Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Columna de urxencia
“Como siempre: lo urgente no deja tiempo para lo importante”. Mafalda
Cando era adolescente, a miña nai contoume que na última manifestación á que ela asistira a policía lle arrincara un ollo a un rapaz cunha pelota de goma. Fora a última á que asistira en moito tempo, porque daquela ela estaba embarazada de min, e na escolla entre a urxencia da protesta e a importancia de salvagardar o embarazo, escolleu isto último. A primeira vez que escoitei esa historia, eu aínda non sentira a urxencia de protestar de forma organizada, e abraioume pensar que a miña nai puidese ter vivido nunha realidade tan afastada da que eu coñecía, onde a policía arrincaba ollos con pelotas de goma e as cidadás tiñan que escoller entre as súas reivindicacións e a súa integridade física.
En maio de 2017, cando a policía desaloxou o Centro Social Escárnio e Maldizer da casa que ocupaban na Algalia de Arriba, á miña nai pillouna a concentración de protesta paseando o carriño do meu fillo recén nacido pola zona vella. Contoume que cando chegou á praza de Cervantes había xente nova protestando, que cando os antidisturbios foron cara a eles escaparon correndo e berrando, e que despois os antidisturbios empezaron a botar botes de gases lacrimóxenos cara á zona onde se atopaban os manifestantes. Ela agochouse como puido detrás dunha columna dos soportais mentres o dependente de Couceiro lle facía xestos desde o outro lado da rúa para que se fose refuxiar dos gases dentro da libraría, pero cruzar a praza era imposíbel. En canto viu que os policías sacaban os fusís cos que disparan as modernas balas de foam, botou a correr soportais arriba e non parou até chegar á miña casa.
Entre esas dúas anécdotas protagonizadas de forma testemuñal pola miña nai e o meu fillo median case 40 anos, e nese tempo as balas de goma ou foam das Forzas de Seguridade do Estado arrincaron 32 ollos e mataron directamente a catro persoas. En 2014, mentres ducias de persoas trataban de alcanzar a nado a praia do Tarajal, en Ceuta, a Garda Civil disparoulles 145 proxectís de goma. Houbo 15 mortos.
Escribo, como digo, con urxencia, en parte porque a situación o require e en parte porque esquecín que esta semana me tocaba columna, así que cando me puxen a procurar información sobre persoas mortas e mutiladas por disparos de balas de goma non esperaba que me levase moito tempo atopala, despois de todo estamos na era da información ao alcance de calquera. Resultou que estaba equivocada: moitos medios publicaron a noticia da moza que perdeu o ollo por unha pelota de goma nas protestas destes días, pero moi poucos tomaron a molestia de contextualizala, e o malo de non ver ese contexto é que corremos o risco de pensar que se trata dun feito illado e non dunha estratexia sistemática e deliberada para sementar o medo e desalentar as protestas sociais.
O que si vin durante a miña pescuda foi unha enxurrada de tinta nos medios a propósito do mobiliario urbano. Auténticas odas á marquesiña caída en combate. Políticos que cando corrían diante dos grises facíano respectando o sentido da circulación e cedendo o paso nos cruces. Os tertulianos de cabeceira das radios, que non moven unha pestana cando se fala de canto nos está a custar subvencionar colexios de curas ou derivar pacientes á sanidade privada, lanzando afervoados discursos sobre os bens públicos a conta dun colector ardendo ou unha papeleira arrincada. Non me malinterpreten, eu defendo enerxicamente todos os bens e servizos públicos, tamén os colectores. Que me poñan un epígrafe máis na declaración da renda, que con gusto marcarei o X para a reposición de colectores e marquesiñas se con iso conseguimos centrar o debate no importante. Por tantos.
Contra o que se cacarexou estes días en púlpitos, editoriais e mesmo parlamentos autonómicos, a forma das protestas non anula o fondo. Somos cidadáns os que protestamos, non somos nenos que debamos ser tutelados e non, perder os modais non nos fai perder a razón. O fondo da protesta segue aí, e no fondo da protesta hai persoas ingresando en prisión por criticar á coroa e ás forzas de seguridade, hai policías bourando en nenas de 14 anos ás portas dos bares, hai familias que levan todo o inverno sen luz nin calefacción porque ás compañías eléctricas non lles sae á conta resolver o problema, hai empresas aproveitando a pandemia para expandir os seus tentáculos polos nosos espazos naturais protexidos coa conivencia da administración, e segue a haber desafiuzamentos malia que nos prometeron que iso xa non ía pasar.
O fondo da protesta é o importante e tamén o urxente, e aquí estamos nós a encher horas de televisión e ancho de banda co anecdótico, así que esta columna urxente é, en realidade, unha declaración de intencións. Doume de baixa deste debate. Non vou dedicar un minuto máis a falar de colectores ardendo porque teño para min que, como no refrán, estamos todos a mirar absortos o dedo no canto de mirar o que o dedo sinala: a cunca ensanguentada na que antes había un ollo perfectamente san.
“Como siempre: lo urgente no deja tiempo para lo importante”. Mafalda
Cando era adolescente, a miña nai contoume que na última manifestación á que ela asistira a policía lle arrincara un ollo a un rapaz cunha pelota de goma. Fora a última á que asistira en moito tempo, porque daquela ela estaba embarazada de min, e na escolla entre a urxencia da protesta e a importancia de salvagardar o embarazo, escolleu isto último. A primeira vez que escoitei esa historia, eu aínda non sentira a urxencia de protestar de forma organizada, e abraioume pensar que a miña nai puidese ter vivido nunha realidade tan afastada da que eu coñecía, onde a policía arrincaba ollos con pelotas de goma e as cidadás tiñan que escoller entre as súas reivindicacións e a súa integridade física.