Galicia Opinión y blogs

Sobre este blog

Pode o PP perder as eleccións galegas?

0

Comecemos polo ABC: contra a percepción xeneral o PPdeG, e máis amplamente a dereita política, carece dunha maioría inequívoca en Galicia. Detenta a Xunta, dende logo, pero nas convocatorias estatal e autonómica está por debaixo en porcentaxe de electores do bloque progresista e nacionalista.

Ofrezamos os datos. No ámbito da autonomía, no ano 2005, cando Manuel Fraga perdeu as eleccións, o PP obtivo o 45,23% dos votos; en 2020 o 47,96 %. Nos últimos vinte anos a primeira cifra representou a menor porcentaxe de votos da dereita e a última a maior. En 2005 pairaba a catástrofe do Prestige e a vellez de Fraga. En 2020 tal vez o dato máis significativo foi a hecatombe de En Marea, transformada en Galicia en Común. Na outra banda do espectro a franxa nos últimos lustros oscilou entre o 51,87 % dos votos de 2005 e o 47,18% de 2020. A porcentaxe máis baixa que obtiveron PSdeG/BNG nestas dúas décadas foi en 2012, cando estaban desarborados: nesa ocasión baixaron ao 44´63% dos votos.

Máis aló de que a división do voto en tres opcións penalice o rendemento da representación non deixa de sorprender a consistencia das correntes de fondo. O voto pode migrar do PSdeG para o BNG e destes dous grupos, facendo un bucle, para En Marea ou Podemos, e viceversa e volta a empezar. Pero apenas si cambia de campo en porcentaxe. É un electorado experto, sutil na súa versatilidade.

Se do autonómico pasásemos aos resultados das dúas últimas eleccións xerais comprobariamos que é a dereita a que obtén menor porcentaxe de votos: en 2019 a suma das opcións de dereita (PP/Vox/Cs) obtivo o 44,5 dos votos fronte ao 52,5 de PSdeG/BNG/Podemos-EU. Máis recentemente, en 2023 PP/Vox obtiveron o 48,5 fronte ao 50´3 da suma de progresistas e nacionalistas.Non hai nin que insistir en que nas eleccións municipais de 2019 e 2023 as opcións do campo progresista e nacionalista obtiveron en conxunto non só unha notable vantaxe senón certa distancia cómoda fronte ás de dereita, o que confirma a pluralidade da sociedade galega.

En definitiva, nas xerais e nas municipais gañan as esquerdas e os nacionalistas por unha marxe ou outra. Nas autonómicas gaña o PP, tamén por unha estreita marxe, aínda que a representación en deputados distorsione esa realidade de fondo. Que a hexemonía do PP en Galicia sexa incontestable dista, pois, de ser evidente.

En realidade, podería describirse a situación política en Galicia como de equipotencia con tendencia ao estancamento. Equipotencia porque no promedio das diversas convocatorias electorais apenas o 2 ou o 3% do electorado separa a vantaxe de cada banda do espectro respecto da outra. Depende fundamentalmente do carácter da elección aínda que o momento político inflúa. Estancamento, porque ningún dos bloques consegue obter unha vantaxe decisiva. A dereita tivo unha inflexión á baixa dende o comezo da democracia ata frisar o século XXI, pero dende ese momento conseguíu manterse nese nivel e reter o control da Xunta de Galicia. Non así o de concellos ou deputacións, onde foi quedando fóra de boa parte dos gobernos. Pola súa parte, polos motivos que fose –servidor ten a súa hipótese- socialistas e nacionalistas non conseguiron que a curva de declive da dereita continuara no ámbito autonómico.

O elemento moral marca a diferenza en campaña

O principal logro do PP consistiu en presentarse a si mesmo como a forza que ostenta, de modo inevitable, a dirección política de Galicia. Dada a estreita franxa de electores que deciden o signo da forza que gobernará a Xunta, implementar o derrotismo dos votantes dos seus antagonistas constituíu sempre un obxectivo decisivo. A mobilización dos propios electores e a retracción dos da oposición constitúe a meta dunha campaña electoral. O elemento moral marca a diferenza. E non cabe dúbida algunha de que o nesgo do principal da prensa galega ten como principal meta garantir que así suceda.

Poden BNG/PSdeG/Sumar gañar as próximas eleccións á Xunta de Galicia? Como acabamos de explicar, si. Teñen que darse estas condicións: mobilización do voto, sintonía entre BNG e PSdeG e, o terceiro, pero non menos importante, evitar que a división do voto penalice e/ou impida a posibilidade da propia vitoria.

Nas próximas eleccións galegas hai distintos elementos no campo da dereita que poden complicarlle a vida ao PP. Vox e Jácome poden introducir un elemento de división do electorado de dereitas que, dadas as estreitas marxes nas que se manexa a situación, poden constituir un problema para o PP. A desaparición do baltarismo, pode notarse? Esa é outra incógnita. Tampouco é claro o desempeño electoral que pode ter o actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nin a incorporación do PP de Galicia á radicalizada estratexia de confrontación da dereita española, abandonando a imaxe de moderación da que facía gala. Parece que o PPdeG, en tanto que tal, pasou a mellor vida.

