Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.

Galicia works, Rueda doesn’t stop

Imagen del libro trilingüe del PP para colorear.

0

Estamos no ecuador da campaña e parece que todo o mundo desinchou un pouco: onte o PPdeG non sacou novos argumentos tirados da campaña de 2009 e mesmo mantivo un perfil baixo nas portadas dos medios afectos. Nin Ana de Bande está especialmente ocorrente nas súas redes, co ocorrente que é ela sempre.

Xa estaba medio convencida de que non ía ter nada interesante sobre o que escribir, cando vin que o equipo de Alfonso Rueda sacara un libro para colorear coas súas propostas destinadas a mellorar a vida das familias galegas, e ademais sacouno en edición trilingüe galego-castelán-inglés. E vostedes preguntaranse “e por que van precisar as propostas en inglés as persoas chamadas a votar nestas eleccións e nesta circunscrición?”. Iso é que vostedes non entenderon nada. Non se trata de que os potenciais votantes de Rueda precisen do inglés para entender o libro (despois de todo, xa está en castelán), senón de aplicar o decreto do plurilingüismo como Deus manda: se metemos un 33% de inglés no libro, iso significa que podemos reducir a porcentaxe de galego, o mesmiño que nas aulas. É así, día a día e nas pequenas cousas como o título deste artigo, como se loita contra a imposición, que empezamos polos libros de colorear e cando nos despistamos estamos aprendendo matemáticas en galego, e iso si que non, xa nos explicara en 2009 aquela señora que compartía manifestación contra o galego co noso presidente, que iso é unha cousa de aldeanos e paletos.

Dicía que Rueda está a manter un perfil baixo estes días, que se lle pode complicar un pouco co ofrecemento da Ser para organizarlle un debate cara a cara con Ana Pontón, algo que a candidata do BNG leva semanas reclamando. O problema dun debate dese tipo é que o presidente debe defender o seu labor e quen ostenta a representación da oposición pode reclamar políticas públicas que non se están a executar, esixir investimento, criticar actuacións concretas... Penso que a Rueda lle gustaría máis este papel: antonte no mitin de Lugo reclamaba una conexión de tren decente, como se a cousa non fose con el. Sempre pode dicir que todos estes anos el insistira en conectar Lugo coa alta velocidade, como prometeran en 2009, e ninguén na Xunta lle fixo caso. Nun momento de desesperación, podería darlle por impugnar as políticas de Feijóo á fronte da Xunta, como adoitaban facer os candidatos do PRI mexicano cos seus predecesores, aínda que non sei que clase de carambola tería que facer para criticarse a si mesmo como vicepresidente.

Non ten pinta de que Rueda vaia aceptar o cara a cara, así que para saber o que opina de políticas concretas non nos queda outra que asistirlle aos mitins (non sei en que media de autobuses nos movemos nestes últimos encontros) ou lerlle a última entrevista no Faro de Vigo. E, xa que saco eu o tema, aproveito para deixar unha humilde petición a todos os medios para estas eleccións e tamén para as vindeiras: Podemos deixar xa a moda das entrevistas “humanizadoras”? Prefiro que me bombardeen con enquisas todos os días antes que finxir interese pola impuntualidade de Rueda, a adicción ao café de Pontón ou alta autoestima de Besteiro.

Por certo, que os impuntuais non somos xente de fiar, fáganme caso nisto, que sei do que falo.

Etiquetas
stats