Galicia Opinión y blogs

Sobre este blog

Feijóo tamén gaña polo demérito de BNG e PSdeG

0

Nas últimas eleccións, Núñez Feijóo elaborou unha campaña que eliminaba o logo do PP e patrimonializaba o ítem “Galicia”. Por qué? Hai que supoñer que porque non confiaba nos seus electores máis estables para gañar. En Galicia non é enteiramente certo que o peixe estea vendido. De feito, as enquisas post-electorais mostran que Feijóo obtivo unha porcentaxe de electores que noutras convocatorias votaran ao PSdeG. A verdade crúa é que Feijóo gaña por meritos propios, pero tamén polo demérito dos seus contrarios. É esta, por certo, unha percepción amplamente compartida. Hai un elector galego ao que imaxino coa expresión do celebérrimo cadro de Munch, dando un berro entre a desesperación e o espanto causado polos partidos aos que vota, pero nos que non confía. 

Está claro que o PSdeG, dende que o mundo é mundo, ten un problema: cando se trata das eleccións galegas aparece desdebuxado e sen folgos. E con razón, porque, salvo no período de Touriño, que debuxou un rumbo posible, o PSdeG foi case sempre, a escala galega, un partido anodino, sumiso e sen carácter nin personalidade. A iso sumáselle agora unha evidencia empírica: os únicos fieis cos que poden contar en toda España representan un segmento envellecido dos electores, de corenta e cinco ou cincuenta anos para arriba. A análise do éxito de Más Madrid corrobora ese dato.

A socialdemocracia está en retroceso en Europa dende hai décadas -os últimos resultados do Labour inglés son un chanzo máis nese declive-. A identidade de clase disolveuse no aire así sexa na Toscana coma no Algarve e non digamos en Galicia, onde non chegou nunca a callar con forza. O éxito de Trump, do Frente Nacional francés e do PP en segmentos de traballadores indican que, se non se repolitiza o ámbito do traballo, o abismo será máis profundo.

O BNG teno mellor no ámbito autonómico, porque ao nacionalismo se lle presume maior dedicación a Galicia, que é o seu epicentro. Dende logo, dedica máis traballo a promover aos seus líderes -e tamén a derrubalos-. Pero sucede que, para a opinión pública maioritaria, o BNG aparece como un partido de oposición máis que como un partido de goberno. A súa política, que pretende ser moi de esquerdas, moi cerca da que no conxunto do Estado era a de EU, ou agora UP, impídello. Se un quere ser o espazo á esquerda do PSOE non é probable que, ao mesmo tempo, poda funcionar como a forza que articule o país. Ou unha cousa ou a outra.

Non deixa de ser hilarante -estilo a célebre escea da 'Vida de Brian'- que cada vez que o BNG ten unha ruptura os seus críticos pretendan situarse aínda máis á esquerda. No entanto, a grande pregunta é, dende hai moito tempo, esta: non é posible unha forza galega que dispute co PP no seu propio terreo, obtendo a confianza dos electores de centro?

É unha pregunta que para moitos é un anatema, case unha profanación, pero é a pregunta que cabe facerse. O certo é que un revival de Coalición Galega parece imposible. Pero si sería pensable que o BNG dera mostras de querer xogar o papel dun partido de amplo espectro, un partido-atrápao-todo, na xerga dos politólogos. A consecuencia lóxica de meterse un mesmo nun recanto é que o PP sempre xoga na casa.

Galicia sería outra se nas últimas décadas estivera no goberno da Xunta un nacionalismo democrático, integrador, con ideas positivas e cadros cualificados. Pero ese nacionalismo sereno estivo ausente. Esa omisión foi, e segue sendo, clamorosa. En definitiva: o PP vive, non só pero tamén, da inconsistencia do PSdeG e do abandono da centralidade social polo BNG. Con ese panorama o PP durará moitos anos na Xunta. Non só ten votos, tamén ten cadros e influencia. Cadros e influencia, repito. O PP gaña porque goza de apoios económicos, mediáticos e redes clientelares, seguro. Pero hai algo máis, algo que ha de ser analizado a distancia e con inglesa obxectividade. Aínda que nos desagrade ou pese. Preguntarse as razóns axudaría. Como moi ben o sinala Daniel Innerarity, “canto peor é a opinión que tes do teu adversario, máis estúpida é a túa derrota”.

En fin. É un dato ben establecido na ciencia política que cada vez máis os electores esixen aos partidos que lles dean razóns para votalos. Como explica Oriol Bartomeus, “o voto automático, o daqueles que votan polos que consideran os seus, é cada vez menor. O voto que opta por un partido pase o que pase e se presente quen se presente, está en proceso de desaparición. Por contra, medra o daqueles que só acoden ao colexio electoral se se senten interpelados”. Como demostra o exemplo madrileño, non é preciso que as razóns sexan nin intelixentes nin elevadas, pero teñen que existir.

Así que tanto PSdeG como BNG teñen un problema. O PSdeG perdeu a súa hexemonía no elector progresista, aínda que os socialistas criados na era felipista supoñan que lles pertence por dereito divino. Pero non parece probable que vaian recuperala vivindo dos réditos pasados, como un fidalgo vido a menos. O BNG, volto á vida despois de atravesar correntes avesas, e de beneficiarse do harakiri de En Marea, é agora o maioritario na oposición, pero unha lexislatura antes os 19 deputados que ten eran seis. Seis. Iso dío todo.

Por suposto, o mundo non acaba no PP, BNG e PSdeG. E aínda que das próximas eleccións galegas nos separan algo así como tres galaxias, dous buracos negros e unha supernova, parece plausible pensar que Vox, na dereita, e Unidas Podemos, na esquerda, estarán aí, o que engadirá complicación. Parece probable que Vox vaia perder fol en toda España pola vía da reintegración dunha parte dos seus votos ao PP. Pero probable non é seguro nunha época en que cada dous meses parece reinventarse o mundo.

Non pode estrañar que dentro de catro anos os orzamentos do estado vaian ser manexados por PP e Vox. O PSOE reparte millóns dos Next Generation ás grandes empresas mentres mantivo o emprego grazas aos ERTE, pero o marco mental está en mans do radicalismo de dereitas. A fábrica de memes e bots está a pleno rendemento, o mesmo que a enorme cantidade de medios da dereita dixital -ElConfidencial, VoxPopuli, ElEspañol, Okdiario, Hispanidad, Libertad Digital e unha longa serie, case infinita- xenerosamente financiados por quen pode facelo, que non son precisamente os lectores. A guerra cultural non ten tregua.

Pola súa parte, non pode haber á esquerda do PSOE dúas opcións: sería regalarlle o goberno a PP-Vox. Se non ven iso non ven nada. Unidas Podemos non pode coexistir en toda España cunha opción cercana a Más Madrid. Cabe pensar que poida nacer unha opción que reúna aos dous grupos nunha opción de esquerdas federais, como propón Pérez Royo? Sobre o papel, e dados os condicionantes dos apoios que ten, e os que introduce a Lei Electoral, sería sensato pensalo. Pero na realidade é improbable. Se por un raro azar Yolanda Díaz sobrevive ao goberno e se ve compelida a ser candidata en Galicia, os datos sobre a mesa poderían mudar. 