Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
La portada de mañana
Acceder
El Constitucional acusa al Supremo de sentenciar los ERE sin argumentos
Las denuncias por acoso dinamitan una investigación de la Universitat de Barcelona
Opinión - El porno es el nuevo demonio. Por Ana Requena
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Capitalismo de patacón

Anuncio dun piso en alugueiro

1

O caseiro vén de visita,

os de abaixo están coa música disco a tope,

dime “Vouche dobrar o alugueiro

porque o edificio está en ruínas

e vasme axudar a subornar o Concello“.

Dead Kennedys, Let’s Lynch the Landlord

Unha vez estiven nun piso de Santiago que era en realidade un faiado. O caseiro multipropietario fixera unha división horizontal de facto, chantándolle unha pechadura de Boel na porta cotrosa do rocho, e puxera un tabique de pladur para separar dous ambientes: a cociña, cunha bufarda no teito, e o dormitorio/salón/estudio, cunha restra de xaneliñas a ras do teito inclinado, que era de uralita. Con todo, o que máis me chamou a atención era o cuarto de baño.

Aproveitaran o espazo arredor da maquinaria do ascensor do edificio para facelo, polo que o lavabo e a diminuta ducha estaban á altura do resto do piso, e alá nun curuto, ao remate de catro chanzos revestidos de azulexos, alzábase o inodoro, como un auténtico trono.

Digo que estiven nese piso porque só fun de visita, tamén vivín noutros menos pintorescos pero coa mesma lista de problemas que os estudantes de Santiago coñecen ben: pisos sen calefacción, cheos de piolla, cos electrodomésticos caendo a cachos, cuartos sen ventás, camas dentro de armarios empotrados, buratos no teito, caseiros que usaban as súas chaves para entraren no piso cando non estaban os inquilinos, pagos en negro, os servizos de luz e auga enganchados ilegalmente...

Cando marchei dun daqueles pisos infernais, o caseiro fixo unha reforma digna dos xemelgos contratistas da tele americana, e anunciouno nunha plataforma de alugueiro turístico. Polo visto non foi o único, coa eclosión do turismo low cost moitos multipropietarios viron unha oportunidade de lucro rápido e transformaron aqueles rochos para estudantes en coquetos apartamentos a cinco minutos da catedral ideal grupos. Outros emprendedores deseguida subiron ao carro e compraron pisos cos que especular no inflado mercado turístico.

Agora que o concello de Santiago decidiu non regularizar as súas vivendas turísticas alegais, os emprendedores lanzaron unha campaña na prensa voceira da clase rentista, nomeadamente La Voz de Galicia e ABC, para que a cidadanía se solidarice coas súas coitas. Cando decidiron investir todos os seus aforros, como contan entre saloucos, en pisos para alugarlles a turistas, puxeron o ollo nos pingües beneficios pero non calcularon o risco asociado a calquera investimento que se promete millonario. Será que son máis do capitalismo de Llados que do de Adam Smith, que xa no século XVIII advertía contra o pouco siso dos rentistas.

Nunha das crónicas de interese humano que foron aparecendo estes días, unha propietaria dicía que prefería ter o piso pechado, coa conseguinte perda de renda, antes que alugalo para estadías longas. Outros din que eses pisos non están acondicionados para que vivan estudantes nin familias, seguramente porque, como o meu antigo caseiro, gastaron un monte de cartos en arranxar de vez aqueles pisos balorentos que ben valían para os estudantes pero non para as fotos de Booking, e agora non queren que a xente os desgaste vivindo neles, só que pernocten. Outra afectada afirma que os pisos turísticos son bos porque “democratizan as viaxes”, como se antes da invención de Airbnb non existisen os albergues xuvenís, as pensións nin os hostais. É o vello argumento falaz de que o extractivismo turístico é beneficioso para as clases populares porque se non existise só os ricos poderían viaxar. A igualdade, para a teoría produtivista, consiste en consumir todos como se fósemos ricos, e se morremos de algo que sexa de fartura.

É curioso que estes medios que abandeiran a cruzada contra o concello de Santiago (e moi particularmente contra a súa alcaldesa do BNG) son os mesmos que na crise de 2008 , en pleno rebumbio social contra a banca, comezaron a crear opinión sobre a xente que vivía “por riba das súas posibilidades”, porque se lles ocorrera hipotecarse para comprar unha residencia. Os mesmos que hoxe afirman sen se ruborizar que a xente moza non pode aforrar para a entrada dun piso por culpa de Netflix, dos regalos de aniversario ou de ir cear ramen un par de noites ao mes. Os propietarios que contan con bágoas nos ollos que meteron todos os seus aforros na hipoteca dun piso para alugar, seguramente non vivan por riba das súas posibilidades. É máis, estou segura de que moitos renunciaron a Netflix, aos regalos de aniversario, e a ir cear fóra un par de noites ao mes con tal de meter cada perra miserenta que gañaban nese piso que agora prefiren ter pechado a chave e tranca, pensando que algún día as rendas do traballo alleo lles compensarían tanto sacrificio. Agora que non poden alugar os seus pisos como vivendas turísticas, eu recoméndolles outro negocio novidoso con nicho de consumidores na cidade: que os revertan ao seu estado cotroso anterior, cos seus fungos nas paredes, os seus váteres entronizados e a súa capa de roña secular, e despois organicen visitas guiadas para que os turistas se poñan na pel dun auténtico estudante de Compostela, un residente da Casa da Roña (Alejandro Pérez Lugín me perdoe).

E se iso non lles vale, poden probar a abandonar o seu capitalismo de a patacón e ler máis a Adam Smith, que tamén dixo aquilo de que unha persoa ten que vivir e manterse co seu propio traballo.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats