Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
O medo non para
“Así comezou a Terceira Guerra Mundial, e despois seguiron outras tres.”
Stefano Benni, Terra! (1983)
Unha vez dixen nunha entrevista que sempre me dá a sensación de estar a mirar para outro lado cando acontece algo importante, e cando a leu miña nai díxome que iso nos pasa a todos, que é lei de vida. Como boa nai, ela sempre lle quita drama ás cousas que digo para que non me tome demasiado en serio a min mesma, pero neste caso coido que tiña razón. Non sei se é lei de vida ou máis ben un signo dos tempos, pero é tal a homoxeneización informativa, que sempre estamos a mirar para onde nos din que miremos mentres ao noso redor acontecen cousas importantes.
Esta semana un alumno preguntoume se non lle tiña medo á guerra nuclear, e por un momento pensei en cantarlle a de Mr Snoid de Kortatu, pero o meu alumnado xa me considera vella abondo sen que lles cite referencias culturais do século pasado. Eu que pensaba que o pánico nuclear xa pasara de moda. En Gaza non vimos unha nube con forma de cogomelo pero si todo o horror que esta tapou en Hiroshima; Netanyahu e os seus socios europeos e americanos están decididos a aniquilar agora o Líbano, e así e todo atopamos o xeito de afastar a ollada dun xenocidio real, en directo nas nosas pantallas, para nos recrear nunha hipotética guerra nuclear na que poder visualizarnos como vítimas. Xa saben, facer a supervivencia, darlle saída a todo o que aprendemos tras anos de xogar ao Fallout e de ver series de zombis.
Lin en algures que desde que se inventaron as armas nucleares a nosa existencia é máis improbábel cada día que pasa, pero a min iso sóame a retórica cuántica. Desde que se inventaron as armas nucleares asistimos a crimes de lesa humanidade perpetrados con metralleta, con napalm, con machetes e con drons, o Mediterráneo é unha fosa común, e aquí seguimos no noso seguro fogar europeo xogando a asustarnos con cocos doutros tempos, ou co que a tele diga que toca agora. Hai un par de semanas vin un titular nun programa matinal de TVE que dicía “Preocupante aumento de peleas”. A presentadora non aportou un só dato que confirmase ese preocupante aumento, pero os seguintes dez minutos as voces dos contertulios debateron sobre o mal que está todo e que tempos estes que nos tocaron, mentres a imaxe amosaba en bucle o vídeo dunha liorta nunha rúa, gravado desde un balcón. Se o titular da peza fose “preocupante aumento de vídeos en redes sociais” sería máis acaído.
En Santiago, Borja Verea, o Iznogud do PP que quere ser alcalde en lugar da alcaldesa, tamén volveu dar a roncha coa inseguridade cidadá, seica estamos a un nadiña de ir polo Ensanche e atoparnos co Vaquilla, o Torete e o Home do Saco. Pregúntome a quen lle interesa que nos asustemos con vídeos de pelexas e con debates sobre inseguridade, e respóndome eu mesma. Hai un par de semanas Securitas Direct, os racistas que venden alarmas aludindo á etnia dos teus veciños, dábanlle un premio á Xunta porque seica temos unha das comunidades máis seguras. A Xunta mandou ao director xeral de Emerxencias a recollelo, sen importarlles que os comerciais da empresa vaian polos barrios contando mentiras sobre cidadáns estranxeiros. E como lles ía importar, se empregan a mesma retórica que Alfonso Rueda nos seus discursos sobre migrantes.
Sufrimos o mal dos tempos (que tamén sospeito que é o mal de todos os tempos): o dedo sinala e nós miramos para as pelexas na rúa, para Venezuela, para ETA ou para onde toque, no canto de mirar que está a facer o dono do dedo coa outra man que lle quedou libre.
“Así comezou a Terceira Guerra Mundial, e despois seguiron outras tres.”
Stefano Benni, Terra! (1983)