Galicia Opinión y blogs

Sobre este blog

Alberto Núñez Van Gaal

Seino, porque é xeracional. Ler “Van Gaal” e pensar, ipso facto, no seu guiñol é todo un. Pero non, a asociación do exadestrador do Barça co líder do PP non é porque este porfíe nun discurso “sempre negatifo, nunca positifo” mentres a teimuda realidade se empeña en demostrarlle con datos que esa apocalipse que ansía non ten visos de chegar (igual o fai o 23X).

Tampouco quero dicir con isto que Feijóo teña a cara tan dura como aquel boneco de rostro de ladrillo… que podería, eh? Sen ir máis lonxe, polo pacto con Vox en Valencia. “Estas son as miñas liñas vermellas; se non lle gustan, teño outras”, retrucaría Borja Semper cun bigote pintado con betume. Xa o advertiu Siniestro Total: “El guapo suele ser casi siempre un bellaco al final”. Podiamos pensar que falaba de Pedro Sánchez –acaso hai alguén máis guapo?–, pero a canción titúlase Cultura Popular. E non pode ser casualidade. Aínda que os populares, o fastío ese da cultura, cando poden, prefiren pasarllo a Vox.

Louis Van Gaal chegou ao Barça en 1997 despois de gañar absolutamente todo co Ajax de Ámsterdam en pouco máis dun lustro: tres ligas, outras tantas Supercopas dos Países Baixos, unha Copa da UEFA, unha Champions, unha Intercontinental… é dicir, o equivalente a catro maiorías absolutas seguidas. Viña substituír a Bobby Robson, fugaz e decepcionante recambio dunha lenda da casa: Johan Cruyff. Os paralelismos con Casado e Rajoy son evidentes dabondo como para ter que insistir.

Fichado por un club que fai da aposta pola canteira unha forma de vida, Van Gaal –quen, co tempo, faría debutar a Xavi, Iniesta, Puyol ou Víctor Valdés– transplanta a Can Barça o seu sistema (cambiando un coche oficial por un Falcon, asinando con España un “contrato” como o que asinara con Galicia, prometendo unha auditoría cando chegue ao goberno…). Pero a cousa non queda aí: o adestrador volve replicar o seu equipo case home por home. Chegaría a aliñar, xuntos, oito holandeses vestidos de azulgrana. Ese é o espello de Feijóo.

Porén, a diferenza de Van Gaal, que volveu reunir a banda como os Blues Brothers, recollendo cada xogador nun sitio diferente, el non tivo reparos en desmantelar o seu anterior club, a Xunta de Galicia. Primeiro, en abril do ano pasado, cando levou con el o seu núcleo duro de colaboradores (os que atopamos na lista do PP por Madrid), descabezando polo camiño todo o aparato de Presidencia. E agora, para as candidaturas galegas, volve ao mesmo caladoiro sen ter medo de esquilmalo. Despois de min, o diluvio.

A aliñación é curiosa: Francisco Conde, socio imprescindible para multiplicar a débeda da comunidade, certificar a morte da banca galega e desmantelar a nosa industria (tanto é así que ata a propia palabra, Industria, desapareceu durante anos do seu cargo oficial) será o número 1 por Lugo. Non é polo tirón electoral dun home practicamente invisible pese á súa omnipresencia na TVG, senón pola proximidade ao líder, ao que asesora dende 2009. Imaxinar a Loxicamente (o seu eterno retrouso) como rival de Nadia Calviño nun hipotético cara a cara económico fai pensar que o Solbes-Pizarro pode pasar á historia como un duelo igualado.

