Caderno de bitácora: ano estelar 15 (isto é, catro lexislaturas de estelares gobernos do PP, case quince anos desde aquelas eleccións que se dirimiron polo custo dunhas cadeiras de despacho e un Audi A8).
A precampaña fundiuse por fin cunha campaña que promete deixarnos moitos chíos exaltados de Paula Prado sobre contubernios independentista-leninistas-venezolanos, e moitas fotomontaxes cuquis do BNG. Nótase ben que as bases do Bloque están nutridas de millennials e GenZ, que está internet cheíño de memes vestindo á candidata Pontón de superguerreira de Songoku. Besteiro en cambio non sae nin nos memes nin nas invectivas de Paula Prado, malia escoller como lema de campaña un moi galego “desta vai”, como avisando aos votantes de que esta vez o PSdeG si que se presenta ás eleccións á Xunta, esperemos que os seus votantes tamén desta vaian.
O debate de onte na Ser foi a primeira ausencia de Alfonso Rueda das moitas que se prevén estes quince días. Basicamente só vai acudir ao partido que xoga na casa, a CRTVG, e coas súas regras: nun atril el; nos outros, o dioivo, ou as candidatas e candidatos de esquerda, cantos máis mellor. A CRTVG é o seu balón, e se non xogamos coas súas regras, marcha para casa con el e quedamos sen partido. Nestoutro debate de onte mandou falar no seu nome ao voceiro do PPdeG no parlamento, que o desculpou dicindo que o aínda presidente tiña a axenda moi ocupada. Iso enténdoo perfectamente, eu teño a axenda ocupada e a conciliación difícil, por iso ás veces despístome e chámolle a algún alumno polo nome do meu fillo, para refocile de toda a clase. A Rueda pásalle igual, que con tantos actos institucionais e de campaña ás veces se lía e confunde o PP coa Xunta e a Xunta co país, pero é de boa fe, por iso a Junta Electoral avisa pero non sanciona.
Tamén pode ser que Rueda non queira ir aos debates porque canto menos saibamos do seu programa (o das 183 páxinas que Antón Baamonde tentou ler sen anestesia, coitado!), mellor. En xeral, canto menos pensemos nas eleccións, mellor, de aí o detalle de cadralas co Entroido. Está desexando que pasen, e que pasen por alto. Non me estraña, revíraselle mesmo a patronal, que xa lle están a poñer olliños á Sra. Pontón porque, polo que for, a enquisa multitudinaria do CIS lles parece máis fiábel que o tracking de La Voz de Galicia.
Canto ás 183 páxinas do programa do PPdeG, eu tamén prometo poñerme con elas antes de que remate a campaña. Só espero que ao PP galego non lle pase o mesmo que ao seu voceiro en Santiago (outro vencedor que non goberna porque non quere, como Feijóo), que no afán de levar propostas ao pleno propuxo a creación dun organismo que xa existe desde hai anos. Que raro sería se no seu programa o PP prometese, poño por caso, os mesmos traspasos de competencias que xa prometera nas eleccións de 2009...