Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Saíndo da crise
É o momento de crear emprego. É a única maneira de saír da crise sen que as feridas producidas pola caída de actividade no estado de alerta, así como os restos acumulados do ciclo á baixa que tiña comezado ante-pandemia, se convertan en úlceras crónicas. Crear emprego é tamén a única forma de garantir que os impulsos de nova actividade económica contribúan a pór de novo en marcha o motor da maquinaria económica.
Se ben é considerado como un logro ter instrumentos paliativos da profundización da pobreza con motivo da paralización de actividades, tamén é certo que nos últimos anos, desde a crise financeira do 2007, non houbo melloras na composición relativa das diferenzas sociais polo que ao reparto da renda se refire, ou, noutras palabras: aumentaron as diferenzas sociais que significan un aumento da pobreza. Mesmo no Real Decreto Lei creador do IMV (ingreso mínimo vital) constátase o feito de ter cronificado a pobreza na economía española que non desaparece nin nas épocas de forte crecemento económico. Por tanto, benvidos sexan os ERTEs, o IMV, a dotación ao fondo de desemprego, os créditos ICO, as subvencións, axudas varias… pero todo quedará no ar se non hai unha recomposición planificada da actividade económica creadora de novo emprego e, se puider ser, non precario.
A estrutura económica española posúe algunhas debilidades coñecidas que deberían ser abordadas como problemas por parte do Goberno de coalición denominado progresista e, de paso que se toman medidas de política económica de urxencia, ir deseñando medidas incardinadas nalgúns cambios orientados a modificar a estrutura. As debilidades coñecidas, e que ademais constitúen os eixos do que os europeos “sensatos” desacreditan da economía española, son case sempre referidos ao gasto público que consideran alegre e excesivo, á falta de control na fraude fiscal, ao tamaño da economía sumerxida… E, no que non citan, porque é totalmente favorábel para ese grupo “sensato”, é a facilidade de entrar en negocios na economía española, a boa disposición e acollemento de estranxeiros no mercado inmobiliario, a integración histórica da economía española no capital internacional comezando polo europeo… até rematar polo nivel de prezos de bens de acceso común -aquí- que nos seus países son de luxo ou suxeitos a gravames elevadísimos.Da estrutura fiscal non se adoita citar nada, xa que a conduta dos “sensatos” cara ao capital estranxeiro só residenciado a efectos fiscais é semellante á de paraísos fiscais. Na Unión Europea nunca até agora houbo propostas firmes de camiñar cara unha harmonización fiscal porque os aparentemente austeros tiran boas rendas da situación asimétrica. C
on todo, as diferenzas máis importantes de estrutura económica entre as potencias europeas do tamaño parecido á española son aquelas que fan referencia ao capital industrial e ao capital público. Nun e noutro caso poderíamos dicir en termos informais que no primeiro son donos do que teñen e no segundo teñen un acervo de capital público robusto e de maior tamaño que o español. Así, por exemplo, dise: España é o noveno construtor mundial de automóbeis e o segundo europeo. Mais… ningún dos fabricantes de automóbeis instalados en España é de capital español, e iso ten, en época de crise, un significado que vai moito máis alá da simple lectura: fala do feito decisivo da toma de decisións a respecto de novos investimentos, da investigación aplicada, e/ou no cerramento e apertura de centros de produción. Mesmo pode crear un efecto perverso de longo prazo na economía receptora como é a dedicación dunha parte do gasto público ás factorías instaladas en forma de ensino cualificador, infraestruturas públicas (portos, aeroportos, vías de comunicación terrestres e de telecomunicación..), subvencións directas ou, mesmo, como foi no caso Ford (estudado nas escolas de economía do mundo), modificar a lexislación existente para acoller a factoría de Almusafes.
A grandeza/dependencia do turismo cumpre o papel dobre da economía española de vivir do éxito ou ter o grande risco de morrer do mesmo. No momento en que a conxuntura mundial abra outras prazas semellantes á oferta española, a caída de demanda é certa. A dependencia da economía exterior ten unha dobre face: depende da non existencia de competidores no momento e depende do ciclo da demanda en que se atopen os turistas potenciais.
Este é o momento para tomar medidas de política económica creadoras de emprego novo. Pódese levar a cabo un gasto público tanto de consumo como de investimento non suxeito aos corsés do pasado próximo, e pódese facer coa lexitimidade da crise para tomar decisións novidosas.
Unha parte do emprego novo debería ser público. Quedou en evidencia que os servizos públicos esenciais, como é a sanidade, adoeceron de falta de persoal: os cuadros de persoal sanitario público precisan dunha folgura inexistente. Non se pode, nin se debe, traballar nun segmento de actividade con risco con cuadros de persoal no límite dunha economía de guerra. No caso do ensino sucede outro tanto. Na sanidade e no ensino usouse como propaganda dos servizos públicos gastos aplicados que non redundaron en absoluto nas melloras dos cuadros de persoal. Máis ben ao contrario: houbo desde 2007 unha sangría desvitalizadora do persoal necesario para cumprir coas necesidades de servizo público, e agora preséntase o momento de cubrir postos amortizados e deseñar novos postos imprescindíbeis. Facer un estacionamento dun hospital non é mellorar a sanidade pública: iso, en todo caso, é negocio para a construtora, pero os utentes non tiran mellora algunha en saúde. Iso foi no mellor dos casos, o que se investiu no capítulo aplicado á sanidade, mentres se contrataba os profesionais por días ou por horas.
Os servizos públicos sinalados non esgotan o emprego público. O só feito de converter a asistencia social en dereito, non en caridade, obrigaría a creación dun segmento da actividade pública de asistencia en calquera das súas modalidades -en domicilio, en comunidades voluntarias, en residencias…- ás persoas non activas por razón de idade, de dependencia ou de necesidade manifesta. Non é só cuestión de dereitos: é vergoña que a potencia décimocuarta mundial (España) haberá pasar polos xulgados para resolver denuncias de delito por razón do trato das persoas internadas en residencias.
É preciso, para contar con ingresos públicos novos, realizar dúas accións fundamentais: atopar novas vías recadatorias que non aumenten a pobreza; cobrar máis ás rendas máis altas e aos patrimonios máis potentes e loitar en serio contra a fraude fiscal. Mesmo non citamos a busca de mecanismos correctores da elusión fiscal porque neste aspecto non se pode de momento contar coa UE. E, finalmente, pero non último, é indispensábel, de paso, que se debera abandonar por parte dos partidos estatais o madrileñocentrismo, pórse en serio a pensar nunha reforma administrativa das institucións españolas -empezando pola Constitución-, para adecuar ás necesidades económicas actuais a composición das entidades locais, provinciais e autonómicas, a fin de que, en lugar de pechas ao crecemento económico, sexan axentes útiles.