Galicia Opinión y blogs

Sobre este blog

O goberno galego e os tractores

0

Xa non é a primeira vez que, tratando o papel económico dos futuros fondos europeos Next Generation EU, demandabamos unha disposición activa do goberno galego concentrando forzas sociais e políticas galegas para levar a cabo un plan de industrialización/reindustrialización ou consolidación industrial ao servizo da recuperación económica post-pandemia. Hoxe, atopámonos cun documento da autoría do goberno galego (abril 2021) que non foi presentado nen discutido -por tanto- no Parlamento galego. Non se sabe se gozou de pacto e coñecemento previo de empresarios e sindicatos. Si se sabe que a CIG, sindicato maioritario na Galiza, non goza dos favores do goberno e non foi convocado. Non houbo acordo, non hai pacto, non hai participación, non houbo trato parlamentar. As formas das relacións políticas teñen neste caso, unhas características pouco desexábeis, e as formas políticas teñen, tamén neste caso, relevancia á hora de concitar enerxía social proclive á materialización dos proxectos.

Nunca mellor que neste caso, as formas van condicionar o contido dos actos que finalmente se executaren. Esta torpeza ou manca democrática do goberno galego segue a senda do goberno central. O goberno central acordou consigo mesmo elaborar unha listaxe ao seu modo e maneira da disponibilidade dos fondos comunitarios, moi a pesar de que nas recomendacións do seu uso se aponte a necesidade de crear cohesión social, esvaído das desigualdades en todos os sentidos, así como modernización das administracións públicas. Non semella que con eses métodos hierarquizados en pirámide e sen participación algunha, se poida seguir a senda orientada polos lexisladores comunitarios. A democracia non é votar de vez en cando (agora mesmo moitas veces, sen ton nen son, como na provincia de Madrid); a democracia e tamén a modernización institucional e isto non é compatíbel coa adhesión inquebrantábel aos mandados dos gobernantes. Insistimos na componente política do deseño de uso dos fondos Next Generation porque son fondos a administrar polo Estado español en función da súa representación por delegación dos cidadáns, e, como é ben sabido, o poder de administrar non é exactamente igual que o poder dominical (no seu significado de posesión con dominio) dos fondos.

Estes son procedentes dunha decisión comunitaria que van repercutir no mellor dos casos no benestar dos cidadáns comunitarios pero que, finalmente, han ser pagos polos cidadáns comunitarios. Non é un proceso que permita actuar como se dun maná se tratar. Terá as súas contraprestacións e sería moi interesante que existise lexitimidade política e social para actuar en consecuencia.

O contido exposto no documento citado da Xunta presenta os proxectos que se emprenderían por parte de titularidade pública galega. Son un total de 270 proxectos cun orzamento proposto de 6.858.418.517 de euros, subdivididos tematicamente en 5 epígrafes e cun contido común: o de aprofundar no papel subsidiario da Xunta nos procesos industriais galegos: boa compañeira das compañías estranxeiras e de grande tamaño e ausente nos proxectos de orixe galega con raigame na capacidade produtiva do país. Dos proxectos anotados só 15 significan o 40% do total e, coa excepción dos 533 millóns de euros destinados ao denominado “Polo aeroespacial de Galicia”, os restantes correspóndense con obras públicas de infraestrutura (conexión polígonos industriais); mantemento da existente (acondicionamento de estradas no rural, rehabilitación de infraestruturas públicas); corrección de ausencias notábeis do pasado (mellora e ampliación de plantas depuradoras); dixitalización 'a todo trapo' mesmo onde non hai xa persoas, e tamén eficiencia enerxética a toda máquina. Entre as obras que forman parte da listaxe de proxectos chama poderosamente a atención que figuren tamén obras de construción (sempre a construción!) hiperanunciadas e pretensamente xa incluídas nos orzamentos anuais da Xunta: Hospital de Montecelo, novo CHUAC, reforma do Gil Casares, novo centro de doazón de sangue, actuacións no CHOU, no CHUS, en Ferrol, no Hospital da Mariña...

Resumindo, os edificios públicos dunha sanidade, con moitas outras necesidades, van ficar noviños de todo. A idea única contida na creación dos fondos Next Generation é a de servir de base financeira para a recomposición económica da enorme crise provocada polas consecuencias económicas da pandemia. Ao mesmo tempo e, dado que en moitos campos será case como empezar de novo, aproveitar a sima da crise para construír capacidade produtiva propia. E só a industria é quen de xerar uns efeitos de arrastre sobre outras actividades directa ou indirectamente relacionadas. É dicer, os novos investimentos deberían ser escollidos entre os directamente produtivos da industria que ademais contribúan de forma certa á autonomía de subministracións, á autonomía -no marco do mercado único- de bens esenciais e mais estratéxicos e, finalmente, pero non de menor importancia, a que os proxectos industriais colaboren activamente á creación de emprego novo e non só ao aumento da renda e con ela da capacidade de importación.

Aprendemos que en plena crise foi decisivo que a UE contase con capacidade de autoabastecemento (de alimentos, máscaras ou vacinas) máis que medios de pago para se desputar nun mercado global contra outros intervinientes igual de activos e competentes. A explicación directa dos casos de aplicación rápida de vacinas en Israel ou no Reino Unido sitúase precisamente neses dous planos: capacidade produtiva propria ou capacidade negociadora e solvencia propria. Non hai nada mellor que a industria para crear emprego novo, dotar de capacidade produtiva nova derivada e á vez ser garante da capacidade de exportar e importar. Ao se tratar dunha actividade directamente produtiva distínguese por natureza propria do gasto en actividades de infraestrutura que incorporan necesariamente dúas pexas: poden significar un sobredimensionamento para a economía hóspede (como o AVE para Galiza), significan un aumento excesivo do gasto de mantemento e poden crear unha dependencia tecnolóxica non desexada.

Na Galiza do presente, a enerxía mesmo de cor verde intensa non vai xerar nengunha avantaxe para o conxunto do aparato produtivo galego. As infraestruturas son un saco de gastos inmediatos e futuros (véxase a sombra da discusión das portaxes idem). A dixitalización que veña dada por gasto público directo é outra fonte coñecida de destrago por estar por riba das necesidades sociais. E as sendas peonís ou para biciclos non serían nunca pensadas na Unión Europea para sacar o paro estrutural da foto da economía. Pouca sorte imos ter con estes proxectos. E aínda está por ver como se van converter nunha arma do xogo político-propagandístico entre goberno central e goberno galego. Outra forma de destrago económico.