Pero hai outro factor que fará que as próximas eleccións galegas sexan moi competitivas. Feijóo quere derrotar a Sánchez, como un argumento máis dentro da estratexia do PP de deslexitimación do goberno, pero o PSOE, por primeira vez en moitos anos, vai poñer toda a carne no asador. O combate vai ser menos desigual. Se o PP perdese Galicia iso, no taboleiro estatal, constituiría un xeque mate para a actual liña de dereita radicalizada. O PP tería que repensar a súa estratexia. Despois do batacazo de xullo, sería un signo fortísimo.

Vai ser, pois, unha campaña electoral nun clima de forte polarización estatal. As eleccións galegas van ser un acto crucial dentro do momento de sobreactuación e dramatismo que se vive e dirime no marco estatal. Non van a ser as clásicas eleccións de balneario. Desta lexislatura ou o PP ou o PSOE van saír damnificados. Neste momento, a política de alianzas do PP, que se reduce a Vox, pola concepción mononacional de España, impídelle o acceso ao Goberno do Estado. Se se pon en evidencia que iso expresa unha imposibilidade a longo prazo, o PP terá que volver a pensar a súa política. Caso contrario, será o PSOE o danado.

Ademais, e este factor hai que tomalo en consideración, os medios de comunicación galegos, especialmente aquel no que vostede está pensando, non van estar sós. Non van poder marcar a liña en exclusiva, dado que a atención vai ser máxima en toda España. O candidato socialista, Xosé Ramón Besteiro, non vai estar desasistido. Amigo persoal de Sánchez, a maquinaría do partido vai acompañalo. Tamén Zapatero se volcará na campaña.

A sintonía entre Besteiro e Pontón reforza a moral do votante progresista

O BNG vai sufrir esa polarización, pero a boa imaxe da súa candidata Ana Pontón e o chan do que parte pode moderar os efectos dese clima. A recente foto de investidura na que o BNG pactou importantes investimentos en Galicia, en especial no plano das conexións ferroviarias, constitúe un punto de inflexión: significa a incorporación do BNG ao bloque de goberno. A sintonía entre PSdeG e BNG, entre Besteiro e Pontón, está claro que contribúe a reforzar a moral do votante progresista. Por outra banda, pode que un certo tipo de elector considere que un goberno galego en sintonía co de Madrid poda obter beneficios.

Sumar é a terceira opción. Carece aínda de rostro, o que é un verdadeiro hándicap. Nas últimas eleccións autonómicas ese espazo, entón denominado Galicia en Común, non chegou ao 5% en ningunha circunscripción e, por tanto, os seus votos foron baldíos, para eles e para unha alternativa de goberno. A porcentaxe que Sumar achegue nesta ocasión, no entanto, podería resultar decisivo. É posible que Sumar teña opcións nas provincias costeiras e mesmo pode supoñerse que a súa ausencia podería provocar a abstención dos electores máis identificados con esa liña nas provincias de A Coruña e Pontevedra.

No entanto, as súas opcións de obter representación son mínimas en Lugo e Ourense. Sería natural que, polo menos nesas provincias, puidese forxarse unha coalición entre PSdeG e Sumar para evitar esa perda. Unha Candidatura Democrática Galega constituiría, penso, unha inestimable contribución para construír unha alternativa ao goberno Rueda e emitiría unha potente mensaxe de cordialidade e complicidade entre as esquerdas. Como na candidatura do mesmo nome que se presentou nas eleccións do 77, as primeiras despois do franquismo, a circunstancia excepcional xustifica a xenerosidade.

En definitiva, a mobilización política pode darse por descontada. Beneficiará ao PP? No pasado, o partido conservador sempre quixo escapar do aspecto de radicalidade para gañar un elector moderado. Agora están botados ao monte. Veremos que sucede nesta ocasión. O que é incuestionable é que, no panorama antes descrito, a principal vantaxe do PP deriva de que agrupa o voto de dereitas, mentres que as opcións de cambio de goberno saen perxudicadas pola súa división en tres candidaturas.

Comecemos polo ABC: contra a percepción xeneral o PPdeG, e máis amplamente a dereita política, carece dunha maioría inequívoca en Galicia. Detenta a Xunta, dende logo, pero nas convocatorias estatal e autonómica está por debaixo en porcentaxe de electores do bloque progresista e nacionalista.

Ofrezamos os datos. No ámbito da autonomía, no ano 2005, cando Manuel Fraga perdeu as eleccións, o PP obtivo o 45,23% dos votos; en 2020 o 47,96 %. Nos últimos vinte anos a primeira cifra representou a menor porcentaxe de votos da dereita e a última a maior. En 2005 pairaba a catástrofe do Prestige e a vellez de Fraga. En 2020 tal vez o dato máis significativo foi a hecatombe de En Marea, transformada en Galicia en Común. Na outra banda do espectro a franxa nos últimos lustros oscilou entre o 51,87 % dos votos de 2005 e o 47,18% de 2020. A porcentaxe máis baixa que obtiveron PSdeG/BNG nestas dúas décadas foi en 2012, cando estaban desarborados: nesa ocasión baixaron ao 44´63% dos votos.