Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Cousas pequenas coma estas

Protesta contra Altri en la Praza do Obradoiro de Santiago

0

Non o tome a mal, Bill —seguiu ela, pousando a súa man no brazo do home—. Como xa lle dixen, sei que non é asunto meu, pero esas monxas parten moito o bacallau en todas as partes.

El deu un paso atrás, e desta volta mirouna aos ollos.

—Seguramente teñen tanto poder como nós lles deamos. Non cre, señora Kehoe?

—Non estaría eu moi segura diso.

Quen escribe é a irlandesa Claire Keegan —traduce ao galego Isaac Xubín, publica Rodolfo e Priscila— na súa última novela, breve e intensa, titulada Cousas pequenas coma estas. Ambientada nos 80, o seu protagonista, Bill Furlong, traballa repartindo leña e carbón polas casas. Faltan poucos días para o Nadal. Entre as súas numerosas entregas, o convento da vila. Alí, Furlong descubrirá a verdade sobre un dos grandes abusos da Igrexa Católica no seu país. Alí, froito dunha casualidade, dunha porta entornada que non debera abrir, a historia con maiúsculas enguedellarase na súa propia historia. Alí, o home confrontarase co poder.

Non escribo hoxe sobre a novela de Keegan só porque me entusiasmase a súa lectura —que tamén, recoméndollela encarecidamente—, senón porque atopei nela, se cadra, unha metáfora perfecta para intentar expresar a frustración que sinto ante o devir político do meu país. Hai unha semana, reuniámonos en Compostela milleiros e milleiros de persoas —100.000 segundo a organización, 40.000 de acordo coa Policía Local— convocadas polas plataformas Ulloa Viva e En Defensa da Ría. Fomos alí para berrar, unha vez máis, “Altri non!”, para soster coas nosas propias mans o curso do río, que atravesou Compostela ata o seu corazón na Praza do Obradoiro. Foi unha marcha lenta: todo o mundo querendo rozar un momento coa punta dos dedos a longa tea azul que representaba o Ulla e a fraxilidade do seu torrente milenario. Houbo música e bailes, houbo quen falou, houbo intres de silencio e un sol de inverno redondísimo acariñándonos contra o frío. A xente non paraba de lembrar a histórica manifestación dos paraugas contra o Prestige. Berrouse outra vez “Nunca Máis!”. Nunca máis o Prestige, nunca máis os incendios, nunca máis o espolio natural (minas, parques eólicos, plantas de celulosa). Porén, cando cheguei á casa, non podía evitar preguntarme se a manifestación non era tamén outra parte do ciclo infinito. Se o “Nunca Máis!” non sería un retrouso de coro de traxedia grega.

Dígoo, porque xa estando alí, ateigando unha, dúas veces a praza do Obradoiro —tanto ten se eramos 40 ou 100.000— xa sabiamos o que sucedería ao día seguinte: o Partido Popular puxo a traballar a súa maquinaria. Saíu Paula Prado dicir que aquela era unha manifestación do BNG, pura política de partido, desacordo parlamentario, xogo sucio. Saíu o Telexornal do mediodía cumprir coa eficacia do NO-DO. E Alberto Varela, xefe de informativos da CRTVG, explicoulles dende a radio aos seus oíntes, coma sempre, como funciona realmente o mundo. Isto foi o que dixo: “Onte vimos moita xente na manifestación anti Altri, pero a pregunta é se a sociedade galega está en contra”. E digo eu: a pregunta é se a sociedade galega, igual ca Bill Furlong, está exposta á verdade. Se a viu de fronte e sen reparos. A pregunta é quen desinforma as galegas. A pregunta é quen desacredita as institucións. A pregunta é quen domina os medios. Quen defende os por enriba de todo os intereses dos empresarios. Quen domina sobre a maioría.

“Teñen o poder que lles damos”, lémbranos Keegan. Pero quizais é tarde para que moitos se decaten de que o poder era algo emprestado, temporal. Que o poder non é un, frontal, indivisible. Senón máis ben algo múltiple, fráxil, suxeito á vontade de demasiadas. O Partido Popular de Galicia parte xa demasiado o bacallau en todas as partes, si, pero esa non é razón para non seguir saíndo á rúa. Quizais cada vez que berramos “Nunca Máis” non queremos dicir que non se vaia repetir, senón que seguiremos aquí, en pé, dispostas a mirar de fronte a quen nos minte. Porque a historia, sabémolo, está feita de cousas pequenas coma estas.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats