Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
E, mentres tanto, en Galicia…
Isabel (nome ficticio) vive en Santiago. Hai unha semana, o pasado venres, estaba seguindo pola tele a comparecencia en que o conselleiro de Sanidade anunciaba o levantamento do peche perimetral da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés. Isabel podería ir por fin ver os seus pais, que viven en Cambados, pero tamén sabía que tería que agardar ata o luns, xa que a medida non se faría efectiva ata despois da súa publicación no DOG.
Como Isabel, grazas á sucesión de escaladas e desescaladas, case tres millóns de galegos temos un auténtico máster sobre o funcionamento da administración. Un máster dos de verdade, non dos que che dan a cambio dunhas cremas do Eroski. Por iso, calquera de nós estamos en condicións de explicarlle á outra Isabel (nome real), con domicilio en Madrid e familia en Toledo, a diferenza entre anunciar o levantamento dunha prohibición e facela efectiva coa súa publicación nun diario oficial. Quen di o levantamento dunha prohibición di a disolución da Asamblea e a convocatoria de eleccións. O que lles podiamos ter aforrado en avogados a uns e a outros…
Este, máis ou menos, é o estado de ánimo co que seguimos dende a esquina noroeste ese BRUTAL-TERREMOTO-QUE-SACODE-OS-ALICERCES-DA-POLÍTICA-ESTATAL. Como os paisanos que ven… perdón, que vían no bar un partido de fútbol entre dous equipos que nin lles van nin lles veñen (un Mirandés-Espanyol como o desta tarde, por exemplo), pero non por iso van deixar de opinar sobre o debuxo táctico elixido polos adestradores. Con algo hai que enredar, e máis en tempos de pandemia.
Atrás quedou o tempo en que fomos vangarda do que pasaría no Estado; campo de probas, como a Guerra Civil antes da Segunda Guerra Mundial. As políticas de austeridade (ehem) do primeiro Feijóo, que anticiparon os recortes de Rajoy, ou aquel experimento chamado AGE, no que Pablo Iglesias tomou notas antes de inventar Podemos, son só dous exemplos desas cousas que se podían ensaiar fóra do foco e exportar á Villa y Corte se tiñan éxito. Funcionamos case como un patio traseiro no que, ás veces, a CIA tamén eramos nós mesmos.
En apenas dous telexornais, o anómalo carácter monocor da dereita en Galicia -ao igual que a súa maioría absoluta-, converteuse en todo un anacronismo no mapa político estatal (quen sabe se unha reliquia coa que a historia homenaxea o pai da idea, aquel Manuel Fraga que virou demócrata). Isto, claro, mantennos alleos aos pactos, competicións, fichaxes e sorpassos que marcan o seu día a día alén do Telón de Grelos. Aínda resoan os ecos das gargalladas dos populares galegos de cando Arrimadas lles veu coa idea aquela de se presentaren en coalición nas últimas autonómicas. Seguro que o lembraban mentres escribían o tuit no que se mofaban de que, aquí, Cs e Podemos non impulsaran ningunha moción de censura. Unha mágoa: quedamos sen posibilidade de 'tamayazo' autóctono… co ben que se nos dan aquí esas cousas da compra de vontades!
Só hai unha posibilidade (remota) de que isto nos acabe rozando, aínda que sexa de carambola. Que todos estes movementos rematasen en tal catástrofe para o PP que Casado tivese que marchar e fose sustituído por ese nome que sempre está nas quinielas: Núñez Feijóo.
Curiosamente, o estoupido de todo isto pillou o presidente da Xunta xusto na capital do Estado; máis curioso aínda: por primeira vez en anos quedou sen palabras cando os xornalistas lle pediron que opinase sobre o acontecido. “Se teñen algo que preguntar sobre Galicia…”. Co que a el lle gusta dicirlle a todo o mundo o que ten que facer!
Aínda que en Madrid a idea apareza e desapareza como un Guadiana calquera, a min, o de que Feijóo marche facer fortuna á capital seméllame cada vez máis difícil de crer. O venres, en Vigo, Abel Caballero díxolle a Àngels Barceló que, se se anima, el ponlle unha “ponte de prata”. Como a de Baltar (o pai, o bo) a Inmaculada Rodríguez, cando a que chegara catro anos antes como a súa fichaxe estrela anunciou que abandonaba a política. “A inimigo que foxe, ponte de prata”. O que dubido é que o de Feijóo, de producirse, fose unha fuxida.
Sen Feijóo (porque lle fagan unha oferta irrexeitable ou porque acabe marchando por aburrimento), si é posible que o marco cromático da dereita galega deixe a súa tendencia monocor. Pode que ao azul lle sume algún ton laranxa, se daquela segue existindo, e mesmo ata de verde. Si, de verde. Desenganémonos: podemos sacar peito como país porque a ultradereita non teña representación no Hórreo, pero iso é só porque en Galicia, pese ao profundo marianismo da cúpula popular, a estrutura do partido segue ancorada nese aznarismo que moitos arelan: aínda que cada vez as debuxen máis pequenas, abondan unhas únicas siglas para unilos a todos (a todos os que están á dereita do PSdeG, enténdase).
Ai! Como boto de menos os tempos en que era a esquerda a que se facía a puñeta! Aí aínda teriamos algo que rañar. Pero claro… iso, como o can que morde ao neno, hai tempo que non é noticia. A menos que sexa no goberno central, e iso volve pillarnos lonxe… Case case como un Mirandés-Espanyol.