Galicia Opinión y blogs

Sobre este blog

The previous generation

0

A primeira foto é do 28 de abril, cando se inaugurou no Museo do Pobo Galego a exposición “Unha Galicia mellor”, que conmemora os 40 anos do Estatuto. Nela podemos ver, tras o cartel da mostra, os once homes que posan ollando para a cámara. Forman unha barreira, como se fosen un equipo de fútbol ante o lanzamento dunha falta. Se nos poñemos metafóricos, parece que tratan de evitar un gol da igualdade.

É a imaxe oficial que enviou a Xunta do evento. De feito, no centro está o presidente, Alberto Núñez Feijóo, e no extremo dereito o conselleiro Román Rodríguez (seguramente, tamén, o máis novo dos presentes). Xunto a eles recoñezo o alcalde compostelán, Sánchez Bugallo; os presidentes do Parlamento e do padroado do Museo, Miguel Santalices e Justo Beramendi, e a Vázquez Portomeñe, ex conselleiro e un dos relatores do Estatuto.

Imaxino que, agochados tras as súas máscaras, aí se atoparán outros relatores, pero non son quen de identificalos. Busco máis imaxes dese día e atopo en El Correo Gallego unha foto de Lavandeira Jr para EFE que ten que ser da mesma data (a rechamante bufanda de Portomeñe non engana). Aquí hai unha morea de xente, son quince, están diante das outras escaleiras de Bonaval. O texto confirma outros catro relatores: Ramón Álvarez Cid, Camilo Nogueira, Francisco Puy e Luís Sobrado. A Camilo recoñézoo con facilidade, por iso sei que non está na primeira foto. Non é o único que falta. Semiagochado na segunda fila asoma un rostro feminino. Un entre 15. Xuraría que é Belén Hernández, a formidable xerenta do Consorcio de Santiago: un magnífico exemplo do que pode facer unha muller nun cargo executivo. Si, xa o sei: un de tantos. De tantísimos. De aí que siga sen comprender que este tipo de actos teimen en caer no todopirolismo.

“Ningún galego quedou excluído da gran obra da autonomía”, dixo Feijóo na inauguración da mostra. Por iso, catro décadas despois, faise tan rechamante que as mulleres si queden excluídas da súa conmemoración. Ollo, non toda a culpa é da organización: quen votou un home para presidente da Xunta ou para alcalde de Santiago foi a cidadanía, así que non agochemos a nosa parte de responsabilidade…

Se queremos ser algo indulxentes, podemos pensar que en realidade esta imaxe non quería representar a Galicia actual, senón a de hai 40 anos. Lembremos que cando o Parlamento organizou unha mesa redonda sobre este mesmo tema só invitou directores de xornais en papel. En papel. No ano 2021. Sería a mellor metáfora de como avellenta o réxime do 78 se o 4M non demostrase que goza dunha excelente saúde.

O problema non é cando se mira ao pasado -pasado eminentemente masculino, of course-, senón cando estes mesmos comportamentos ollan cara ao presente e mesmo ao futuro. Non falamos da xeración anterior, senón da seguinte. Non da previous generation senón da Next Generation: os fondos europeos que choverán como maná para rescatarnos da crise económica provocada pola pandemia. Isto lévanos á terceira foto.

Luns, 3 de maio. Esa terceira en realidade son varias. Nunha vemos señores de pé departindo de xeito informal; noutra, eses mesmos señores, e algúns máis, aparecen sentados arredor dunha mesa. Acababan de constituír o consello de administración da Sociedade para o desenvolvemento de proxectos estratéxicos para Galicia. Nove representantes. Nove. Todos homes.

Hoxe non é o meu obxectivo analizar ese órgano que a deputada nacionalista Noa Presas (unha muller!) definiu como “chiringuitada”, nin tentar entender por que nel suman máis representación Abanca ou Reganosa (polas que ninguén votou) que a Xunta de Galicia. Os bancos que rescatamos entre todos para despois regalalos e as empresas de ubicación dubidosa teñen todo o dereito do mundo a elixir os seus cargos tirando de testosterona. Porén, un pensa que o goberno galego debería funcionar doutro xeito; mesmo chega a preguntarse se o papel real de conselleiras cunha traxectoria tan longa como Rosa Quintana ou Ethel Vázquez non queda reducido a algo meramente cosmético. Cousas como esta case fan que un bote de menos a Marta Fernández Currás; claro que logo lembro a due diligence de KPMG sobre as caixas e xa se me pasa…

Haberá unha cuarta foto, porque Feijóo dixo despois que a composición deste órgano de dirección non era “definitiva”. “Podo confirmar e confirmo que hai mulleres pendentes da autorización do organismo ao que pertencen”. Máis aló do paternalismo da frase, cando as incorporacións se produzan -que estou seguro de que o farán- veremos se son só para a galería ou realmente se busca a mulleres con criterio e coñecemento. Que as hai, a moreas, e non só na Fundación Sargadelos.

Se estes fondos europeos cumpren as expectativas que hai depositadas neles dentro de 40 anos ben merecerán unha conmemoración. Só agardo que, para daquela, a foto dos seus xestores non se pareza á do aniversario de Estatuto e que as nosas fillas e netas non medren pensando que a igualdade deberá ser aínda unha vitoria da seguinte xeración.

A primeira foto é do 28 de abril, cando se inaugurou no Museo do Pobo Galego a exposición “Unha Galicia mellor”, que conmemora os 40 anos do Estatuto. Nela podemos ver, tras o cartel da mostra, os once homes que posan ollando para a cámara. Forman unha barreira, como se fosen un equipo de fútbol ante o lanzamento dunha falta. Se nos poñemos metafóricos, parece que tratan de evitar un gol da igualdade.

É a imaxe oficial que enviou a Xunta do evento. De feito, no centro está o presidente, Alberto Núñez Feijóo, e no extremo dereito o conselleiro Román Rodríguez (seguramente, tamén, o máis novo dos presentes). Xunto a eles recoñezo o alcalde compostelán, Sánchez Bugallo; os presidentes do Parlamento e do padroado do Museo, Miguel Santalices e Justo Beramendi, e a Vázquez Portomeñe, ex conselleiro e un dos relatores do Estatuto.