funciona de modo moi eficiente. Son engrenaxes que trituran moi ben. Pedro Sánchez está á altura de Puigdemont ou Pablo Iglesias, tal vez máis abaixo. Se alguén pensaba que a Brunete mediática e a xudicial deterían o fogo dos seus canóns ante un partido de Estado como o PSOE estaba equivocado. Iso non quita que nas elecións xerais e municipais o PSdeG manteña posicións moi por riba dos nacionalistas. Unha cousa é unha cousa e outra cousa é outra cousa, dixo Baltar vello. Neses ámbitos o BNG non é aínda competitivo.
Por outra banda, dende a sede do PSdeG, na compostelá rúa do Pino –excelentes vistas sobre San Caetano- non se manda nada. Ferraz manda, a confederación de alcaldes galos manda nas súas tribos respectivas, pero o PSdeG, orfo de discurso e de organicidade, está coxo, manco e cego.
3. Así que todo parece resumirse na dialéctica entre Alfonso Rueda e Ana Pontón.
Rueda, é o mesmo que Feijóo? Esa é a pregunta. Visto dende lonxe, o PP de Galicia está, a día de hoxe, descapitalizado. Intelectual, politicamente descapitalizado. Con Fraga o PP tiña un contido político e simbólico: a Administración única, os gaiteiros no Obradoiro e o consenso lingüístico debuxaban unha singularidade. Feijóo, que odiaba todo iso, navegou unha táboa de surf. Cuarto e metade de galeguista en Lalín, ultra na COPE e progre e moderado na Sexta. De fondo, cero. Un significante baleiro. O PPdeG é unha máquina de poder eficaz, pero orfa de ideas ou proxecto.
Non se trata, ou non se trata só, do camiño a escoller. Entre o par moderación centrista/radicalismo de dereita ou galeguismo/centralismo, o PP de Galicia, urxido polos ventos de Fronda que nacen na Serra do Guadarrama, parece decantarse polo centralismo e a extremosidade, declinados iso si en ton menor, sen espaventos. Pero máis aló desa disxuntiva, o Goberno galego parece estar en mans de xentes con carreira, sobre todo funcionarial, pero sen ideas. Non se divisan, volvo repetir, ideas ou proxecto. Dá a sensación de que se erguen cada mañá a ver se pillan unha voando no aire, como unha bolboreta que se lles escapa. Unha lástima, porque, ao final, son o Goberno galego.
Polo demais, funciona como un muro. Trátese da CRTVG, do consenso lingüístico, de Altri, da política industrial ou do que se queira, non dialoga nin negocia. É unha infatuación, derivada do monopolio de poder durante décadas, perigosa para os propios intereses. Pero, que sei eu? Doutores ten a Igrexa.
4. Ana Pontón: “Non hai nada máis revolucionario que chegar ao goberno”. 31% dos votos emitidos, 471.000 votos, 25 deputadas/os: a de febreiro foi a mellor campaña do BNG. Ana Pontón é a candidata non só, mesmo non tanto, do nacionalismo galego como do conxunto das esquerdas. Non sería posible sen un certo tipo de discurso. Digo máis: sen un certo estilo.
O BNG expresa, ou debería expresar, un proxecto alternativo de modernización do país. Ten dúas tarefas obvias por diante: chegar ao goberno e gobernar ben. Con obxectivos plausibles e definidos e con xente capaz. Obvio, pero non fácil. Só pode facelo se persevera. Nun certo estilo. E se incorpora rostros dos que niguén discute a competencia profesional e política. Así se trate de Salustiano Mato, de Teresa Táboas, ou de Enrique Saéz Ponte, antigo directivo do Banco Pastor. Ou outro tipo de perfís, de latitudes que contrarresten suspicacias. Ten que disolver as reticencias que aínda xera e crear confianza. Xa o dixo Marco Aurelio: “Ninguén che dixo que a batalla fose fácil”.
Non convén poñer unha doutrina en relación antagónica co espírito do tempo, nin facer abstracción da relación de forzas. O Papa Francisco non o fai, nin o fixo Xoán XXIII, que aggiornou a igrexa no Concilio Vaticano II. Pero Pío Nono fíxoo en 1864. No Syllabus Errorum, o documento no que enumeraba os erros aos que tiña que opoñerse a Igrexa, ditaminaba que de ningún xeito o pontífice romano “pode, nin debe, reconciliarse co progreso, o liberalismo e a civilización moderna, nin adaptarse a eles”. É evidente que nada sería máis contradictorio coa posibilidade de goberno e, por tanto, co cambio de rumbo de Galicia, que unha variante de pionono. Un defensor das esencias e inimigo do mundo moderno, instalado na comodidade doutrinal, non faría máis que frustrar, unha vez máis, a oportunidade.
Por outra banda, a Igrexa non é Deus.