Con el marcha, como 2 por Ourense, a gran sobrevivinte –con Rueda– dos gobernos Feijóo: Rosa Quintana. Aínda que en Galicia todos os conselleiros eran de Mar (Sánchez Sierra), esta foi a única que o levou no cargo. 14 anos pendente da pesca e un domicilio na localidade coruñesa de Brión xustifican que se presente pola única provincia interior, por detrás de Ana de Bande. Supoño que o fan só polo pracer de anunciar o ticket como Ana-Rosa Quintana, á que o noso PP adora e premia. Claro que, se ese era o motivo, tamén podía ir por Pontevedra, detrás de Pastor, a retornada. Pero aí xa hai outro ilustre…

Non contento con desmembrar a Xunta, Feijóo decapita o grupo parlamentario. Pedro Puy, o home que nos deu un susto a todos co seu infarto na investidura de Alfonso Rueda, a mellor cabeza do centrodereita galego, será o tres pola provincia das Rías Baixas. Xa o captara para redactar o programa electoral, pero queda claro que non quere que llo explique por videoconferencia. Aterra pensar o que pode facer o rolete do PP na cámara se o liderado queda na man de Paula Prado, capaz de facer pasar a Miguel Tellado por un moderado centrista.

Este nivel de sucursalismo é inaudito (con perdón) mesmo para San Caetano, onde os sucesivos presidentes sempre se pregaron aos desexos do goberno amigo –cando o era–, pero nunca lle entregaran todas as armas antes mesmo de chegar a Moncloa. Alfonso Rueda, cada vez máis desdebuxado, queda reducido ao status de Guaidó, unha especie de “presidente encargado” ou un adelantado del rey, pese a que dito monarca aínda sexa só un pretendente ao trono.

Por riba, a mensaxe que envía Rueda tras estes cambios impostos está lonxe de ser tranquilizadora. Á irresistible ascensión de Diego Calvo súmase a promoción de Ánxeles Vázquez como primeira vicepresidenta na historia da Xunta. Un avance para a causa das mulleres similar ao nomeamento de Margaret Thatcher.

A patada para arriba a Vázquez confirma a aposta polo que Dani Salgado bautizou como “a axenda neoliberal” de Rueda pero que definiu moito mellor –cousas dos poetas– cando dixo en twitter que a de Medio Ambiente era unha consellería “dedicada ao MAL” (as maiúsculas son súas): mantén un teléfono contra a ocupación aínda que reciba 30 chamadas ao ano e financia reformas en segundas residencias ao tempo que esquece a vivenda pública.

Si, ela é a proba de que a batalla cultural e a económica pódense librar á vez e por iso gañou os galóns. O que queda do PP galego (á espera de onde se recoloque o Vin Diesel de Esgos) ten unha contenda clave nas vindeiras autonómicas. Se os deixan sen artillería, terán que pelexar coa baioneta calada, pero vano facer coa dureza de sempre.

(Por certo, tras fracasar co Ajax de Barcelona, ao non ser quen de repetir os seus éxitos anteriores, Van Gaal retornou a Amsterdam. Despedírono os mesmos que o contrataran. Anos despois, volvería tentalo…).

Seino, porque é xeracional. Ler “Van Gaal” e pensar, ipso facto, no seu guiñol é todo un. Pero non, a asociación do exadestrador do Barça co líder do PP non é porque este porfíe nun discurso “sempre negatifo, nunca positifo” mentres a teimuda realidade se empeña en demostrarlle con datos que esa apocalipse que ansía non ten visos de chegar (igual o fai o 23X).

Tampouco quero dicir con isto que Feijóo teña a cara tan dura como aquel boneco de rostro de ladrillo… que podería, eh? Sen ir máis lonxe, polo pacto con Vox en Valencia. “Estas son as miñas liñas vermellas; se non lle gustan, teño outras”, retrucaría Borja Semper cun bigote pintado con betume. Xa o advertiu Siniestro Total: “El guapo suele ser casi siempre un bellaco al final”. Podiamos pensar que falaba de Pedro Sánchez –acaso hai alguén máis guapo?–, pero a canción titúlase Cultura Popular. E non pode ser casualidade. Aínda que os populares, o fastío ese da cultura, cando poden, prefiren pasarllo a Vox.