Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Beneficiados de Muface
Beneficiado: o que tira beneficio. Non confundir cos beneficiarios de Muface: aquelas persoas que desfrutan de prestacións sen seren os mutualistas, é dicer, os familiares a cargo do titular.
Chamamos a atención sobre os beneficiados, porque parece moi rechamante que, sen que exista interese directo con resultado de beneficio, siga existindo por inercia dos tempos unha mutua de tan decrépita complexión: debe contratar con aseguradoras privadas a prestación dos servizos sanitarios, xa que Muface non é titular de nengunha entidade propria de prestación dos mesmos. Por súa volta, as aseguradoras receben un pago anual pola prestación dunha carteira de servizos acordada, e, finalmente, as aseguradoras contratan con hospitais privados os servizos requeridos. As aseguradoras só posúen, nalgúns casos, clínicas de medicina xeneralista ou de especialidades non hospitalarias. É dicer, a cadea de negocio ten varios elos e todos e cada un deles só se sosteñen se hai ganancia lucrativa.
Como é ben sabido, a sanidade pública é pública (en primeiro lugar), universal e gratuíta para o conxunto dos cidadáns, e, como é ben sabido tamén, a xestión racional dun servizo público non se asenta no gaño, senón na correcta e excelente aplicación da pericia sanitaria en pro das vidas saudábeis. É, como se sabe, gratuíta para o usuario, mais é custeada cos fondos públicos procedentes dos ingresos do Estado, entre outros os ingresos fiscais: pagámola entre todos, e é igualitaria para os doentes independentemente do nível de vida ou de renda. Por outra banda, a prestación dos servizos sanitarios na rede pública de sanidade é hoxe perfeitamente capaz (contando co seu debido dimensionamento) de prestar os servizos sanitarios ao conxunto de mutualistas e aos seus beneficiarios. Á contra non consta.
É imposíbel hoxe que a rede existente de empresas privadas sanitarias cubra as necesidades de servizo sanitario, na súa totalidade, en todo o territorio estatal e coa mesma carteira de servizos da sanidade pública. De aí as prácticas disuasorias das compañías concesionarias de seguiren titulando prestacións a mutualistas que por razón de idade -nomeadamente- se acaban convertendo en clientes tóxicos: enfermidades crónicas, doentes oncolóxicos, operacións cirúrxicas de traumatoloxía na maior parte das mulleres idosas, doenzas neurolóxicas, cardiovasculares, oculares (con operacións), reumatolóxicas... En cada un dos casos, dependendo da empresa e das dotacións hospitalarias e mais dos especialistas con que conte, realizará, en cada ocasión, as manobras necesarias para non superar en cada exercicio económico un monto determinado de gastos que poderían resultar tan gravosos como suicidas, empresarialmente falando.
E é imposíbel que se atenda na sanidade privada igual que na sanidade pública, porque as pólizas que o Estado paga ás concesionarias do servizos sanitarios (empresas privadas), non son suficientes para que unha empresa privada siga na senda do negocio e do beneficio. Só nalgúns casos pontuais de centros hospitalarios de Madrid e Barcelona existen condicións materiais e de persoal para igualar a calidade da sanidade pública. As mesmas entidades concesionarias de servizos sanitarios de Muface declaran que a maior parte do seu negocio procede de coberturas privadas ou privadas pagadas polas empresas, nos casos de salario en especie de certo persoal directivo. Por razóns estritamente económicas, visto o pagamento que receben por acto médico ou por tratamentos longos, procuran ter poucos funcionarios mutualistas, e menos se son xubilados.
