Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.

'¡Nos la sopla!'

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda (esquerda), e o da Generalitat de Catalunya, Pere Aragonès

1

Eu non sei se os asisados estrategas do PP repararon en que nos concellos galegos só gobernan sobre 600.000 persoas. Case sempre, por certo, en vilas pequenas das provincias do interior, para fixar un estereotipo. Quérese dicir que hai máis ou menos dous millóns de galegos que viven no barullo. Alegremente. Así, como que non quere a cousa. Ou gobérnaos o PSdeG, xeralmente votado polo BNG, ou gobérnaos o BNG, xeralmente votado polo PSdeG. Aínda que iso non o esgota todo: hai outros barullos menores, moi exitosos, algúns desde tempo inmemorial, así sexa Terra Galega en Narón ou Alternativa dos Veciños en Oleiros.

Por non falar do barullo de Ourense. De Ourense Concello e de Ourense Deputación. Ese é un barullo moi barullo en que esta metido, de fuciños, o PP. De Jácome pódese dicir calquera cousa, pero que se distinga por estar calado, non. Son con ver os vídeos que gasta, flipas. En Ourense sempre hai barullo. Xa con Baltar había barullo a cachón. Barullo de trombón, de feito. A Terra da Chispa. Poida que a chispa chegue á Xunta.

Así que ameazar co barullo unha xente que, de feito, vive no barullo, parece ocioso.

E que pasa coa amnistía como principal problema político de Galicia? Non se me ocorre como dicilo, sen que resulte malsoante, porque a expresión axeitada é: nos la sopla. Que nola sople non quere dicir nada. Só significa que nola sopla. Que non somos abondo parvos nin abondo listos como para entender que a amnistía teña que ser o problema a discutir nunha eleccións en Galicia, habendo tantas cousas por aquí das que falar. Eu que sei, cousas miúdas: a sanidade, a educación, a industria ou que facemos coa enerxía dos muíños de vento ou cos mozos formados que liscan. Trangalladas, pensará o noso estratega de garda: aos galegos o que os ten que preocupar é a amnistía. Por collóns.

Eu non lembro ningunha elección en Galicia que se celebrase tocando en exclusiva música madrileña. Non digo que non se poida tocar, pero dubido de que teña éxito. Os señores e señoras no Casino é moi probábel que estean alteradas con Sánchez e Puigdemont, pero o Casino non é Galicia.

A min ocorréseme pensar que unha campaña que deliberadamente se nega a falar dos problemas de Galicia e que intenta deitar fume e confusión sobre a acción do Goberno galego botando man de ETA, Bildu, ERC, o sanchismo, Cataluña e etcétera, é unha campaña perdedora pensada por un meritorio nada prometedor. Mais que sei eu?

No Mundo explicáronnos, no inicio de campaña, que “Rueda es más de tomar cervezas y Feijóo de café”. Desde a desfeita, parece que o home se botou tamén ao café, e ademais en cantidades copiosas. Por toneladas. Antes parecía que había dúas campañas, a tranquila-presidencial e a histérico-compulsiva. A primeira era a columna vertebral do paseo triunfal e a segunda daba cor ao ambiente coas súas hipérboles metanólicas.

Mais o debate e a súpeta aparición de Ana Pontón como escintilante estrela desconcertounos. Tampouco Xosé Ramón Gómez Besteiro, que parece un tipo amábel, deses que te convida á casa comer un asado, encaixa no perfil de golpista. Dá a sensación de que non agardaban este esceneario e de que non saben que facer. E o que se lles ocorreu foi apostar todo ao dous. Ás hipérboles metanólicas. E se coa, coa.

Eu, se fose eles, non as tería todas comigo. Mais que sei eu?

Etiquetas
stats