Galicia Opinión y blogs

Sobre este blog

Ministerio da 'Velleza'

Dá a impresión de que a actualidade -a material e a creada- ten velocidade distinta á do ritmo diario de vida. Por iso hai unha chea de temas que van ficando alegre ou tristemente sen solución e sen maior debate. Un recorrente, para nós, é coñecer como se resolveu o asunto das mortes en residencias (chamadas) de maiores, acaecidas en pandemia. Visto que quedaron dúbidas das condicións en que aquelas persoas se despediron (ou foron apartadas) da vida, permitímonos insistir no asunto dos dereitos humanos.

Para mellor defender social e politicamente os dereitos humanos dos envellecidos propoñemos a criación dun Ministerio da Velleza (dos Vellos), para así dar relevancia institucional a un colectivo que non só é moi numeroso senón que precisa dun trato especial, nunha sociedade que recoñece cada día máis e mellor o bon trato aos problemas específicos de colectivos, de toda caste e condición. Desta forma cabería a existencia dun Defensor das persoas Vellas, integraría todos os Institutos, Consorcios, Direccións Xerais, Fundacións... que de forma específica, e tamén dispersa, dan cobertura ou atención a aspectos particulares e integrarían nunha só dependencia ministerial tanto a asistencia social como a atención pública necesaria en todos os ámbitos da vida diaria.

En 1979 -outubro- publicouse no BOE un Instrumento de Ratificación do Convenio para a Protección dos Dereitos Humanos e das Liberdades Fundamentais, feito en Roma en 1950. Sen se fixar demasiado que foi preciso cambiar de rexime -no Estado español- para ratificar ese Convenio, si interesa lembrar o seu artigo 3: “Ninguén poderá ser submetido a tortura nen a penas ou tratos degradantes”. Na medida en que se interprete que morrer sen asistencia nen apoio humano é cando menos degradante podemos interpretar que houbo, en moitos casos obscuros, violación dos direitos humanos, e isto debe ser resolvido limpamente nunha sociedade que aspira a que a democracia empape todos os seus tecidos.

A poboación maior de 65 anos (convencionalmente esa é a idade de ruptura entre adulto e maior) representa no estado o 20% da poboación. Non é cuestión cuantitativa, mais, se hai que cifrala, consideramos que representa un colectivo considerábel. En Galiza temos unha esperanza de vida superior á media española e a porcentaxe deste colectivo é do 26,11%, máis numerosa e tamén con problemas distintos que os dos colectivos doutras Comunidades. Propoñer a creación dun Ministerio que integre todos os servizos presentes e os necesarios futuros que se crearen é unha boa maneira de facer emerxer solucións para problemas que desde o coidado diario até o extraordinario (enfermidades, dependencia ou soidade non buscada) coñecemos a diario e que permanecen solapados en cifras globais sobre cuantía das pensións, dos servizos municipais ou no rol do Imserso no plano lúdico. O trato diario ás persoas idosas vai no noso país moito máis alá das consideracións que reflicten as cifras de necesidades en residencias, en atención en casa, en cuantía das pensións ou en acceso en condicións normais aos servizos hoxe disponíbeis só con trámites telemáticos. Citamos só unha restra de cuestións que por seren obxecto de novas en prensa semellan que reúnen o conxunto de aspectos de interese do colectivo, mais, ao noso entender, acabaríamos antes contestando a pergunta: as persoas vellas son distintas na sociedade? Hai discriminación asociada á idade? Se as respostas son positivas, significa que o problema non se disolve por agochalo, dividilo por seccións ou repartilo por entes da administración de difícil acceso.

Se nos referimos a unha destas seccións particulares, como é o servizo prestado a través de residencias, mal mirado, o problema lembra os primeiros tempos -desde o século XIX a hai moi poucos anos- do trato que hoxe consideramos inhumano, dos atinxidos (xa non digamos das mulleres) por enfermidades mentais. Na Galiza hai 341 residencias de vellos con 21.053 prazas, das que só o 41% son públicas. Para chegar a cumprir coa ratio de 5% de prazas por cada cen maiores, case debería duplicar o número de prazas, pois neste momento só cobren o 2,8%. Galiza é a terceira comunidade do Estado con máis déficit de prazas e con maior número delas privadas (en Euskadi o 74% son públicas ). Non hai, para nos referir ás residencias, máis que queixas: lista de agarda enorme, escaseza de prazas, ubicación inadecuada (no medio da nada e nengunha no centro das cidades), ausencia de control público das prestacións, escaseza de persoal...

Construír residencias para aparcar persoas de idade obedece ao mesmo plantexamento social que internar en manicomios os doentes mentais. A situación persoal dos que non poden valerse por si mesmos e seguir sós na súa casa (sen solucións alternativas), mis desfrutan dos restantes atributos dos seres humanos, invalida o principio de salvagarda dos dereitos humanos. Unha atención deficiente e igualitaria nas normas de convivencia colectiva, até extremos cuarteleiros, bota por terra calquer compoñente de benestar teórico ou posíbel. Unha amiga miña entrou nunha destas institucións, e despois de cumprir por obriga legal cos horarios de aseo, comida, descanso e ocio, tomou a decisión drástica de fuxir con dirección a calquer pensión onde non tiver a obriga de xogar ás cartas tamén por imperativo legal. Os aforros de persoal e o feito de igualar todos os residentes por razón de idade contando cun preconceito de quen son as persoas idosas, dá como resultado situacións esperpénticas, cando non maltrato.

A vantaxe de crear un ministerio que enfoque a solucións dos problemas que poidan ter as persoas de idade alta corresponde coa marcha dos tempos. Igual sucedeu cando se creou un ministerio de Saúde Pública, un outro de Educación ou un de Igualdade. Son todos eles asuntos dirixidos a facilitaren a vida en sociedade dun grupo de cidadáns con problemas identificábeis comúns aínda que matizadamente diferentes.

Así, desa maneira, non habería un pensamento uniforme en identificar medios e instrumentos (como son as residencias) con medidas de política social para vellos. Cumpriría necesariamente reestruturar os servizos de asistencia social para cobrir dereitos e non subsidios ou caridades, e plantexaríase de forma organizada e ben dotada os servizos de asistencia en domicilio, acompañamento, sanidade específica, ocio...

O último elo da vantaxe de existir ese Ministerio sería a creación na Galiza cunha Consellaría con esa competencia, integrando todas e cada unha das prestacións hoxe en mans de Concellos e Deputacións. É preciso atender todas as necesidades, mais as de todos e cada un, asumindo as diferenzas e a desigualdade.