A disuasión para ir eliminando clientes problemáticos (aqueles que gastan moitos servizos ou moi custosos) funciona tanto en Madrid como en Barcelona onde si existen centros hospitalarios privados con dimensión e servizos, e nos que en linguaxe vulgar chaman provincias, non é preciso disuadir ninguén, xa que que todo o mundo, con certo grau de información, non dubida en se dirixir aos públicos (abandonando a aseguradora privada) para asuntos de certa entidade. As prácticas de disuasión son múltiples: “Estará mellor atendido porque esa técnica aquí non hai”, por exemplo, nun tratamento oncolóxico. Ou: “Nós esa especialidade non a temos, e para ir ao hospital de Madrid hai lista de espera”; ou “esa técnica non entra na póliza que cobre Muface”; “ para facer esa proba diagnóstica ten que esperar varias semanas” ou “esa lente é moi custosa, tense que facer cargo do pago mensual do seu recambio, nós só cobrimos o que está estipulado”.
Resumindo, hai 154.355 funcionarios e os seus beneficiarios que viven en Madrid e utilizan até agora con certa accesibilidade e rapidez os servizos de medicina de familia (tanto médicos de cabeceira como pediatras) sen sobrecargaren eses mesmos da sanidade pública. Algúns suplementan a póliza pagada pola súa mutua (Muface) con aportacións particulares para teren acceso a maiores prestacións, e outros, chegado o caso, pura e simplesmente abandonan para se integrar a todos os efeitos na sanidade pública. Estes suplementos de póliza pagados polo funcionario constitúen unha parte do negocio a que fixemos alusión. Dado que son contratos de adhesión, a medida que se necesiten máis servizos e máis confíe o usuario na excelencia do servizo, máis fidelizado está o cliente por razóns de necesidade, e máis proclive a pagar o que interprete como necesario ou de trato de privilexio. Este é o negocio perfecto: non hai quen compita cun contratante de servizos sanitarios cando o cliente é un doente en estado de espera polo tratamento.
Hai aínda un aspecto do negocio proporcionado por Muface ás entidades privadas que é a prestación por medicamentos. Na idade activa os afiliados á sanidade privada que pertenzan ao Réxime xeral da Seguridade Social copagan en activo un 40% do prezo do medicamento ou, se se tratar dos de aportación reducida con calquera prezo non se supera o tope de 4,24 euros. Ao se xubilar no Rexime Xeral hai unha escala de copago que vai desde gratis até o 10% como máximo, escala elaborada en función da cuantía da pensión, mais, ollo!, os xubilados de Muface pagan (pagamos) sempre o 30% de aportación de copago polos medicamentos, en idade activa e na pasiva. É dicer, o que aparentaba un menor desembolso polo pagamento dos medicamentos convértese na xubilación -na que se acumulan máis necesidades, tratamentos e coidados- nun pagamento anti-privilexio total.
Se tiñamos algunha dúbida sobre quen precisa Muface hoxe, xa sabemos que son en parte as compañías privadas de seguros, acompañadas de certos centros hospitalarios e seguidos por certa industria farmacéutica, os beneficiados netos da súa existencia. Os funcionarios de Madrid afiliados a Muface(debemos contar tamén cos empregados da sede central) aínda cren nun dereito ben coberto o feito de contar con esta mutua, hoxe peza do museo da historia económica española.
Beneficiado: o que tira beneficio. Non confundir cos beneficiarios de Muface: aquelas persoas que desfrutan de prestacións sen seren os mutualistas, é dicer, os familiares a cargo do titular.
Chamamos a atención sobre os beneficiados, porque parece moi rechamante que, sen que exista interese directo con resultado de beneficio, siga existindo por inercia dos tempos unha mutua de tan decrépita complexión: debe contratar con aseguradoras privadas a prestación dos servizos sanitarios, xa que Muface non é titular de nengunha entidade propria de prestación dos mesmos. Por súa volta, as aseguradoras receben un pago anual pola prestación dunha carteira de servizos acordada, e, finalmente, as aseguradoras contratan con hospitais privados os servizos requeridos. As aseguradoras só posúen, nalgúns casos, clínicas de medicina xeneralista ou de especialidades non hospitalarias. É dicer, a cadea de negocio ten varios elos e todos e cada un deles só se sosteñen se hai ganancia lucrativa.