Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

“Que leva Alfonso Rueda na mochila?” Respondo á pregunta que non te deixa durmir polas noites

El presidente de la Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, a su llegada a una reunión de presidentes autonómicos del PP.

0

Leo: “O Consello de Europa pídelle á Xunta que levante a prohibición sobre o uso do galego nas materias científicas”. Case inmediatamente, X suxíreme: “A Xunta non executou no 2022 a metade dos fondos europeos e de compensación, segundo os informes do Consello de Contas”. Un día antes de entregar este artigo: “Folga na TVG contra a externalización de programas que dilapida recursos e facilita a manipulación informativa”. Atopo: “Un informe do sector sitúa a Galicia na cola en gasto en dependencia mentres fai caixa co plan de choque do Goberno”.

Velaí catro titulares deste xornal na última semana. Eu estaba convencido de escribir outra vez sobre a crise da vivenda —por desgraza, tampouco é que o tema vaia caducar inmediatamente, así que gardo o borrador—, ía falar sobre pisos, folgas, estudantes e xubilados, pero o mércores pola noite perdín o sono e tiven que cambiar de tema. Estaba na cama e instalóuseme detrás das costelas, moi pegado aos ósos, un malestar que non sabería describir, algo que se parece á rabia, pero non é rabia. Un sabor metálico síntoma de fastío. Xa me estou acostumando. É recorrente. “Non deberías ler o xornal pola noite”, recoméndame unha amiga cando llo conto ao día seguinte. Non podo evitar pensar que o mundo me está dicindo que a inxestión de realidade é como a inxestión de carbohidratos: a partir dos 30, o mellor é evitala a toda costa.

O caso é que ás veces, cando se me acumulan as malas novas, dáme por pensar en que levará Alfonso Rueda na mochila. Coma na serie de Vogue. O fácil, despois de ver o seu vídeo viral preparándose para o encontro en Moncloa con Pedro Sánchez, sería imaxinala chea de rotuladores de todas as cores para poder subliñar a gusto. Unha axenda Moleskine, un estoxo sobrio. Pero o certo é que esa mochila negra coa que o noso presidente busca conservar un aire de traballador da empresa privada (coma se lle fixese falla aparentar o que é evidente), leva dentro en realidade un pico e un casco con lanterna. Ou iso me parece a min. Estou convencido de que no interior do edificio de San Caetano o equipo á fronte da Xunta cava un túnel (ou varios) a ningures. Alguén comezou rascando cunha culler de postre na moqueta dun despacho e xa non puideron parar. O chan que pisamos quebra a cada paso. Hai un verme na mazá.

Unha tradición que me gusta moito de La Voz de Galicia é a das súas enquisas online. Cando os lectores votan en contra dos seus intereses, repiten ao día seguinte a mesma pregunta pero formulada dun xeito diferente. Se a cidadanía insiste en desmentir a liña editorial, a consulta simplemente desaparece e o nivel de propaganda institucional aumenta. Esta é unha boa descrición sobre como funcionan as cousas neste país cando menos dende hai quince anos. Que as traballadoras da TVG levan 332 semanas denunciando a manipulación informativa, o enchufismo e as presións internas? Que convocan unha nova folga? Pois externalizamos un matinal e poñemos á súa fronte unha presentadora traída de Telemadrid. Que o Consello de Europa di que deberiamos permitir que as materias científicas se impartan en galego? Avancemos na lei de medios que permitirá que o castelán entre na TVG, sigamos recortando profesorado, creemos contidos educativos online onde as únicas mestras que falan o fan en español. Que facemos caixa coas persoas dependentes? Pois total están para morrer, o país enteiro está para morrer. Que o Consello de Contas nos fiscaliza? Declarémonos inauditables. Que aos galegos lles doe unha deda? Amputémoslles unha perna.

E mentres todo isto sucede, o mundo continúase sorprendendo de que decidamos vivir así. A min mesmo me asombra ás veces, pero axiña lembro que a sociedade galega é vítima dun secuestro, democrático, pero secuestro. Que a febleza das nosas institucións é absoluta fronte á fagocitación do Partido Popular: un exemplo recente témolo no informe do Consello da Cultura Galega contra Altri e a resposta inmediata por parte do xefe de informativos da Radio Galega. O goberno da Xunta xa non precisa desmentir aquilo que o avergonza, pódese limitar a humillar ao outro. No país que constrúen baixo terra non operan as nosas leis, nin a nosa historia. Non ten sentido a nosa vontade.

E daquela, que nos queda? O malestar? Como concilio o sono sen renunciar a estar esperto? O único que podemos facer, supoño, é intentar asimilar empachos de realidade, sermos quen de conectar o que nos pasa a diario coas cifras nos xornais. Asociarnos e facer ruído. Falar con quen pensa distinto. Remexernos o máximo posible. Canto máis grande o túnel que furan na Xunta, máis forte o eco do noso descontento. Oxalá cando todo caia, eles sigan dentro. Mochila incluída.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats